O contrato, que sairá a licitación nos vindeiros días, pasa de 26.845 euros actuais a 41.300 sen que se xustifiquen as melloras que suporá este incremento
Ciudadanos denuncia que o contrato segue sen incluír a actualización das páxinas web do San Froilán e o Arde Lucus, polas que o Concello pagou a maiores este ano 16.000 euros.
Lugo, 16 de decembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos denunciou hoxe que o Goberno socialista vai incrementar nun 50% o custo do mantemento e actualización de contidos dentro da páxina web municipal, que vai pasar dos 26.045 euros que custa na actualidade a 41.300 euros sen que se xustifiquen as melloras que se van producir con este importante incremento.
A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explicou que o Goberno de Lara Méndez aprobou a semana pasada na Xunta de Goberno o prego de condicións para sacar a concurso a actualización de contidos no portal www.lugo.gal por un importe de 3.441 euros mensuais. O prazo do contrato é dun ano coa posibilidade de prorrogalo un ano máis. A empresa que actualmente realiza estes traballos, Tecnoloxías Plexus S.L., co contrato caducado desde o 5 de abril do ano pasado, cobra 2.278 euros ao mes por realizar estas tarefas.
No prego de condicións que nos vindeiros días sairá a licitación inclúese a actualización de contidos do portal www.lugo.gal, incluídas as páxinas web específicas que colgan del, como son a do Cei-Nodus, a do EspazoLab, a do Servizo de Prevención de Drogas e a do Europedirect. Sen embargo, tal como denuncia Ciudadanos, segue sen incluirse no novo contrato o mantemento das páxinas web do San Froilán e do Arde Lucus, que malia ser dous dos acontecementos máis importantes da cidade, non colgan do portal municipal.
Olga Louzao considera “un despropósito” este xeito de actuar e pregúntalle a Carmen Basadre, responsable de Cultura, se non se fala coa concelleira responsable de Novas Tecnoloxías, Rosana Rielo. A actualización das páxinas web do San Froilán e o Arde Lucus foron contratadas “por libre” por Carmen Basadre e supuxeron un custo a maiores de 8.469 euros no caso da festa romana e 7.502 euros no caso das patronais. Nos dous casos foron adxudicadas á mesma persoa baixo o CIF de dúas empresas distintas mediante un contrato menor sen publicidade.
Co agravante, explica a voceira de Ciudadanos, que a do San Froilán foi adxudicada o día 30 de setembro, só catro días antes de que comezaran as festas. A duración do contrato establecía tres meses e especificábase que a empresa dedicaría 5 horas todos os días a actualizar a páxina web e as redes sociais da festa. Pero como o San Froilán rematou o día 12 de outubro, a empresa cobrou 7.502 euros por tan só 15 días de traballo, denuncia Olga Louzao.
O Concello de Lugo, á cola en trámites a través da web
Olga Louzao afirmou ademais que “a páxina web do Concello debe servir para que os cidadáns poidan realizar trámites sen saír da súa casa e non só para colgar as fotos dos saraos aos que vai a alcaldesa”. Neste sentido, botou man dun informe presentado a pasada semana pola Asociación de Internautas sobre a utilidade das páxinas web dos distintos concellos do Estado que indica que Lugo está á cola na tramitación dixital, entre as 11 cidades do Estado que menos trámites a través da súa web permite facer, en concreto menos de 30, tres veces menos que a media do resto de cidades.