lugo2

Considera que o anteproxecto de rehabilitación do edificio, presentado no ano 2010 e que propón unha intervención branda no inmoble, “adáptase perfectamente para facer un centro de ensino”

Olga Louzao defende que deste xeito podería destinarse o actual colexio Quiroga Ballesteros, que está enfronte, a escola infantil, co que, sumado o instituto Xoán Montes, pecharíase o ciclo educativo dentro do casco histórico

Lugo, 25 de outubro de 2016. O Grupo municipal de Ciudadanos pediu esta mañá que se estude a posibilidade de facer un colexio público no Cuartel de San Fernando en vez de destinar o edificio a Museo da Romanización. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, argumenta que este uso “revitalizaría moito máis o casco histórico que un museo” e considera que “a falla dun colexio público de dimensións axeitadas é unha das carencias actuais máis evidentes que hai dentro de murallas se de verdade queremos que o centro teña vida e recupere poboación”.

Ciudadanos afirma que o anteproxecto presentado no ano 2010, obra dos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj García, gañador dun concurso de ideas para a rehabilitación do edificio como museo e que propón unha intervención branda no inmoble, do século XVIII e que está declarado BIC, “adáptase perfectamente a un uso escolar”. De feito, moitos dos espazos deseñados, como a biblioteca, unha sala de usos múltiples de 150 metros cadrados ou un auditorio cun aforo de 100 persoas, servirían de destinarse a colexio. O propio anteproxecto prevé tamén “a transformación do patio interior nun espazo cuberto”, polo que tamén sería aproveitable como patio escolar, ao que se engadiría o espazo libre resultante na parte traseira despois de que se tiraran xa neste momento as antigas cuadras de cabalos do vello cuartel. En total, o edificio dispón de 4.250 metros cadrados, dos que máis de 2.000, os previstos para zona expositiva, almacéns e arquivo, poderían destinarse a aulas. Este anteproxecto, ademais, habería xa que modificalo de todos os xeitos, pois nalgúns aspectos non se adapta ao permitido para un edificio declarado BIC, polo que Ciudadanos pide que se aproveite esa modificación para cambiar o uso de museo a colexio.

O Quiroga Ballesteros e que é o único colexio público que hai neste momento no centro de Lugo pero ten carencias evidentes en canto a capacidade e instalacións polas súas reducidas dimensións. Olga Louzao plantexa ademais que “ao destinar o Cuartel de San Fernando a colexio público podería destinarse o actual colexio Quiroga Ballesteros, que está enfronte, a escola infantil pública, da que tamén carece o casco histórico, co que se pecharía o ciclo educativo obrigatorio dentro de murallas sumando o instituto Xoán Montes”. Ciudadanos plantexará mañá no Pleno Municipal, no que se debate unha moción sobre o Cuartel de San Fernando, esta proposta. Para a voceira de Ciudadanos o investimento previsto para o Museo da Romanización, de máis de 10 millóns de euros, “chega para facer o colexio”.

Museo da Romanización no Fogar de Santa María

A proposta que Ciudadanos levará mañá ao Pleno inclúe unha nova ubicación para o Museo da Romanización nos edificios que actualmente ocupa a Deputación no Fogar de Santa María. “A Deputación Provincial está a piques de mercar o edificio da Cámara de Comercio na Avenida Ramón Ferreiro e pode trasladar alí as oficinas que actualmente ten no Fogar de Santa María, que é de titularidade municipal e que sería unha ubicación idónea para o Museo da Romanización por estar enfronte da Muralla e pegado ao Carme, no que posiblemente haxa importantes achados da época romana”, argumenta Olga Louzao.

Olga Louzao defende ademais que “a mellor forma de musealizar os restos arqueolóxicos que van aparecendo na cidade é facelo in situ”, como se fai na maioría das cidades cun patrimonio histórico importante, polo que considera “un desperdicio” destinar máis de 1.000 metros cadrados do Cuartel de San Fernando a simple almacén, tal como se propón no proxecto de Museo da Romanización.

“O Grupo Municipal de Ciudadanos non nos negamos a que se constrúa en Lugo un Museo da Romanización e queremos que se rehabilite e se lle dea uso ao Cuartel de San Fernando, pero entre un museo e un colexio público preferimos que se faga un colexio público, e pensamos ademais que revitaliza moito máis o casco histórico un colexio que un museo”, indica a voceira de Ciudadanos, que engade que “en Ciudadanos pensamos que os edificios históricos e emblemáticos, como pode ser o Cuartel de San Fernando, débense rehabilitar para que sexan usados pola xente porque é a mellor maneira de que perduren e que mellor xeito de que o Cuartel de San Fernando sexa usado polas futuras xeracións que dedicándoo a centro de ensino, que significa tamén recuperar un uso histórico que xa tivo ese edificio como Colexio de San Fernando”.

Por último, a proposta do Goberno municipal para o Cuartel de San Fernando inclúe ademais un centro multicultural e a voceira de Ciudadanos pregúntalle á alcaldesa “con que usos, porque xa temos o edificio do Vello Cárcere con esa finalidade e sen uso algún”.