Hai máis dun ano que o Pleno aprobou, a iniciativa do Grupo de Ciudadanos, a redacción desta normativa municipal co obxectivo de regular a colocación de balados publicitarios dentro do termo municipal
Xesús Expósito pide que dentro desta ordenanza se inclúa tamén a regulación sobre o uso de lonas para tapar edificios en ruínas ou en mal estado
Lugo, 3 de novembro de 2016. O concelleiro de Ciudadanos, Xesús Expósito, pide ao Goberno municipal socialista que “saque do caixón” a ordenanza de publicidade exterior, “que leva anos pendente”, para que poida ser debatida por todos os grupos políticos. O grupo que lidera Olga Louzao considera necesaria unha regulación municipal específica que acabe “co caos de balados que hai nalgúns puntos da cidade”
“Hai máis dun ano Ciudadanos propuxo que se redactase unha ordenanza de publicidade exterior, que teñen a maioría de cidades pero non existe no Concello de Lugo, para acabar coa colocación indiscriminada de balados publicitarios e regular o seu uso dentro do termo municipal”, lembra Xesús Expósito. “Malia o tempo transcorrido, a día de hoxe o Goberno municipal non presentou nin sequera un borrador para o estudo por parte do resto de grupos”, denuncia.
Ciudadanos considera necesario que esta normativa especifique en que lugares se poden colocar estes balados e en cales non, que se determine o tamaño e características que poden ter, así como aqueles lugares nos que por cuestións de seguranza vial, ou outras, non estean permitidos ou requiran de supervisión municipal. Tamén debería recoller o tipo de publicidade autorizada e os supostos non permitidos, como por exemplo a publicidade sexista ou a que fomente hábitos non saudábeis ou comportamentos delictivos.
Que a ordenanza inclúa o uso de lonas para tapar edificios en ruínas
Ciudadanos propón ademais que dentro desta ordenanza se inclúa a regulación sobre o uso de lonas para tapar edificios en ruínas ou en mal estado, proposta feita por varios grupos municipais que Ciudadanos comparte, pero que “debe estar tamén regulado dentro desta normativa porque non hai diferenza algunha entre un balado publicitario e unha lona de gran tamaño máis aló do soporte empregado”, considera Xesús Expósito.
O concelleiro de Ciudadanos lembra que a ordenanza de publicidade exterior é “un asunto que ven de vello, pois en época do anterior alcalde, José Clemente López Orozco, houbo cando menos dous intentos por poñer en marcha unha regulación específica nesta materia, un por parte do concelleiro de Medio Ambiente Lino González-Dopeso e outro por parte do de Urbanismo Luis Álvarez sen que ningún deles chegase a bo porto”. Por iso Expósito pregúntase “que intereses hai para que esta regulación, que é unha obriga e unha competencia municipal, non se poña en marcha”.
Por iso, o Grupo de Ciudadanos solicita ao Goberno que axilice a elaboración desta ordenanza para que poida entrar en vigor canto antes, “porque desde o punto de vista económico tamén son ingresos para o Concello, que a día de hoxe non recauda nada por este concepto”.