08/04/2016 11:24

O voceiro de Ciudadanos en Galicia, Javier Sánchez-Agustino, descartaba na entrevista dos Almorzos do ‘Galicia por diante’ calquera acordo con Podemos e critica o “receo” da formación morada a “ceder en cuestións básicas”. Cre que na reunión a tres entre o PSOE, Podemos e Ciudadanos se comprobou que os de Iglesias “non teñen ningunha intención de se aproximar nin ás propostas de Ciudadanos nin ás do PSOE”.

Sánchez-Agustino reinvidica o acordo cos socialistas e di que “os acordos están para se cumprir. Confiamos en Pedro Sánchez e o PSOE respecto ao pacto que foi referendado polos seus afiliados e militantes. É un acordo para todo o período ou ata que se disolvan as Cortes e se convoquen unhas novas eleccións”. O voceiro de Ciudadanos cre que o seu partido “foi a forza política que mellor interpretou o resultados das eleccións e a mensaxe de diálogo que deixaron os cidadáns nas urnas”.

Sobre o veto de Xosé Manuel Beiras a Ciudadanos e á decisión de que a deputada de Anova Alexandra Fernández non participase nas reunións a tres como representante de En Marea, Sánchez Agustino di que“son cousas de Beiras. Nós non temos nunca vetos personalistas e nós estamos dispostos a sentar con todo o mundo. Se Beiras ten receo, terá que resolvelo” e engadiu “son directrices preelectorais dirixidas ás súas bancadas de hooligans, que funcionan ben para o seu electorado, pero a maioría dos españois e galegos están máis por gobernos estables que por atender ese tipo de directrices”.

Xa en clave autonómica, Javier Sánchez-Agustino valoraba a decisión de Alberto Núñez Feijóo de repetir como candidato á Xunta. Cre que “non é bo ou malo para Ciudanos. Nós non nos metemos nas preferencias dos partidos, se apostan por Feijóo e non pola renovación, respectámolo; non é peor nin mellor. Despexa a incógnita e a data das eleccións está máis preto ou no tempo correcto”.

Sobre un adianto electoral cre que “non hai condicións para un adianto. Cremos que os adiantos teñen que estar plenamente xustificados e que os partidos e os presidentes teñen que cumprir os prazos que están na lei. Do que si estamos en contra é de que ese adianto se poña ao servizo dos intereses de determinadas formacións que gobernan”.

O voceiro de Ciudadanos en Galicia non desvela se se presentará ás primarias do partido como candidato ás eleccións autonómicas. Di que “non teño tomada a decisión porque estou moi centrado neste novo cometido que é ser o altofalante de Ciudadanos en Galicia. Ao mellor estou cómodo transmitindo e explicando o que Ciudadanos quere para os galegos e as galegas”. Con todo, anuncia que “pronto saberemos cal é o candidato. O proceso noso témolo iniciado porque traballamos en todos os escenarios, xa que outros teñen a rabela do arado” e apunta que neste momento está a elaborar o programa electoral para Galicia.

Sobre a decisión de Ciudadanos de se abster e non votar a favor da proposta de En Marea de pedir que se revoge a prórroga de Ence di que “defendemos en comisión o que sempre dixemos antes. Cremos que a prórroga ten que ter seguridade xurídica. Se non hai garantías diso, pois non hai problema en ir ao Tribunal Constitucional”.

http://www.crtvg.es/esta-pasando/javier-sanchez-agustino-voceiro-de-ciudadanos-en-galicia-comprobouse-que-podemos-non-ten-intencion-de-aproximarse-nin-as-nosas-propostas-nin-as-do-psoe-1961791