• María Vilas: “É prioritario que se teña en conta a eficiencia e eficacia no gasto público”

 

A Agrupación de Cidadáns (Cs) en Santiago de Compostela pide un estudo de alternativas de xestión do servizo da ORA e da grua antes da remunicipalización e critica que non se fixo un estudo comparativo de custos destes servizos para incorporar á Memoria antes do Pleno.

 

“Solicitamos ao Concello que realice un estudo comparativo das alternativas de xestión antes da remunicipalización. Para Cidadáns (Cs) é prioritario que se teña en conta a eficiencia e eficacia no gasto público. Xa é hora de que se deixe de xogar co diñeiro dos veciños tomando decisións sen xustificalas economicamente e neste caso ademais cos informes contrarios de Intervención, de Secretaría e de Persoal” manifesta María Vilas,  Coordinadora de (Cs) en Santiago de Compostela.

 

María Vilas sinala a falta de previsión do Goberno Local xa que, como se desprende do informe de Intervención, non hai nin o acordo previo de incremento de persoal da sociedade municipal suxeito aos límites de reposición dos Orzamentos Xerais do Estado, nin a partida de gasto  suficiente para encoméndaa de xestión nos Orzamentos Municipais deste exercicio.

 

“O Señor Alcalde volve facer política de xestos, propoñendo a remunicipalización do servizo a pesar de que nos Orzamentos do Concello non hai previsión algunha para a xestión do ORA e do servizo de guindastre. Isto parécenos un auténtico despropósito”, comenta a Coordinadora de Cidadáns (Cs) en Santiago.