Olga Louzao ofrécese a acompañar a Lara Méndez a negociar con Feijóo os compromisos orzamentarios da Xunta e os prazos para poñer en marcha as distintas actuacións que inclúe a súa proposta, entre elas a construción do Museo da Romanización no Fogar de Santa María no seguinte mandato municipal

 

Ciudadanos presenta formalmente á alcaldesa un documento detallado coas súas propostas para negociar os Orzamentos do Concello deste ano, no que se inclúe tamén o remate das obras da Praza de Abastos, a peonalización da Calzada da Ponte e a municipalización da grúa e a ORA antes de que acabe este ano

 

Lugo, 22 de marzo de 2017. Ciudadanos avanza na súa proposta para que o Cuartel de San Fernando acabe sendo un colexio público e esta mañá concretou máis o seu ofrecemento ao Goberno municipal de aprobar os Orzamentos do Concello deste ano a cambio de que se leve a cabo este proxecto. A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, remitíu esta mañá á alcaldesa un documento detallado coa súa proposta para a conversión do cuartel en centro escolar, a transformación do edificio do actual colexio Quiroga Ballesteros en gardería e a construción do Museo da Romanización no Fogar de Santa María.

O documento elaborado por Ciudadanos inclúe un cronograma detallado para levar a cabo esta proposta de reorganización de usos nos distintos edificios e unha “priorización das actuacións” que prima a construción do colexio e a gardería ao Museo da Romanización. Neste sentido, Ciudadanos considera “prioritario” o colexio e fixa a súa construción para este mandato, de maneira que o novo colexio poida entrar en funcionamento dentro de dous anos e medio, no mes de setembro para o comezo do curso 2019-2020. Olga Louzao considera que se trata do proxecto máis avanzado, dado que xa existe un anteproxecto de rehabilitación do ano 2010 que se adaptaría facilmente para uso escolar e indica que logo das obras de consolidación do edificio e de demolición das cabaleirizas da parte traseira realizadas recentemente, o edificio está listo para que poidan comezar as obras este mesmo ano.

No cronograma enviado por Ciudadanos á alcaldesa situaríase en segundo lugar a conversión do actual colexio Quiroga Ballesteros en escola infantil pública, unha vez que os actuais alumnos do centro fosen trasladados ao novo colexio no Cuartel de San Fernando. Ciudadanos fixa un ano para acometer as obras unha vez cambiado de ubicación o centro escolar. “Mentras se fan as obras do colexio en San Fernando pódese ir traballando no deseño, proxecto e permisos da gardería, de maneira que no mes de xullo de 2019 estea todo a punto e poidan comezar xa as obras”, xustifica Olga Louzao.  “Queremos que para o comezo do curso en setembro de 2020 os primeiros nenos e nenas poidan facer xa uso da que sería a primeira escola infantil pública no casco histórico”, avanza a voceira de Ciudadanos.

Ciudadanos propón que estas dúas obras, as do colexio e as da gardería, se acometan con cargo aos 10 millóns de euros que a Xunta de Galicia comprometeu no ano 2010 para o futuro Museo da Romanización, que Ciudadanos propón trasladar ao Fogar de Santa María unha vez que a Deputación merque o edificio da Cámara de Comercio da Avenida de Ramón Ferreiro e traslade alí as dependencias que actualmente ocupa en Santa María. Olga Louzao fixa a construción do Museo da Romanización no vindeiro mandato municipal (2019-2023) pero aclara que “mentras este non se constrúe, poden usarse as naves existentes na parte traseira do Fogar de Santa María como almacén para as pezas e achados procedentes das excavacións arqueolóxicas que neste momento se atopan desperdigadas por distintas dependencias, entre outras unha nave alugada no Ceao”.

Proposta “factible e realista” para presentar a Feijóo

 

A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, afirma que a proposta e o cronograma deseñado polo seu grupo é “factible e absolutamente realista” e invita á alcaldesa a solicitar canto antes unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para presentarlla e acadar tamén o seu apoio á iniciativa. Louzao ofrécese a acompañar a Lara Méndez a esa reunión con Feijóo, entre outras cousas, dixo, “visto o mal que negocia a alcaldesa e que quedou patente no tema de condonar o IBI á Xunta a cambio e equipar o auditorio”. Olga Louzao está convencida de que o presidente da Xunta dirá que si á súa proposta “porque é positiva para a cidade de Lugo” e porque se trata de competencias, todas elas, “que competen á Xunta de Galicia e que a Administración autonómica está obrigada por lei a prestar”.

Ciudadanos propón que igual que o novo colexio, a nova gardaría dependa tamén da Xunta xa que Olga Louzao lembra que a educación de 0 a 3 anos é unha competencia autonómica e que a Xunta de Galicia só conta en Lugo con dúas garderías, a da Milagrosa e a de Paradai, “absolutamente insuficientes para facer fronte á demanda de prazas esistente e para favorecer a conciliación da que o señor Feijóo, que acaba de ser pai, tanto fai gala”. Do mesmo xeito, Ciudadanos tamén propón que o futuro Museo da Romanización sexa tamén titularidade da Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica é quen ten as competencias en materia de Patrimonio Cultural e o Museo da Romanización, aínda que ubucado en Lugo, tería carácter galego, formando parte da Rede de Museos Arqueolóxicos de Galicia xunto co de Dombate, Campo Lameiro e San Cibrao de Las, cun centro por provincia adicados ao megalitismo, á arte rupestre e á cultura castrexa respectivamente.

Por iso, Olga Louzao propón que o Concello de Lugo ceda os edificios, que son nos dous casos, tanto o cuartel de San Fernando como o Fogar de Santa María, propiedade do Concello, á Xunta e que a Administración autonómica sexa a encargada de acometer as obras e xestionar despois os inmobles. Olga Louzao considera que sería “un trato xusto”, xa que o Concello aportaría dous edificios históricos e de gran valor”.

Aparcar a RPT e un plan de actuacións detallado e cuantificado

 

A proposta remitida por Ciudadanos á alcaldesa para negociar os Orzamentos aposta ademais por “aparcar” a Relación de Postos de Traballo, “que era condición para a maioría dos grupos políticos para negociar os Orzamentos, pero que é hoxe en día un impedimento para poder aprobalos polo rexeitamento que crea entre o persoal municipal e as discriminacións que produce ao premiar con incrementos inxustificados a colectivos como a Policía Local”, polo que Olga Louzao pídelle á alcaldesa “que a aparque para negociar os Orzamentos”. “A RPT está aínda moi verde e vai ter que ser modificada, así que se a alcaldesa quere aprobala antes ca os Orzamentos, o que vai facer é retrasar aínda máis a aprobación dos Orzamentos”, argumenta. Neste sentido, a voceira de Ciudadanos lembrou que os Orzamentos de 2016 aprobáronse en primavera, nun Pleno extraordinario no mes de maio, e augurou que “os deste ano non se van aprobar antes porque é unha irresponsabilidade que un Goberno en minoría como é este non iniciara aínda as conversas co resto dos grupos da Corporación para a elaboración dos Orzamentos deste ano”, dixo. A voceira de Ciudadanos criticou “que este Goberno convirta en habitual algo que é excepcional, como é o feito de prorrogar os Orzamentos” e indicou que “a xestión diaria cunhas contas prorrogadas vese moi condicionada e implica que non se poden acometer novos proxectos”.

Olga Louzao quere tamén un plan de actuacións detallado para 2017 nas contas do Concello para este ano, que inclúa obras e partidas concretas, como a consignación necesaria para rematar a obra da Praza de Abastos e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, un programa de catas arqueolóxicas no Carme para iniciar o proxecto Muramiñae e a peonalización da calzada romana e un plan plurianual de eliminación de barreiras arquitectónicas para 2017, 2018 e 2019, os tres que restan deste mandato, que duplique a cantidade orzamentada neste momento para accesibilidade até chegar aos 100.000 euros anuais. Tamén propón Ciudadanos un plan plurianual similar para o mantemento dos colexios dotado con 200.000 euros ao ano até final de mandato, o dobre que na actualidade.

Tamén é condición de Ciudadanos a licitación dos moitos contratos caducados que ten o Concello neste momento e que supoñen un importante custo para as arcas municipais, comezando polos máis cuantiosos (a regularización do subministro eléctrico e dos contratos da ETAP, a EDAR, os museos municipais e a recollida de lixo) antes de que remate 2017, así como a remunicipalización da grúa, da ORA e do servizo de recadación tributaria baseándose nos acordos plenarios que xa hai neste sentido.

Finalmente, Ciudadanos quere que os comedores escolares dependan do Concello e que o contrato estea operativo para o comezo do vindeiro curso no mes de setembro. Do mesmo xeito e para evitar o “despilfarro e a mala xestión que ven denunciando nos últimos meses”, Olga Louzao quere que nos Orzamentos apareza “unha planificación e unha consignación orzamentaria detallada da área de Cultura e Turismo así como dos fondos europeos do proxecto Muramiñae para este ano”.

A postura de Ciudadanos en relación ao IBI para equipar o novo auditorio 

 

En relación á proposta da alcaldesa de “perdoar” o IBI á Xunta durante 6 anos a razón de 600.000 euros ao ano para equipar o novo auditorio, Olga Louzao dixo que Ciudadanos considera que “é unha proposta lesiva para os intereses de Lugo” e criticou que Lara Méndez “claudicara diante de Feijóo sen nin sequera negociar nin facer unha contraoferta”. Ciudadanos critica que “se se acepta esa proposta, ao final van ser os lugueses os que paguen a totalidade dos custos de equipar o novo auditorio, 3,6 millóns de euros, cando hai un acordo plenario para que esa cantidade se pague a partes iguais por parte do Concello, a Xunta e a Deputación”.

Por iso, Olga Louzao propón que o Concello se faga cargo só de 1,2 millóns de euros exhimindo á Xunta do pago do IBI durante os exercicios 2017 e 2018 a razón de 600.000 euros ao ano, e non durante 6 anos, como propón a alcaldesa, entre outras cousas porque tamén suporía “hipotecar as decisións da vindeira Corporación Municipal e do vindeiro alcalde ou alcaldesa”.