Trataríase de invitar aos estudantes de Bellas Artes a presentar propostas para mellorar a estética e integración urbanística dos colectores de lixo  

Pontevedra, 22 de abril de 2016.

Co fin de atraer máis turismo e mellorar a calidade de vida das pontevedresas e pontevedreses, o grupo municipal Cidadáns presentará no próximo pleno unha moción para acabar co problema de feísmo urbano da zona monumental da cidade. O obxectivo é que antes da tempada estival se busque unha solución ao impacto visual que supón a localización e abandono dos colectores de lixo.

A portavoz, María Rey, afirma que “contamos cun dos cascos históricos mellor conservados de Galicia e, por isto, debemos mantenlo nunhas condicións agradables tanto para as persoas que veñen a visitalo como para as pontevedresas e pontevedreses que o recorren día a día”. A este respecto, sinalou que “son evidentes as mostras de feísmo urbano que xeran os colectores de lixo e, consecuentemente, distorsionan a beleza da nosa zona monumental”.

Igualmente, a agrupación municipal fai referencia a outros elementos en superficie como os armarios das compañías de cable que non se integran na contorna e aos que tamén se debería ofrecer unha solución estética.

Unha das ideas que propón Cidadáns é a convocatoria dun concurso de suxerencias para mellorar a estética dos colectores de lixo e integralos dentro da zona monumental. Así, pediríanse proxectos aos estudantes da Facultade de Bellas Artes de Pontevedra para mellorar o casco histórico.

Desta forma, non só se melloraría o aspecto da cidade, senón que tamén se potenciaría a relación Universidade-Sociedade, ofrecendo ao tempo visibilidade ao talento do alumnado desta carreira.