Ciudadanos mostra a súa preocupación polas consecuencias da orde de peche decretada para o parking Ánxel Fole e a falta de alternativas polas reducidas dimensións das prazas de estacionamento dos aparcadoiros públicos
Olga Louzao critica que a alcaldesa eliminase en xullo de 2015 a ORA e decrete agora o peche do Ánxel Fole “sen ter alternativa nin plan B para ningunha das súas decisións”
Lugo, 13 de decembro de 2016. O Goberno municipal socialista vén de autorizar unha suba do 0,2% nas tarifas dos tres aparcadoiros públicos da cidade (Santo Domingo, Praza de Ferrol e Praza da Constitución) para o vindeiro ano. Segundo o decreto asinado pola concelleira de Economía, Ana Prieto, este incremento correspóndese co IPC interanual de setembro de 2015 a setembro de 2016.
O Goberno que preside Lara Méndez atende deste xeito un escrito presentado pola empresa concesionaria, Interparking Hispania S.A. o pasado 25 de outubro no que solicitaba autorización para suba. As novas tarifas, que rexerán desde o vindeiro 1 de xaneiro quedan do seguinte xeito: os primeiros 92 minutos de estancia a 0,0292322 euros por minuto e o resto, a partir no minuto 93, a 0,0194883 euros por minuto. Estas tarifas redondearanse á baixa en fraccións de 5 en 5 céntimos. A partir das 11 horas e 59 minutos e até as 24 horas (día completo) o prezo será de 14,9 euros.
O grupo municipal de Ciudadanos criticou que estas subas non vaian acompañadas dunha mellora nas dimensións das prazas de estacionamento dos tres aparcadoiros públicos, moi reducidas e que dificultan o seu uso. Neste sentido, a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, afirmou que “o baixo nivel que ocupación que rexistran habitualmente estes tres parkings municipais débese en boa medida ao pequeno tamaño da súas prazas”.
Peche do aparcadoiro Ánxel Fole
O grupo municipal de Ciudadanos mostrou tamén a súa preocupación pola orde de peche decretada polo Goberno municipal para o parking Ánxel Fole, ubicado na rúa do Teatro, e a falta de alternativas para as 400 prazas de estacionamento público que se perderán. “Hai que ter en conta que entre os tres aparcadoiros municipais só suman 644 prazas (223 o de Santo Domingo, 233 o da Praza do Ferrol e 188 o da Praza da Constitución)”, lembrou Olga Louzao.
A voceira de Ciudadanos explica tamén que no Ánxel Fole, ademais das 400 prazas de estacionamento público, hai prazas de aparcamento privadas de residentes que mercaron unha praza ou a teñen alugada, polo que lle pregunta á alcaldesa “que solución lle vai a dar a estas persoas”.
“Improvisación constante” deste Goberno
Olga Louzao criticou a “improvisación constante” deste Goberno, que “toma decisións sen medir as súas consecuencias e sen ter alternativa nin plan B para ningunha destas decisións”. Neste sentido, lembrou que a alcaldesa, Lara Méndez, comprometeuse a crear novos aparcadoiros disuasorios na cidade e “no ano e medio que leva no cargo, no canto de crear unha soa praza nova, o que fixo foi reducir as que había, primeiro eliminando a ORA en xullo de 2015 sen alternativa algunha e agora pechando o aparcadoiro público máis grande da cidade”.