Xesús Expósito defende unha solución similar á existente en Fontiñas, onde os peóns teñen prioridade sobre os coches nos cruzamentos
Suporía a eliminación das dúas rotondas existentes en Pintor Corredoira e en Marina Española e o pintado de pasos de peóns
Lugo, 25 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos propón dar continuidade á mediana da Avenida de Ramón Ferreiro desde o seu comezo, na Praza Horta do Seminario, até a súa desembocadura na Avenida de Madrid á altura da Fonte do Rei. O concelleiro Xesús Expósito propón unha solución similar á existente na Avenida das Fontiñas, onde os viandantes e ciclistas que van pola mediana teñen preferencia sobre os vehículos nos cruzamentos. “Tal como está deseñada a día de hoxe, a mediana é inservible porque os peóns teñen que ir facendo zig-zag polas beirarrúas para poder pasar dun tramo da mediana ao seguinte”, explica o concelleiro Xesús Expósito.
A solución proposta por Ciudadanos, similar á que xa existe en Fontiñas, supón dar continuidade aos distintos treitos da mediana mediante pasos de peóns. Sería necesario para iso eliminar dúas pequenas rotondas existentes que non cumpren a súa función porque en ningunha delas está permitido xirar en redondo. Serían as ubicadas nas interseccións con Pintor Corredoira e Marina Española. A primeira delas, mesmo foi pechada xa mediante xardineiras e é un lugar usado habitualmente como aparcadoiro. Ciudadanos considera que a eliminación destas dúas rotondas e a súa substitución por cruzamentos ao nivel da calzada non suporía ningún problema para o tráfico e permitiría dar continuidade á mediada.
Xesús Expósito lembra que “cando se fixo a reforma da mediana da Avenida de Ramón Ferreiro deixáronse rebaixes, polo que agora trataríase só de pintar os respectivos pasos de peóns”. Do contrario, explica, “eses rebaixes acaban na calzada, como acontece a día de hoxe, e son moitos os cidadáns e cidadás que cruzan igual dun tramo da mediana ao outro sen contar con medida de seguridade algunha, como sería a existencia de pasos de peóns”. A proposta de Ciudadanos permitiría que a mediana central desta avenida puidese ser utilizada como paseo e mesmo usada como carril bici para enlazar o centro da cidade co campus universitario a través dun carril bici na Avenida de Madrid.
“Que Piñeiro fillo acabe o que empezou Piñeiro pai”
Ciudadanos lembra que a reforma da mediana da Avenida Ramón Ferreiro, acometida no ano 2006 con José Piñeiro como concelleiro de Infraestruturas, foi unha obra polémica que acumulou importantes retrasos. Supuxo a eliminación dunha escultura de Puchades adicada aos mortos na Guerra Civil, que o anterior alcalde, José Clemente López Orozco anunciou que sería substituída por outra de Isaac Díaz Pardo que se ubicaría fronte ao Gran Hotel, onde estaba o antigo cemiterio e lugar nunca chegou a instalarse. E tivo ademais “outras improvisacións importantes como facer unha rotonda para despois pechala con xardineiras ou facer rebaixes para cadeiras de rodas na mediana que desembocan en plena calzada”.
Por iso, Xesús Expósito considera que a obra está ainda “inacabada” e pide ao actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, fillo de José Piñeiro, “que acabe o que empezou seu pai e corrixa estes despropósitos”. “No pleno celebrado esta semana Daniel Piñeiro, en actitude cristiá, pediu perdón polo erros que cometeu no plan urbanístico do campus e desde Ciudadanos pedímoslle que non abandone esa actitude e faga o favor de correxir as chapuzas que durante anos cometeu seu pai”, pediulle Expósito, que ironizou con que “cando a obra estea rematada deixámoslle poñer unha praca para inaugurar o paseo que diga esta obra foi acometida por dúas xeracións da familia Piñeiro, iniciada por José Piñeiro en 2006 e rematada 10 anos despois polo seu fillo Daniel Piñeiro“, bromeou.