Desde o 13 de febreiro foron formuladas máis de 7.800 denuncias fronte ás 581 impostas entre o 1 de xaneiro e o 13 de febreiro, o que indica, segundo Ciudadanos, que “antes facíase a vista gorda ante as infraccións”

A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, pregúntalle á alcaldesa se cando remate a campaña a partir da semana que vén “vaise volver poder aparcar sen xeito en Lugo ou vanse seguir vixiando as infraccións e o cumprimento das normas de circulación” 

 

Lugo, 25 de abril de 2017. A posta en marcha por parte do Goberno municipal da campaña Aparca con xeito multiplicou por 8 o número de sancións de tráfico na cidade de Lugo. Segundo os datos facilitados polo grupo municipal de Ciudadanos, a Policía Local pasou de poñer 13 multas ao día antes da campaña a interpoñer unha media de 106 multas diarias desde o 13 de febreiro que comezou a campaña de vixiancia especial das infraccións de aparcamento, o que indica, segundo a portavoz de Ciudadanos no Concello de Lugo “que antes ou ben todos cumpliamos as normas ou ben se estaba a facer a vista gorda”.

 

Olga Louzao explica que desde o 13 de febreiro van formuladas máis de 7.800 denuncias, fronte ás 581 multas impostas tan só entre o 1 de xaneiro e o 13 de febreiro. Onte comezou a última das 5 fases da campaña (carril bus, carga e descarga, dobre fila, beirarrúas e prazas de discapacitados), que rematará o día 7 de maio, polo que a voceira de Ciudadanos pregúntalle á alcaldesa se a partir da semana que vén, cando acabe a campaña, “vaise volver poder aparcar sen xeito ou vaise seguir controlando as infraccións e vixiando o cumprimento das normas de circulación”.

Das 7.800 denuncias formuladas, 5.500 foron xa remitidas aos infractores e outras 2.300 están aínda sen tramitar. É tal o colapso existente que ante a avalancha de multas o xefe da Policía Local solicitou á alcaldesa a contratación de catro auxiliares administrativos máis por un periodo de seis meses para tramitar as multas pendentes. Finalmente, Ciudadanos presentará unha batería de preguntas para que o Goberno municipal detalle canto se vai recadar por esta campaña e pedirá que eses cartos vaian dirixidos a actuacións de mellora da seguridade viaria na cidade e a campañas de concienciación dirixidas aos condutores para que estacionen correctamente os seus vehículos.