Olga Louzao proponlle a Lara Méndez que organice unha “consulta pública na que poidan participar todos os cidadáns censados no municipio que o desexen” para decidir o uso o vello cuartel militar
A voceira de Ciudadanos di que sería un exemplo de “democracia participativa real” e “a primeira vez en Lugo que unha decisión importante é tomada directamente por parte dos cidadáns”
Lugo, 21 de marzo de 2017. A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, vai máis alá na súa proposta de facer un colexio público no Cuartel de San Fernando e reta á alcaldesa, a socialista Lara Méndez, a “preguntar aos lugueses e luguesas se prefiren un colexio público ou un museo máis no edificio do vello cuartel” e lembra que “Lugo ten o MIHL pechado, igual que a sala de exposicións de Porta Miñá e está a piques de abrir outro museo máis sen contido no edificio do Vello Cárcere”. “Pensamos que igual que Ciudadanos, a maioría dos veciños e veciñas de Lugo prefiren tamén un colexio no casco histórico antes que un museo máis. Por iso, pedímoslle á alcaldesa que sexa valente e que pregunte á xente que prefire a través dunha consulta pública cidadá. Sería a primeira vez en Lugo que unha decisión importante para a nosa cidade fose tomada directamente polos cidadáns, un verdadeiro exemplo de democracia participativa”, argumenta a voceira de Ciudadanos.
Olga Louzao invita á alcaldesa “a non dicir que non á proposta de Ciudadanos antes de preguntar á xente que opina da idea” e argumenta que “se Lara Méndez tanto defende a participación cidadá e os Orzamentos participativos como di esta sería unha maneira de demostralo e de poñer en practica a participación cidadá cun exemplo real e moi concreto”. Por iso, Ciudadanos proponlle a Lara Méndez que habilite na páxina web do Concello “un sistema de consulta pública na que todos os cidadáns censados no municipio poidan participar de maneira doada con tan só rexistrarse e no que poidan votar libremente e de maneira confidencial para escoller entre as dúas alternativas de uso para o edificio do vello cuartel, colexio ou museo”. “Que a xente decida”, resumiu a voceira de Ciudadanos.
Olga Louzao explica que Lara Méndez incluíu nos Orzamentos de 2016, que se atopan prorrogados neste 2017, unha partida de 440.000 euros para a posta en marcha dos Orzamentos Participativos, que non foi executada. “Moito interese non debía ter a alcaldesa polos Orzamentos Participativos cando nada fixo neste sentido e a partida comprometida quedou sen tocar ao rematar o ano”, explica a voceira de Ciudadanos, que considera que incluíu 440.000 euros nos Orzamentos “só para quedar ben”, polo que lle pide que organice a consulta en torno ao futuro de San Fernando.
“Argumentos pouco consistentes” da alcaldesa para opoñerse á proposta
Olga Louzao critica os “argumentos pouco consistentes” da alcaldesa para rexeitar a proposta de Ciudadanos e pensa que en realidade “Lara Méndez non quere admitir que a proposta de Ciudadanos é unha boa idea e busca escusas peregrinas”. “Non compartimos as reticencias da alcaldesa á nosa proposta, sobre todo porque se nega a aceptar que é unha boa idea e necesaria no momento actual e non pode basearse para rexeitala nun acordo plenario cando ten máis de 160 acordos plenarios sen cumprir aprobados mesmo por unanimidade no que vai de mandato”, afirma a voceira de Ciudadanos que lle di a Lara Méndez que “se tanto valor lle dá aos acordos plenarios comece por cumprilos”.
Do mesmo xeito, Ciudadanos desmonta outro dos argumentos da alcaldesa, que afirma que non pode decidir sobre colexios, “igual que tampouco pode decidir sobre museos da Romanización, que tamén é unha competencia da Xunta”, argumenta Olga Louzao, que insiste en que “o Concello pode decidir que uso lle dá a un edificio que é da súa propiedade e o cuartel de San Fernando é de titularidade municipal despois de mercarllo ao Ministerio de Defensa por 2 millóns de euros”, explica a voceira de Ciudadanos, “do mesmo xeito que tamén é propiedade do Concello o Fogar de Santa María, polo que pode ofrecerllo á Xunta como sede do Museo da Romanización”, conclúe.
Finalmente, Olga Louzao di que “os edificios poden cambiar de uso e o que se fixo até o momento en San Fernando (tarefas de consolidación e derrubar as cabaleirizas da parte traseira) non compromete en nada o destino do inmoble, máis aínda cando non hai nin proxecto aprobado, nin prazos, nin sequera orzamento comprometido para o futuro Museo da Romanización”. “A alcaldesa di que o Museo da Romanización é unha demanda histórica, pero en realidade só ten 6 anos de historia, porque até 2010 o cuartel de San Fernando ía ser auditorio e nada impide que a partir de 2017 pase a ser colexio”, argumenta a voceira de Ciudadanos.
Por iso, Olga Louzao pídelle a Lara Méndez “que non se peche en banda e estude a proposta de Ciudadanos”. “A responsabilidade dun Goberno municipal é coñecer os problemas da cidade e darlles solución. Ninguén pon en dúbida na cidade a situación actual do casco histórico e a necesidade de máis prazas nos colexios públicos ante a escaseza actual. Por iso Ciudadanos pon enriba da mesa unha alternativa viable para un novo colexio público no Cuartel de San Fernando e sen esquecer o Museo da Romanización, ao que lle damos unha nova ubicación no Fogar de Santa María. A nosa proposta é unha proposta de futuro para o casco histórico, que contribuiría a dotalo de servizos e a favorecer a súa recuperación demográfica, porque o centro da cidade foi perdendo poboación nos últimos anos e hoxe só viven dentro de murallas menos de 3.000 persoas (en concreto, hai censadas 2.932 habitantes)”, xustifica a voceira de Ciudadanos.
O edificio xa foi colexio
Ciudadanos insiste na necesidade de máis prazas nos colexios públicos da cidade e en que é necesario un centro escolar público dentro do casco histórico e lembra que o edificio de San Fernando “antes de ser cuartel xa foi colexio, polo que se conseguiría tamén recuperar un dos seus usos históricos”. “En Ciudadanos pensamos que os edificios históricos e emblemáticos, como pode ser o Cuartel de San Fernando, débense rehabilitar para que sexan usados pola xente porque é a mellor maneira de que perduren e que mellor xeito de que o Cuartel de San Fernando sexa usado polas futuras xeracións que dedicándoo a centro de ensino, que significa tamén recuperar un uso histórico que xa tivo ese edificio como Colexio de San Fernando”, argumenta Olga Louzao.
A falla dun colexio público de dimensións axeitadas é unha das carencias actuais máis evidentes que hai dentro de murallas se de verdade queremos que o centro teña vida e recupere poboación. O cuartel de San Fernando atópase dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo, situado na actual Praza de Ferrol fronte ao Colexio da Milagrosa e pegado ao actual colexio público Quiroga Ballesteros, que é o único colexio público que hai neste momento no centro de Lugo e acolle alumnos tanto do casco histórico como da zona da Avenida da Coruña máis próxima a San Fernando pero que ten carencias evidentes en canto a capacidade e instalacións dispoñibles polas súas reducidas dimensións. Ao destinar o Cuartel de San Fernando a colexio público podería destinarse o actual colexio Quiroga Ballesteros, que está enfronte, a escola infantil pública, da que tamén carece o casco histórico, co que se pecharía, sumando o instituto Xoán Montes, o ciclo educativo obrigatorio dentro de murallas.
O Cuartel de San Fernando de Lugo é un edificio neoclásico que se comezou a construír en 1779, cando o rei Carlos III decidiu erixir en Lugo un cuartel destinado a atender aos inválidos do exército. O proxecto inicial é de Bartolomé de Amphoux, e nel o edificio organizábase en torno a dous patios separados mediante o pavillón destinado aos soldados de infantería. Na actualidade ao non existir ese pavillón central os dous patios atópanse unidos, presentando o edificio unha planta rectangular moi pouco frecuente en edificios destas características. A obra destaca pola sinxeleza e a funcionalidade. Despois de 225 anos, o Cuartel dos Inválidos de San Fernando, único acuartelamento construído na cidade na época ilustrada, conserva as súas estruturas e organización espacial, de xeito que constitúe un exemplar de extraordinaria importancia da arquitectura neoclásica civil en Galicia, o que lle valeu a declaración como Ben de Interese Cultural por parte da Xunta de Galicia mediante decreto 359/2009 do 9 de xullo de 2009.