- Juancho Chouza: “un suceso tan grave non pode quedar no esquecemento das institucións públicas e dos responsables políticos, é necesario indagar nas causas e responsabilidades”
Ribeira, 29 de maio de 2017. Aprobada por unanimidade no pleno celebrado esta tarde en Ribeira a moción presentada por Cidadáns (Cs) na que se solicita ao Congreso unha nova investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois e pídese levar a cabo medidas que axuden á reparación e dignificación das vítimas e dos seus familiares, ademais de mellorar a seguridade do sistema ferroviario español.
A moción, aprobada con todo o apoio da corporación e presentada polo partido laranxa foi defendida polo seu concelleiro na localidade, Juancho Chouza. Nela solicítase encargar a elaboración dun informe que teña por obxecto determinar a responsabilidade patrimonial do Estado e adoptar todas as medidas que sexan necesarias para a reparación e dignificación das vítimas do accidente ferroviario.
Juancho Chouza: “un suceso tan grave como o do accidente do Alvia 04155 en Angrois non pode nin debe quedar no esquecemento das institucións públicas e dos responsables políticos, é necesario indagar en todas as causas e responsabilidades”. O concelleiro, apelou ademais a “facer un exercicio de responsabilidade que, tamén dignifique e recoñeza aos afectados e contribúa a levar a cabo reformas concretas que permitan mellorar a seguridade ferroviaria no noso país para que algo así non volva pasar”.
En palabras do edil: “con esta moción, desgraciadamente, non podemos reparar o inmenso dano causado e que estas persoas sufriron, non podemos facer xustiza, nin esclarecer a verdade do ocorrido, pero a través do consenso se queremos que entre todos os partidos políticos con representación neste concello, nun acto de responsabilidade e compromiso, podamos contribuír a dignificar ás vítimas e familiares deste accidente”.