“Constátase que o obxectivo da suposta investigación aberta era tapar o asunto ante o clamor social xerado na cidade, pero que Lara Méndez está máis interesada en tapar as vergoñas da Policía Local que conseguir que presten un servizo efectivo á cidadanía de Lugo”, afirma Olga Louzao
Lugo, 16 de marzo de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, criticou esta mañá a “falta de valentía” da alcaldesa, Lara Méndez, que decidíu deixar sen sanción algunha o “comportamento irresponsable” da totalidade dos axentes que o pasado 16 de febreiro, estando de servizo e no canto de estar patrullando como era a súa obriga, déronse cita de madrugada na cafetería do Hula para tomar un “tentempé”, en palabras da propia alcaldesa, que se prolongou durante máis dunha hora.
En canto ás conclusións do que Ciudadanos cualifica como “pseudoexpediente e pseudoinvestigación” aberta, Olga Louzao indica que “é unha evidencia que non ía dar resultado algún, xa que a alcaldesa mandou á Policía Local investigarse a si mesma e evidentemente decidiu non multarse a si mesma, non se podía agardar outra cousa”. Ciudadanos pon en dúbida a “imparcialidade” da investigación levada a cabo e indica que, como parece lóxico, “a instrución do expediente debeu ser realizada por un órgano imparcial, non polos propios involucrados”.
Por iso, para Ciudadanos “constátase que o obxectivo da suposta investigación aberta no seu momento pola alcaldesa era simplemente acalar o clamor social xerado na cidade e tapar o asunto canto antes, pero non poñer orde na Policía Local e resolver os problemas que hai no funcionamento do corpo. Lara Méndez mostrou con todo isto que ten máis interese por tapar as vergoñas da Policía Local que por conseguir que presten un servizo efectivo á cidadanía de Lugo”, afirma con contundencia Olga Louzao.
Absoltos pola alcaldesa pero culpables aos ollos da cidadanía
Ciudadanos critica que xusto cando se cumpre un mes do acontecido, “o asunto se peche en falso”. Olga Louzao considera que “malia que a alcaldesa decidíu absolver aos axentes e deixar impune a súa actitude irresponsable, a maioría da cidadanía de Lugo ten unha opinión ben distinta, que está, di, “en sintonía co que opina Ciudadanos”, máis aínda cando “non se tratou dun día illado, senón que era unha práctica habitual”, segundo denuncia Ciudadanos.
Asemade, a voceira de Ciudadanos considera “inaceptable e intolerable” a “actitude mafiosa e ameazante” dos axentes involucrados no acontecido, que pediron as grabacións das cámaras de seguridade do hospital para averiguar quen lles fixo a foto “tomando café en actitude de charla distendida”. “No canto de pedir perdón á cidadanía pola súa actitude, que é o que se debería agardar de quen ten a obriga de estar ao servizo de cidadáns, dedicáronse a buscar á persoa que denunciou os feitos para tratar de amedrentala”, afirma Olga Louzao, que tamén denuncia “actitudes semellantes contra membros de Ciudadanos eses mesmos días que denunciou o acontecido”.
Olga Louzao di que non vai botar “máis gasolina ao lume” e que “se a denuncia feita por Ciudadanos no seu día servíu para que os policías se poñan a traballar xa cumpríu coa súa función”. Ciudadanos considera necesario unha “reorganización do corpo adaptada ás novas funcións que debe realizar”. Neste sentido, defende que un modelo de Policía local “de proximidade”, cos axentes “na rúa ao servizo do cidadán e contribuíndo a unha maior seguridade pública”.
Necesidade de actualizar o regulamento interno da Policía Local
Do mesmo xeito, a voceira de Ciudadanos considerou “pouco serio” que a única decisión que Lara Méndez vai tomar neste asunto sexa “mandarlles unha carta aos policías para dicirlles que non poden tomar o café todos xuntos, senón só de 4 en 4”. Olga Louzao afirma que “o acontecido pon en evidencia a necesidade de regular de maneira clara os turnos, descansos e xornadas de traballo da Policía Local e facer que cumpran de xeito estricto o seu horario de traballo, porque os cidadáns pagan os seus impostos e esixen resultados”.
Olga Louzao afirma que “todos estes aspectos deben estar recollidos no Regulamento Interno de Funcionamento da Policía Local e non en cartas manuscritas” e esixiu á alcaldesa, Lara Méndez, que poña en marcha de inmediato o procedemento para a revisión do actual Regulamento, que ten máis de 30 anos, tal como foi aprobado no Pleno do mes de decembro pasado a instancias de Ciudadanos, antes de que xurdira toda esta polémica.
Na iniciativa aprobada no Pleno, o grupo municipal de Ciudadanos pidía á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a elaboración e aprobación dun novo Regulamento de Organización e Funcionamento para a Policía Local, dado que o actual non compre coa lexislación estatal e autonómica que regula as funcións dos axentes de Policía Local nin o sistema de acceso ao corpo. O Regulamento vixente data de 1985 (foi aprobado no Pleno do 27-6-1985) e está absolutamente desfasado e non está adaptado ás funcións que desenvolve actualmente a Policía Local nin ás ferramentas de traballo empregadas, como poden ser as novas tecnoloxías.