Olga Louzao quere saber se a Policía Local realiza de xeito habitual controis de horarios de peche e medicións de exceso de ruídos
Ciudadanos levará o asunto á vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible para saber se estes negocios contan con licenza e para que tipo de actividade
Lugo, 2 de novembro de 2016. O Grupo Municipal de Ciudadanos pregunta ao Goberno municipal socialista que actuacións ten previsto levar a cabo en relación aos establecimentos de ocio nocturno ubicados nas rúas Tui e Poeta Ramón Cabanillas e que supoñen “un foco habitual de conflictividade todas as fins de semana”, como aconteceu esta ponte.
A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, levará o asunto á vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible, na que o Goberno deberá dar explicacións en relación a se estes dous locais contan con licenza municipal e para que tipo de actividade. Ciudadanos quere saber tamén se hai aberto algún tipo de expediente a algún destes establecentos por incumprimento da normativa relativa a horarios de peche, contaminación acústica ou algún outro concepto e se lles foi imposta algún tipo de sanción por parte do Concello.
Máis vixiancia por parte da Policía Local e da Policía Nacional
Olga Louzao lembra que son constantes as queixas veciñais polos problemas ocasionados nesta zona os días de festa e solicita que se intensifique o control e a vixiancia no entorno destes locais por parte tanto da Policía Nacional como da Policía Local. En relación a este último corpo de seguridade, o Grupo de Ciudadanos pregunta ao Goberno socialista se realiza a Policía Local de xeito habitual actuacións relativas a control de horarios e a medición de exceso de ruídos nos pubs da cidade.
“Queremos coñecer, en definitiva, -afirma Olga Louzao- se o Goberno municipal é consciente dos problemas de conflictividade que cada fin de semana se xeran en torno a estes establecimentos e saber que pensa facer ao respecto”.