A plantilla actual do corpo está formada por 125 axentes, moitos deles dunha idade avanzada. Ciudadanos (C’s) calcula o adiando da xubilación podería reducir a plantilla nun 25%
A oferta de emprego público deste ano non prevé novos policías pero crea seis prazas para novos mandos dentro do corpo, polo que Xesús Expósito afirma que “a Policía Local de Lugo vai camiño de converterse nun corpo con moitos xefes e poucos axentes”
Lugo, 14 de decembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos (C’s) alertou novamente esta mañá da situación na que se atopa a Policía Local, formada neste momento por 125 membros, pero que podería verse mermada de xeito moi importante coa entrada en vigor no vindeiro mes de xuño do Real Decreto acordado onte entre a FEMP e o Ministerio de Emprego para adiantar a idade de xubilación dos policías locais aos 60 anos.
O concelleiro de Ciudadanos (C’s) Xesús Expósito calcula que o número de membros do corpo podería verse reducido nunha cuarta parte, dado o alto grado de envellecemento da plantilla actual da Policía Local de Lugo, posto que nos últimos anos non foron convocadas prazas para novos axentes que fosen substituíndo aos que se xubilaban e rexuvenecendo a plantilla.
De feito, o Goberno local convocou para mañá mércores a Mesa Xeral de Negociación na que vai tratar cos sindicatos, entre outras cuestións, a Oferta de Emprego Pública deste ano, na que non se contempla ningunha praza para novos axentes. Inclúense, sen embargo, 6 novas prazas de mandos dentro da Policía Local, que serán cubertas por promoción interna entre os actuais axentes. En concreto, trátase dunha nova praza de inspector principal, tres inspectores e 2 oficiais, co que “a Policía Local de Lugo vai camiño de converterse nun corpo con máis xefes que axentes”, criticou Xesús Expósito. Con esta reorganización deseñada polo Goberno, o corpo pasará a contar con 28 mandos e só 97 axentes.
Situación de “colapso” por unha política de persoal “errática”
Xesús Expósito afirmou que á situación de “colapso” á que se chegou na Policía Local e noutros moitos servizos do Concello débese “á errática política de persoal deste Goberno”, que “en dous anos non foi quen de convocar nin unha soa praza”. Neste sentido, o concelleiro de Ciudadanos explicou que a Oferta de Emprego Público do ano 2015 atópase recurrida, polo que Lara Méndez leva desde que foi escollida alcaldesa sen crear un só posto de traballo, “malia ás carencias evidentes de persoal en moitos servizos do Concello”.
No caso da Policía Local, hai vacantes 10 prazas de axentes desde hai varios anos, procedentes da reorganización efectuada na época de Orozco, que non se poden cubrir porque non foron convocadas no seu momento. “Chegouse a esta situación pola deixadez dos sucesivos Gobernos socialistas, primeiro do señor Orozco e agora da señora Lara Méndez”, afirmou Expósito.
A xefa de Persoal considera ilegal a intención do Goberno de primar a 24 interinos
Na orde do día da Mesa Xeral de Negociación convocada para mañá mércores ás 11 horas figura tamén a proposta do Goberno local de Modificación das Bases Xerais para o acceso en propiedade a prazas de funcionarios no Concello de Lugo para incluír o sistema de concurso-oposición, que o Goberno de Lara Méndez pretende aplicar a 24 traballadores interinos que levan máis de 5 anos desempeñando funcións diversas no Concello de Lugo. Ciudadanos advirte da “ilegalidade” desta proposta, que pretende “primar” a estas persoas, unha parte das delas entraron a traballar no Concello en fraude de lei, sobre o resto de cidadáns no acceso a prazas do Concello e consolidalas de por vida como funcionarios municipais.
Xesús Expósito revelou que os propios informes xurídicos da xefa de Persoal do Concello advirten da ilegalidade das intencións do Goberno. A responsable de Persoal indica no seu informe, que mañá será debatido na Mesa Xeral de Negociación, que tanto a lexislación en materia laboral como as sucesivas sentenzas xudiciais neste ámbito “non permiten que a Administración poida escoller con absoluta liberdade entre oposición e concurso-oposición” e aclara que “o concurso-oposición entraña un maior risco de adscripción ad personam de cara a que se privilexie a un dos aspirantes, sobre todo á vista dos méritos da fase de concurso, o que resulta contrario aos principios de ingualdade, mérito e capacidade” polo que “a Administración acudirá a este proceso selectivo, con carácter excepcional, en razón dos cometidos que leva aparellado o posto de traballo cuxa cobertura sexa obxecto da convocatoria”. Polo tanto, non como pretende o Goberno, en función de que a persoa leve de interina máis ou menos tempo.