Javier López solicitará que o Goberno local explique os gastos derivados das reclamacións presentadas polos usuarios das vías nas que se atopan.
Ames, martes, 05 de abril de 2016- O voceiro de Cidadáns no Concello de Ames, Javier López, vén de presentar no rexistro do Concello de Ames o informe derivado da campaña Apadriña unha fochiña, promovida por Cidadáns Ames, “mediante a que veciños de Ames denunciaron aportando fotografías, fochancas e desperfectos rexistrados nas distintas vías que comunican as nosas 11 parroquias”
O informe, que recolle denuncias dos veciños desde finais do mes de febreiro, amosa “mais de 50 fochancas localizadas nas nosas vías que van en detrimento da seguridade viaria dos seus usuarios, tanto peóns como condutores de vehículos”, sinala Javier López.
O voceiro de Cidadáns trasladou este informe ao goberno local de Ames, presidido por José M. Miñones, “para que actúe en consecuencia e proceda ao arranxo das vías coa maior urxencia posible para causar os menores prexuízos aos amienses”.
Ademais, Javier López demandará que o Goberno local “explique os gastos que se derivan anualmente das reclamacións que presentan os usuarios que sofren accidentes ou incidencias que teñen a súa principal causa na existencia de fochancas”.