“Todos os grupos, mesmo os que fixeron alcaldesa á señora Lara Méndez, coincidimos onte no Pleno en que este é un Goberno nefasto e que entre todos debemos buscar unha solución”, argumentou a voceira de Ciudadanos 

Lugo, 23 de decembro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao reiterou esta mañá que, “ante a parálise absoluta do Goberno da socialista Lara Méndez”, está disposta a buscar o consenso necesario para promover unha moción de censura e buscar un Goberno alternativo como “única solución” diante do que cualificou como “o peor Goberno da historia da democracia que tivo a cidade de Lugo”.

“Todos os grupos municipais, mesmo os que fixeron alcaldesa á señora Lara Méndez, coincidimos onte no Pleno do estado da Concello en que este Goberno é nefasto e que algo hai que facer para poñerlle remedio”, argumentou Olga Louzao. “Pois só hai dúas posibilidades –dixo– ou seguir na inoperancia até o final do mandato ou poñerlle solución”.

A voceira de Ciudadanos afirmou que “a moción de censura non é nada tráxico, simplemente é unha ferramenta legal prevista precisamente para casos coma este, para cambiar un Goberno que leva dous anos absolutamente perdidos”. Olga Louzao tamén defendeu que “é o momento oportuno, na metade do mandato, porque aínda hai tempo para que un novo Goberno reconduza o rumbo do Concello e non se perdan outros dous anos máis”.

Por iso, a líder de Ciudadanos anunciou que se a alcaldesa Lara Méndez non é capaz de sacar adiante os Orzamentos do vindeiro ano promoverá unha moción de censura na procura dun novo Goberno “eficaz e que traballe por Lugo e por resolver os problemas aos veciños e veciñas desta cidade”. “Isto vai en serio, Ciudadanos non ten medo e Olga Louzao tampouco. Nós non temos ansias de poder, o único que queremos é que as cousas cambien neste Concello”, dixo.

“O PP parece non estar en disposición de asumir este reto”

A voceira de Ciudadanos no Concello afirma que “correspondería ao Partido Popular, que foi a forza máis votada nas eleccións municipais e a que máis concelleiros ten na Corporación, nove, dar o paso e presentar unha alternativa de Goberno, pero parece que o PP non está en disposición de asumir este reto; agora mesmo terían incluso un problema grave á hora de poñerse de acordo para propoñer un candidato alternativo”.

Por iso, afirma Olga Louzao, “se a alcaldesa non é capaz de sacar adiante os Orzamentos do vindeiro ano quedará en evidencia a absoluta minoría deste Goberno e a súa incapacidade para chegar ao final do mandato, polo que haberá que buscar unha solución ao desgoberno deste Concello”, xustificou. Se isto ocorre, avanzou, Ciudadanos iniciará contactos co resto de grupos da Corporación para buscar “o consenso necesario para un Goberno alternativo”. “Ciudadanos ten só dous concelleiros e non ten capacidade legal de presentar unha moción de censura, pero si de propoñela, e por nós non vai quedar. Esa vai ser a hora da verdade e veremos o que fai cada quen. E haberá que mollarse, por iso o anuncio hoxe, para que a ninguén colla desprevido”, indicou a voceira de Ciudadanos.

A incongruencia de Lugonovo

Olga Louzao convidou tamén a Lugonovo e ao seu voceiro, Santiago Fernández Rocha, “a decidirse a dar un paso adiante e aclarar dunha vez por todas se é Goberno ou oposición”. “Se o señor Santiago Fernández Rocha quere entrar no Goberno non lle fai falla ninguén máis, nós non imos boicotear iso, nós o que queremos son solucións e se el está convencido de que as ten pois que as aplique desde o Goberno. Pero se non entra no Goberno e di que este Goberno é un desastre, o que debería facer é permitir outro”, convidouno a voceira de Ciudadanos.

En todo caso, dixo Olga Louzao, “se Lugonovo entra no Goberno sería ben curioso ver ao señor Santiago Fernández Rocha defender e asumir cuestións como as privatizacións de servizos, o Plan Xeral de Orozco, Besteiro e Liñares, ou o pago de facturas sen ningún tipo de contrato”, incidiu.

“A actitude do Goberno socialista cos contratos caducados roza a prevaricación”

Neste sentido, Olga Louzao afirmou que “a actitude do Goberno socialista en relación ás ducias de contratos caducados que hai neste Concello roza a prevaricación”. “Onte no Pleno o Goberno defendeu que ter caducados os contratos é máis vantaxoso economicamente para os cidadáns de Lugo, polo que están recoñecendo que non poñen remedio a esta situación de forma intencionada e voluntaria, unha actitude que roza claramente a prevaricación”, dixo a voceira de Ciudadanos.

Explicou que un terzo do Orzamento municipal está “subcontratado e xestionado con empresas privadas”, en concreto 27 dos 90 millóns de euros do Orzamento deste ano 2016. Deses 27 millóns de euros, 11 páganse de maneira irregular, sen ningún tipo de contrato ou con contratos caducados, saltándose polo tanto os procedementos legalmente establecidos. Como último dato, Louzao explicou que o Concello de Lugo gasta máis en pagar servizos subcontratados a empresas privadas do que destina a pagar a todo o cadro de persoal do Concello, que supón 25 millóns de euros anuais.