Olga Louzao lamenta que o Goberno municipal rexeitara varias das súas propostas para as Ordenanzas fiscais que eran “beneficiosas para a cidadanía”
Ciudadanos propuxo que a tarxeta cidadá sexa gratuíta, que se bonifique a taxa por licenzas das obras que melloren a eficiencia enerxética das vivendas e que se inclúan as familias monoparentais na bonificación para as escolas infantís
Lugo, 2 de novembro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, cualificou esta mañá de “auténtica irresponsabilidade” o feito de que a cidade de Lugo non vaia ter os Orzamentos do vindeiro ano aprobados o día 1 de xaneiro e se vexa obrigada a prorrogar os deste exercicio, unha situación da que culpou “á alcaldesa e ao seu equipo de Goberno inoperante”.
Olga Louzao explicou que a Xunta de Goberno aprobou esta mañá o proxecto de ordenanzas fiscais para o 2017, que terán que ir agora a Pleno e estar expostas despois durante un mes, “polo que se constata –dixo– que non haberá Orzamentos antes de que acabe o ano porque non se poden aprobar os Orzamentos sen que as Ordenanzas estean aprobadas”. A voceira de Ciudadanos criticou “que este Goberno convirta en habitual algo que é excepcional, como é o feito de prorrogar os Orzamentos” e indicou que “a xestión diaria cunhas contas prorrogadas vese moi condicionada e implica que non se poden acometer novos proxectos”.
“É unha irresponsabilidade que un Goberno en minoría como é este non iniciara aínda as conversas co resto dos grupos da Corporación para a elaboración dos Orzamentos do vindeiro ano”, afirma Louzao, que prognostica que “a este ritmo a alcaldesa volverá a levar a Pleno o proxecto orzamentario na primavera, coma o ano pasado, con boa parte do ano xa vencido”. “É un círculo vicioso –indica Olga Louzao– porque aproban o Orzamento a mediados de ano e despois non lles dá tempo a executalo, polo que as cousas quedan sen facer e sobran os cartos, que se meten nos bancos en vez de investilos na cidade”.
O Goberno desoíu propostas “beneficiosas para a cidadanía”
A voceira de Ciudadanos tamén lamentou que o Goberno municipal non aceptase varias das propostas que o seu grupo presentou ás Ordenanzas Fiscais do vindeiro ano e que eran “beneficiosas para o conxunto da cidadanía”.
A única das propostas presentadas por Ciudadanos que foi aceptada fai referencia a incluír unha rebaixa do 50% na taxa de exames para o acceso a postos do Concello para aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego, como xa existe noutras administracións.
Sen embargo, foron rexeitadas polo Goberno municipal outras propostas como a gratuidade da tarxeta cidadá, que actualmente custa 3 euros, e que Ciudadanos propuña como medida para facilitar que toda a cidadanía puidese dispón desta tarxeta e potenciar deste xeito o uso do transporte público. Tampouco foi tida en conta a proposta para que se inclúa ás familias monoparentais na bonificación xa existente do 20% que se aplica ás familias numerosas que levan os seus nenos ou nenas ás escolas infantís municipais.
Bonificacións nas obras de eficiencia enerxética en vivendas
Ciudadanos tamén propuxo un desconto do 25% nas licenzas de primeira ocupación cando se produce un retraso na súa concesión de máis de tres meses sobre o prazo legalmente establecido, posto que “supón un prexuizo claro para o solicitante por unha demora achacable ao mal funcionamento do Concello”.
Tampouco foi tida en conta a proposta para bonificar a taxa por licenzas daquelas obras que inclúan unha mellora na eficiencia enerxética das vivendas, como a que xa existe para a mellora estética das fachadas.
Suspensión da Ordenanza da ORA
A voceira de Ciudadanos tamén solicitou a suspensión da Ordenanza fiscal reguladora do sistema ORA, que non está funcionando, pero o Goberno municipal negouse, a pesares de que hai un acordo plenario que así o aprobou. “Para que queren renovar a Ordenanza e tela en vigor se non hai ORA”, pregúntase Olga Louzao, que teme que o Goberno municipal teña intención en 2017 de volver a poñer en funcionamento a ORA. “Porque senón, para que queren ter a Ordenanza aprobada”, pregúntase.