O concelleiro Xesús Expósito considera que nova Relación de Postos de Traballo debe regularizar a situación dos músicos da banda
Ciudadanos considera que a situación dos profesores da banda, que estaban a media xornada, era ilegal antes da creación da Escola de Música “porque nas administracións públicas non poden existir funcionarios a media xornada”
Lugo, 31 de outubro de 2016. O Grupo Municipal de Ciudadanos defende a continuidade da Escola Municipal de Música por ser un servizo moi demandado e que goza de gran aceptación social por parte da cidadanía e pide ao Goberno municipal que se poña de inmediato a elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo que regularice a situación dos músicos da banda e deixe sen efecto a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ameaza a Escola de Música.
O concelleiro de Ciudadanos, Xesús Expósito, que esta mañá asistiu á Xunta de Portavoces que abordou este tema, lembra que hai xa un ano, en outubro de 2015 Ciudadanos levou ao Pleno Municipal unha iniciativa que foi aprobada para a elaboración dunha nova RPT. “O Goberno municipal socialista non actuou coa responsabilidade necesaria neste ano, porque se estivese aprobada a nova Relación de Postos de Traballo, tal como pedía Ciudadanos, non estariamos hoxe na situación na que nos atopamos. Chegamos a esta situación pola pasividade da alcaldesa e o seu equipo de Goberno”, recalca Expósito.
O concelleiro de Ciudadanos, que foi presidente da Xunta de Persoal do Concello de Lugo, explica que a sentenza do TSXG non cuestiona para nada que un Concello coma o de Lugo poida crear unha Escola de Música nin que os músicos da banda dean clase nela, unicamente pon en entredito o incremento salarial dos traballadores da banda municipal producido no ano 2012 e motivado pola ampliación da súa xornada laboral para que puidesen dar clase na Escola Municipal de Música alegando a sentenza que incumpre o Real Decreto 20/2011 de medidas urxentes en materia presupostaria, tributaria e financieira para a corrección do déficit público, que impedía nese momento os incrementos retributivos de traballadores públicos.
Pero ese condicionante legal que existía no ano 2012 xa non existe a día de hoxe, xa que a Ley de Acompañamento dos Orzamentos Xerais do Estado deste ano permite un incremento anual da masa salarial do 1% que abondaría para dar cabida aos profesores da Escola de Música polo incremento de tarefas que desempeñan como consecuencia da creación dun novo servizo.
“Non pode haber funcionarios a media xornada”
Xesús Expósito lembra ademais que antes da creación no ano 2012 da Escola Municipal de Música os músicos da banda eran traballadores municipais a media xornada, o que “era claramente ilegal porque nas administracións públicas non existía nese momento a figura de funcionarios a media xornada”. De feito, unha sentenza anterior do TSXG do ano 2009 (sentenza 01012/2009 de 25 de novembro) sobre a Relación de Postos de Traballo do Concello de Lugo do ano 2006, a que está en vigor, establece que os traballos de músico na banda municipal son postos reservados a funcionarios. Por iso, o Grupo Municipal de Ciudadanos pide á alcaldesa socialista que axilice a elaboración da nova RPT para garantir a continuidade da Escola Municipal de Música.
“Non se pode poñer en risco un servizo tan demandado”
“Desde Ciudadanos estamos preocupados pola repercusión e as consecuencias desta sentenza. Pensamos que non se pode poñer en risco un servizo tan demandado por parte da cidadanía como é a Escola municipal de Música, polo que lle pedimos ao Goberno municipal que tome as medidas necesarias para resolver este problema e dar tranquilidade aos centos de usuarios que ten a Escola de Música e aos centos de familias que levan aos seus nenos e nenas a iniciarse na aprendizaxe musical nesta escola”, reclamou esta mañá Xesús Expósito.