O Concello de Lugo non paga as facturas en prazo, o que impide por lei que se poidan destinar os remanentes orzamentarios do ano pasado a obras ou outras actuacións necesarias na cidade

“O Goberno municipal presume da súa mala xestión, a súa parálise e a súa ineficacia, porque tenta vender coma un mérito que vaian meter no banco 6 millóns de euros do ano pasado, como se non houbera en Lugo necesidades que cubrir con eses cartos”, afirma Olga Louzao   

Lugo, 25 de outubro de 2016. O Grupo Municipal de Ciudadanos denunciou hoxe que o retraso no pago de facturas que acumula o Concello de Lugo vai impedir que se destinen máis de 6 millóns de euros a obras e actuacións necesarias na cidade. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explicou que o Goberno municipal socialista non pode por lei destinar a investimentos os remanentes orzamentarios do ano pasado porque non cumpre unha das condicións fixada na Lei de Facendas Locais para poder facelo, a de pagar aos proveedores no prazo de 60 días.

Por iso, Olga Louzao criticou que o Goberno municipal venda como un logro que vai amortizar débeda por importe de 6 millóns de euros, segundo a proposta que leva este xoves ao Pleno. “A alcaldesa presume sen ter de que presumir, porque o feito de que vaian meter no banco 6 millóns de euros non é unha decisión voluntaria do Goberno, senón que pon en evidencia unha mala xestión por partida dobre, porque por un lado indica que o ano pasado non foron capaces de investir todos os fondos dos que dispoñían para mellorar a vida dos cidadáns e amosa ademais que agora non os poden recuperar para investimentos por non pagar as facturas en prazo”, explicou a voceira de Ciudadanos.

Un terzo do Orzamento sen executar

O superávit nas contas do pasado ano débese, a xuizo de Ciudadanos, “á parálise e á falta de ideas do Goberno municipal socialista” que “non foi capaz de executar máis que un 70% do Orzamento do ano pasado”, é dicir, “que deixou sen empregar un terzo dos cartos dispoñibles para obras e outras actuacións necesarias”. “Os cidadáns de Lugo teñen que saber que non se fan obras e a cidade está paralizada non porque non haxa cartos, senón pola ineficacia deste Goberno”, afimou Olga Louzao que criticou que o Goberno “meta os cartos de todos os lucenses no banco en vez de destinalos a resolver problemas dos cidadáns e a facer fronte a necesidades reais existentes”, como a mellora urbana ou a dotación de servizos na zona rural. “É como se unha familia non dá de comer aos seus fillos e mete os cartos no banco”, comparou a voceira de Ciudadanos.

O Concello de Lugo paga as facturas con 20 días de retraso

A disposición adicional 16 da Lei de Facendas Locais establece que os remanentes poden destinarse a investimentos sempre que a situación económica e contable do Concello cumpra unha serie de requisitos, entre eles o de pagar aos proveedores dentro do prazo legal establecido, que é de 60 días. Sen embargo, o Concello de Lugo está pagando a 80 días, o que lle impide reinvertir os excedentes orzamentarios.

O atasco que hai no pago das facturas fai que sexa práctica habitual deste Goberno os recoñecementos estraxudiciais de crédito. Ao pleno desta semana, sen ir máis lonxe, van 34.000 euros en facturas sen pagar do ano 2015, que van fóra de prazo. A maior parte delas correspóndense con facturas da luz de distintas dependencias municipais, pola falta de persoal existente nos Servizos Electromecánicos.