O concelleiro Xesús Expósito solicita á alcaldesa que convoque a todos os grupos políticos a unha Mesa de Traballo específica para definir o destino dos 12,5 millóns de euros aprobados
Ciudadanos reclama ao equipo de Goberno que comece a traballar de inmediato neste proxecto europeo, que ten prazo de execución de 7 anos, para que non pase o mesmo que co Urban
Lugo, 29 de outubro de 2016. O Grupo Municipal de Ciudadanos no Concello de Lugo solicita á alcaldesa dea participación a todos os grupos políticos na posta en marcha do proxecto Muramiñae, para que sexa “un proxecto de todos os lucenses”. “Este é un deses proxectos de cidade que ten que contar coa implicación e o consenso de todos”, defende Expósito, que lembra que “no momento de ser solicitado xa contou co respaldo unánime no Pleno dos 25 membros da corporación municipal”.
O Muramiñae é un proxecto medioambiental financiado con fondos europeos que pretende a conexión da Muralla co río Miño a través do Carme. O proxecto xorde a raíz dunha iniciativa presentada polo Grupo de Ciudadanos e foi incluído na Estratexia EDUSI, aprobada polo Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas cun importe total de 12,5 millóns de euros, financiado nun 80% (10 millóns de euros) con fondos Feder europeos e nun 20% (2,5 millóns de euros) con aportacións propias do Concello de Lugo.
A totalidade do Orzamento está repartido en 7 exercicios económicos, desde este ano 2016 ao ano 2022, ambos incluídos, polo que Xesús Expósito solicita “que o Goberno municipal se poña a traballar de inmediato para que non nos colla o tren, como pasou co Urban”.
Mesa de Traballo específica
Ciudadanos reclama que convoque sen máis demora a todos os grupos políticos á unha Mesa de Traballo específica para poñer en marcha o programa Muramiñae, tal como se comprometeu o Goberno municipal. Esa Mesa de Traballo sería a encargada de definir o destino dos 12,5 millóns de euros aprobados e fixar os obxectivos e proxectos a desenvolver con eses cartos.
Xesús Expósito considera que “integrar o Miño na cidade a través do Carme é un proxecto complexo porque esixe acordos cos propietarios e unha planificación urbanística acorde aos obxectivos que se perseguen de lograr a protección deste entorno e o enlace mediante unha zona verde da Muralla co río Miño”, polo que pide ao Goberno municipal “que non perda nin un minuto e se poña a traballar de inmediato”.
Finalmente, Ciudadanos pide á alcaldesa que faga realidade o lema dos anuncios cos que publicitou a consecución dos 10 millóns de euros de fondos europeos para este proxecto nos que se dicía “Conseguímolo xuntos e xuntos farémolo realidade. Entre todos poñeremos en valor o patrimonio, melloraremos a mobilidade e favoreceremos a integración urbana e social”.