Con eses cartos o Goberno Municipal podía contratar 14 axentes máis para patrullar as rúas

Xesús Expósito afirma que “os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis senón na rúa patrullando”    

Lugo, 20 de decembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos pide á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que se tome en serio o problema da Policía Local. O concelleiro de Ciudadanos, Xesús Expósito, afirma que “o corpo da Policía Local é un dos servizos municipais que máis queixas recibe da cidadanía de Lugo, que reclama maior presenza de axentes na rúa e maior implicación na súa labor de garantir a seguridade pública”.

Ciudadanos explica que o custo en salarios dos 125 membros da Policía Local (95 axentes e 30 mandos) ascende a 5 millóns de euros ao ano, aos que hai que engadir máis de 350.000 euros repartidos en concepto de produtividade e horas extra. En concreto, Lara Méndez pagoulles o ano pasado un total de 190.000 euros en concepto de horas extra e reservou nos Orzamentos deste ano 2016 180.000 euros para abonarlles en concepto de produtividade.

Xesús Expósito explica que con eses cartos (370.000 euros) poderíanse contratar 14 axentes máis para patrullar as rúas. Ciudadanos non entende como se pode pagar productividade á Policía Local cando é o servizo que máis queixas recibe da cidadanía polo seu mal funcionamento, nin tampouco como se lles poden pagar horas extra facendo 27 horas efectivas de traballo á semana, cando deberían facer 35.

Ciudadanos critica tamén que o Goberno municipal creara 6 novas prazas de mandos da Policía Local para o vindeiro ano “cando o que realmente precisa a cidade de Lugo son axentes na rúa e non xefes nos despachos”. Xesús Expósito explica que dos 125 membros da Policía Local 30 son mandos e outros 7 están en tarefas administrativas só en horario de mañán, aos que hai que engadir 3 membros da Patrulla Verde, que tampouco fan turnos e 2 axentes máis encargados do Gabinete de tráfico, polo que “os axentes dispoñibles para estar na rúa nos 6 turnos nos que se divide o seu traballo son moi escasos”.

Policía de proximidade ao servizo da cidadanía

Ciudadanos considera necesario “actualizar” o Regulamento polo que se rexe a Policía Local así como unha “reorganización do corpo adaptada ás novas funcións que debe realizar”. Neste sentido, Ciudadanos defende que un modelo de Policía local “de proximidade”, cos axentes “na rúa ao servizo do cidadán e contribuíndo a unha maior seguridade pública”.

Xesús Expósito afirma que a Policía Local ten “poucos efectivos”, polo que “é preciso optimizar a actual plantilla deficitaria mediante unha reorganización do corpo”. “Pensamos que os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis senón na rúa patrullando, que é o que reclama a cidadanía de Lugo”, conclúe Expósito. Ciudadanos considera “que non é lóxico que nun turno haxa só 4 policías patrullando e 8 nas oficinas”.