O grupo municipal proporá tamén a posta en marcha dunha acción formativa para voluntarios e outros colectivos sobre loita contra incendios
Pontevedra, 25 de agosto de 2016. O grupo municipal de Cidadáns impulsou unha declaración institucional de apoio aos voluntarios, brigadistas, bombeiros forestais e todos aqueles colectivos que colaboraron na loita contra os incendios forestais deste verán. Todos os partidos apoiaron o texto que se fará público no próximo pleno do día 29 de agosto.
Desta forma, Cidadáns busca recoñecer o esforzo e valentía destas persoas que estiveron durante varios días loitando contra os incendios que tiveron lugar na provincia de Pontevedra. Para Galicia, e especialmente Pontevedra, este foi o peor verán en canto a incendios forestais desde o 2006. O lume arrasou miles de hectáreas debido ao forte vento e á falta de limpeza dos montes. Perdemos a riqueza dos nosos montes e moitos veciños viron perigar as súas casas, xa que todo ocorreu a unha velocidade de vertixe, sen tempo para poder loitar en todas as frontes.
A este respecto, a concelleira de Cidadáns, María Rey, afirmou que “é de xustiza poñer en valor o papel xogado por todos os homes e mulleres integrantes dos servizos de extinción de incendios na nosa comunidade”. “Por iso, cremos imprescindible que o concello de Pontevedra dese publicamente o seu apoio a todas as persoas que se xogan a vida día a día para que deixemos de chorar cinza”, engadiu.
Ademais, o grupo municipal reunirase con voluntarios e outros colectivos implicados na nosa seguridade para proporlle a posta en marcha dunha acción formativa sobre a loita contra o lume co fin de ampliar os seus coñecementos e profesionalizar o seu labor. Así, María Rey incidía en que “cunha mellor formación evitaremos que corran riscos innecesarios e actúen dunha forma máis eficiente en caso de darse unha nova situación crítica como a que vivimos este verán en Pontevedra”.