Olga Louzao propuxo que a tarxeta cidadá sexa gratuíta, que se bonifique a taxa por licenzas das obras que melloren a eficiencia enerxética das vivendas e que se inclúan as familias monoparentais na bonificación para as escolas infantís
Ciudadanos urxe á alcaldesa e á concelleira de Economía a levar a pleno canto antes o proxecto de Ordenanzas porque “son o primeiro paso para poder elaborar os Orzamentos do vindeiro ano e o tempo bótase enriba”
Lugo, 18 de outubro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, lamentou esta mañá que o Goberno municipal non aceptase varias das propsotas que o seu grupo presentou ás Ordenanzas Fiscais do vindeiro ano e que eran “beneficiosas para o conxunto da cidadanía”.
A única das propostas presentadas por Ciudadanos que foi aceptada fai referencia a incluír unha rebaixa do 50% na taxa de exames para o acceso a postos do Concello para aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego, como xa existe noutras administracións.
Sen embargo, foron rexeitadas polo Goberno municipal outras propostas como a gratuidade da tarxeta cidadá, que actualmente custa 3 euros, e que Ciudadanos propuña como medida para facilitar que toda a cidadanía puidese dispón desta tarxeta e potenciar deste xeito o uso do transporte público. Tampouco foi tida en conta a proposta para que se inclúa ás familias monoparentais na bonificación xa existente do 20% que se aplica ás familias numerosas que levan os seus nenos ou nenas ás escolas infantís municipais.
Bonificacións nas obras de eficiencia enerxética en vivendas
Ciudadanos tamén propuxo un desconto do 25% nas licenzas de primeira ocupación cando se produce un retraso na súa concesión de máis de tres meses sobre o prazo legalmente establecido, posto que “supón un prexuizo claro para o solicitante por unha demora achacable ao mal funcionamento do Concello”.
Tampouco foi tida en conta a proposta para bonificar a taxa por licenzas daquelas obras que inclúan unha mellora na eficiencia enerxética das vivendas, como a que xa existe para a mellora estética das fachadas.
Suspensión da Ordenanza da ORA
A voceira de Ciudadanos tamén solicitou a suspensión da Ordenanza fiscal reguladora do sistema ORA, que non está funcionando, pero o Goberno municipal negouse, a pesares de que hai un acordo plenario que así o aprobou. “Para que queren renovar a Ordenaza e tela en vigor se non hai ORA”, pregúntase Olga Louzao, que teme que o Goberno municipal teña intención en 2017 de volver a poñer en funcionamento a ORA. “Porque senón, para que queren ter a Ordenanza aprobada”, pregúntase.
Finalmente, Olga Louzao apremiou á alcaldesa e á concelleira de economía a levar a Pleno sen máis demora o proxecto de Ordenanzas Fiscais porque “é imprescindible para a aprobación dos Orzamentos do ano vindeiro e o tempo bótase enriba”.