Olga Louzao afirma que “detrás do anuncio realizado onte polo presidente da Xunta hai un interese claramente electoral”. “Feijóo está pensando nas próximas municipais”, considera. 

Ciudadanos esíxelle ao subdelegado do Goberno e novo líder do PP de Lugo, Ramón Carballo, que explique en que situación se atopa a cesión dos edificios, que son propiedade da Tesorería General da Seguridade Social   

Lugo, 27 de xuño de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, criticou esta mañá o “acto de propaganda institucional partidista” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciando a futura creación dun PAC no edificio do vello Materno-Infantil, no barrio da Residencia. Para Olga Louzao, “que Feijóo viñera onte a Lugo a anunciar que até 2020 os edificios do antigo hospital van serguir sen uso algún é unha tomadura de pelo”. A voceira de Ciudadanos no Concello lembra que “se se cumpren as previsións dadas onte polo presidente da Xunta, cando abra o PAC cumpriranse 10 anos desde o traslado ao Novo Hospital”, polo que Olga Louzao non entende que o presidente da Xunta “trate de vender como un logro diante dos lugueses e luguesas ter 10 anos pechados e sen uso os edificios da Residencia”.

Olga Louzao afirmou ademais que “xa era hora de que a Xunta concretara algo do que ten pensado facer nos terreos do Vello Hospital” e lembrou que “hai seis anos que os edificios están baleiros e sen uso”, unha situación que contrasta, dixo, co acontecido noutras cidades. “En Vigo, por exemplo, aínda non pasaran seis meses e xa estaban traballando para converter o vello Xeral na Cidade da Xustiza”, comparou a voceira de Ciudadanos, que acusou a Feijóo de “marxinar a Lugo co consentemento do PP local”.

A responsable de Ciudadanos acusou ao presidente da Xunta de facer un “anuncio claramente electoral” ao “calcular o comezo das obras para un ano antes das eleccións”. “Parece que Feijóo non está pensando na saúde dos lugueses e das luguesas senón en axudarlle a Ramón Carballo a gañar as vindeiras municipais”, criticou Olga Louzao.

Sen concretar a comisaría de Policía nin a residencia de anciáns

A voceira de Ciudadanos no Concello pediulle tamén ao subdelegado do Goberno e novo líder do PP na cidade de Lugo, Ramón Carballo, “que dea a cara e non se esconda detrás de Feijóo”. Esixiulle que “concrete” a situación na que se atopa a cesión dos terreos, que son titularidade da Tesorería General da Seguridade Social, así como as previsións existentes para a construción nese espazo de dotacións anunciadas con anterioridade como a nova comisaría de Policía ou a residencia de anciáns. “Se Ramón Carballo pretende ser alcalde de Lugo o mínimo que debe facer é explicar aos lugueses e luguesas que está a facer desde as súas actuais responsabilidades para que estes proxectos se leven a cabo”, asegurou Olga Louzao.