Olga Louzao afirma que “Lugo non pode pasar nin un día máis sen Orzamentos porque a cidade está absolutamente bloqueada e paralizada” e dille a Lara Méndez que o seu grupo “está disposto a desbloquear a actual situación e apoiar mañá mesmo os Orzamentos se se pon a traballar nunha solución integral e de futuro para o casco histórico”

 

Ciudadanos considera que é prioritario un novo colexio no centro da cidade e a construción dunha gardería no actual colexio Quiroga Ballesteros para que o casco histórico recupere poboación e di que “o Museo da Romanización pode facerse no Fogar de Santa María” 

 

Lugo, 20 de marzo de 2017. A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, provocou esta mañá un xiro inesperado nos acontecementos ao ofrecerse á alcaldesa, Lara Méndez, para aprobar os Orzamentos do Concello de 2017 se acepta a súa proposta de que no Cuartel de San Fernando se faga un colexio público no canto do previsto Museo da Romanización, do que nada se sabe desde hai anos. “Lugo non pode pasar nin un día máis sen Orzamentos porque a cidade está absolutamente bloqueada e paralizada. Por iso, e aínda que non compartamos as formas e a xestión da alcaldesa, por responsabilidade, desde Ciudadanos Lugo estamos dispostos a apoiar mañá mesmo os Orzamentos do Concello se se inclúen unha serie de actuacións para este ano que para nós resultan indispensables e que suporían unha auténtica aposta de futuro pola revitalización do casco histórico de Lugo”, argumentou Olga Louzao.

“Parece que os socios de Goberno da alcaldesa, Lugonovo e o Bloque, déronlle as costas e non están dispostos a aprobar os Orzamentos deste ano. Estamos a piques de rematar o mes de marzo e a cidade de Lugo segue sen Orzamentos e a este ritmo chegaremos ao verán sen planificación económica no Concello para este ano. O ano pasado os Orzamentos aprobáronse en maio e este ano imos polo mesmo camiño. Un Goberno responsable e eficaz ten que proceder doutro xeito e mostralo nos momentos importantes do seu mandato, así que convidamos á alcaldesa a ser valente e a aceptar a proposta de Ciudadanos”, indicou a súa voceira. Ciudadanos di que é Lara Méndez a encargada de tratar de sacar adiante as contas municipais urxe a alcaldesa a facelo canto antes. “A estas alturas aínda non se iniciou ningún contacto nin ningunha negociación entre os grupos, por iso desde Ciudadanos decidimos dar un paso adiante con esta proposta”, xustificou Olga Louzao.

A “proposta integral para o casco histórico” que propón Ciudadanos inclúe a construción dun colexio público no edificio do Cuartel de San Fernando en substitución do actual colexio Quiroga Ballesteros, que se transformaría nunha gardería pública, da que tamén carece o centro da cidade, e o Museo da Romanización trasladaríase ás instalacións do Fogar de Santa María, tamén de propiedade municipal pero cedido á Deputación. “Xa que non hai visos de Museo da Romanización algún no Cuartel de San Fernando, queremos que nel se faga un colexio público como xeito de dinamizar o casco histórico e recuperar poboación no centro. Hai 15 anos había empadronados 3.500 cidadáns e hoxe hai xa menos de 3.000 habitantes. É necesaria unha revitalización demográfica do centro e iso conséguese moito mellor cun colexio que cun museo”, argumenta Olga Louzao.

Ciudadanos considera que “a falla dun colexio público de dimensións axeitadas é unha das carencias actuais máis evidentes que hai dentro de murallas se de verdade queremos que o centro teña vida e recupere poboación”. O Quiroga Ballesteros e que é o único colexio público que hai neste momento no centro de Lugo pero ten carencias evidentes en canto a capacidade e instalacións polas súas reducidas dimensións. Olga Louzao plantexa ademais que “ao destinar o Cuartel de San Fernando a colexio público podería destinarse o actual colexio Quiroga Ballesteros, que está enfronte, a escola infantil pública, da que tamén carece o casco histórico, co que se pecharía o ciclo educativo obrigatorio dentro de murallas sumando o instituto Xoán Montes”.

O proxecto existente adáptase perfectamente para centro escolar

 

Ciudadanos afirma que o anteproxecto presentado no ano 2010 para converter o Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, obra dos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj García, gañador dun concurso de ideas para a rehabilitación do edificio como museo e que propón unha intervención branda no inmoble, do século XVIII e que está declarado BIC, “adáptase perfectamente a un uso escolar”. De feito, moitos dos espazos deseñados, como a biblioteca, unha sala de usos múltiples de 150 metros cadrados ou un auditorio cun aforo de 100 persoas, servirían de destinarse a colexio. O propio anteproxecto prevé tamén “a transformación do patio interior nun espazo cuberto”, polo que tamén sería aproveitable como patio escolar, ao que se engadiría o espazo libre resultante na parte traseira despois de que se tiraran xa neste momento as antigas cuadras de cabalos do vello cuartel. En total, o edificio dispón de 4.250 metros cadrados, dos que máis de 2.000, os previstos para zona expositiva, almacéns e arquivo, poderían destinarse a aulas. Este anteproxecto, ademais, habería xa que modificalo de todos os xeitos, pois nalgúns aspectos non se adapta ao permitido para un edificio declarado BIC, polo que Ciudadanos pide que se aproveite esa modificación para cambiar o uso de museo a colexio. Para a voceira de Ciudadanos o investimento previsto para o Museo da Romanización, de máis de 10 millóns de euros, “chega para facer o colexio”. “O único que hai que facer cederlle o edificio á Xunta é dicirlle que con eses cartos faga o colexio en vez do museo”.

 

Museo da Romanización no Fogar de Santa María

 

A proposta de Ciudadanos inclúe tamén unha nova ubicación para o Museo da Romanización nos edificios que actualmente ocupa a Deputación no Fogar de Santa María. “A Deputación Provincial está a piques de mercar o edificio da Cámara de Comercio na Avenida Ramón Ferreiro e pode trasladar alí as oficinas que actualmente ten no Fogar de Santa María, que é de titularidade municipal e que sería unha ubicación idónea para o Museo da Romanización por estar enfronte da Muralla e pegado ao Carme, no que posiblemente haxa importantes achados da época romana”, argumenta Olga Louzao. Olga Louzao defende ademais que “a mellor forma de musealizar os restos arqueolóxicos que van aparecendo na cidade é facelo in situ”, como se fai na maioría das cidades cun patrimonio histórico importante, polo que considera “un desperdicio” destinar máis de 1.000 metros cadrados do Cuartel de San Fernando a simple almacén, tal como se propón no proxecto de Museo da Romanización.

 

“O Grupo Municipal de Ciudadanos non nos negamos a que se constrúa en Lugo un Museo da Romanización e queremos que se rehabilite e se lle dea uso ao Cuartel de San Fernando, pero entre un museo e un colexio público preferimos que se faga un colexio público, e pensamos ademais que revitaliza moito máis o casco histórico un colexio que un museo”, indica a voceira de Ciudadanos, que engade que “en Ciudadanos pensamos que os edificios históricos e emblemáticos, como pode ser o Cuartel de San Fernando, débense rehabilitar para que sexan usados pola xente porque é a mellor maneira de que perduren e que mellor xeito de que o Cuartel de San Fernando sexa usado polas futuras xeracións que dedicándoo a centro de ensino, que significa tamén recuperar un uso histórico que xa tivo ese edificio como Colexio de San Fernando”.

 

Aparcar a RPT e un plan de actuacións detallado e cuantificado

 

A voceira de Ciudadanos afirmou ademais que a Relación de Postos de Traballo, “que era condición para a maioría dos grupos políticos para negociar os Orzamentos, é hoxe en día un impedimento para poder aprobalos polo rexeitamento que crea entre o persoal municipal e as discriminacións que produce ao premiar con incrementos inxustificados a colectivos como a Policía Local”, polo que Olga Louzao pídelle á alcaldesa “que a aparque para negociar os Orzamentos”. “A RPT está aínda moi verde e vai ter que ser modificada, así que se a alcaldesa quere aprobala antes ca os Orzamentos, o que vai facer é retrasar aínda máis a aprobación dos Orzamentos”, argumenta. Neste sentido, a voceira de Ciudadanos lembrou que os Orzamentos de 2016 aprobáronse en primavera, nun Pleno extraordinario no mes de maio, e augurou que “os deste ano non se van aprobar antes porque é unha irresponsabilidade que un Goberno en minoría como é este non iniciara aínda as conversas co resto dos grupos da Corporación para a elaboración dos Orzamentos deste ano”, dixo. A voceira de Ciudadanos criticou “que este Goberno convirta en habitual algo que é excepcional, como é o feito de prorrogar os Orzamentos” e indicou que “a xestión diaria cunhas contas prorrogadas vese moi condicionada e implica que non se poden acometer novos proxectos”.

Olga Louzao quere tamén un plan de actuacións detallado para 2017 nas contas do Concello para este ano, que inclúa obras e partidas concretas, como a consignación necesaria para rematar a obra da Praza de Abastos e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, un programa de catas arqueolóxicas no Carme para iniciar o proxecto Muramiñae e a peonalización da calzada romana e un plan plurianual de eliminación de barreiras arquitectónicas para 2017, 2018 e 2019, os tres que restan deste mandato, que duplique a cantidade orzamentada neste momento para accesibilidade até chegar aos 100.000 euros anuais. Tamén propón Ciudadanos un plan plurianual similar para o mantemento dos colexios dotado con 200.000 euros ao ano até final de mandato, o dobre que na actualidade.

Tamén é condición de Ciudadanos a licitación dos moitos contratos caducados que ten o Concello neste momento e que supoñen un importante custo para as arcas municipais, comezando polos máis cuantiosos (a regularización do subministro eléctrico e dos contratos da ETAP, a EDAR, os museos municipais e a recollida de lixo) antes de que remate 2017, así como a remunicipalización da grúa, da ORA e do servizo de recadación tributaria baseándose nos acordos plenarios que xa hai neste sentido.

Finalmente, Ciudadanos quere que os comedores escolares dependan do Concello e que o contrato estea operativo para o comezo do vindeiro curso no mes de setembro. Do mesmo xeito e para evitar o “despilfarro e a mala xestión que ven denunciando nos últimos meses”, Olga Louzao quere que nos Orzamentos apareza “unha planificación e unha consignación orzamentaria detallada da área de Cultura e Turismo así como dos fondos europeos do proxecto Muramiñae para este ano”.

 

IBI para equipar o novo auditorio 

 

En relación á proposta da alcaldesa de “perdoar” o IBI á Xunta durante 6 anos a razón de 600.000 euros ao ano para equipar o novo auditorio, Olga Louzao dixo que Ciudadanos considera que “é unha proposta lesiva para os intereses de Lugo” e criticou que Lara Méndez “claudicara diante de Feijóo sen nin sequera negociar nin facer unha contraoferta”. Ciudadanos critica que “se se acepta esa proposta, ao final van ser os lugueses os que paguen a totalidade dos custos de equipar o novo auditorio, 3,6 millóns de euros, cando hai un acordo plenario para que esa cantidade se pague a partes iguais por parte do Concello, a Xunta e a Deputación”.

Por iso, Olga Louzao propón que o Concello se faga cargo só de 1,2 millóns de euros exhimindo á Xunta do pago do IBI durante os exercicios 2017 e 2018 a razón de 600.000 euros ao ano, e non durante 6 anos, como propón a alcaldesa, entre outras cousas porque tamén suporía “hipotecar as decisións da vindeira Corporación Municipal e do vindeiro alcalde ou alcaldesa”.