A voceira de Ciudadanos esixe a PP e PSOE “que deixen de lado o mero interese partidista e se centren no que de verdade lle importa aos lugueses e luguesas: tirar as torres e evitar as indemnizacións”
Ciudadanos considera que “moi triste aos ollos dos lugueses o acontecido esta mañá” e sigue defendendo “o acordo e o diálogo como base para unha solución consensuada para o Garañón”
Lugo, 15 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos lamentou esta mañá “profundamente” que a primeira reunión da Comisión do Garañón rematara sen acordo “porque os veciños e veciñas de Lugo o que agardaban eran as primeiras decisións consensuadas de toda a Corporación”. “Os lugueses e luguesas elixíronnos para resolver os seus problemas, non para perder o tempo en pelexas estériles e inútiles”, afirmou a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, que acusa ao PP e ao PSOE de “frustrar o acordo ao buscar o rédito partidista no canto da mellor solución para os intereses da cidade”.
“Despois do esforzo realizado por Ciudadanos nos últimos días para unir a todas as forzas políticas da cidade en torno ao Garañón, a reunión mantida hoxe supón para nós unha grande decepción. Lamentamos que a primeira reunión da Comisión se frustrara pola pelexa do PP e do PSOE por presidir a Comisión. Sinceiramente, pensamos que os cidadáns e cidadás de lugo agardaban as primeiras medidas conxuntas e consensuadas de toda a Corporación e non unha triste imaxe dunha loita de poder por ver quen a preside. Para Ciudadanos isto é o menos importante, o que buscamos desde o primeiro momento foron decisións e medidas que beneficien ao conxunto da cidadanía sen perder o tempo, un tempo que é moi valioso, noutras consideracións. Esta é a imaxe da política que non compartimos e que nunca defenderemos. Se non nos poñemos dacordo en algo tan simple como é quen preside unha Comisión, que podemos agardar das decisións importantes, como quen tira as torres, quen se fai cargo das indemnizacións ou que solución se lle da a toda esta zona”, afirma Olga Louzao.
Olga Louzao esixe “responsabilidade” ao PP e ao PSOE “no asunto máis importante que ten hoxe a cidade de Lugo” e avanza que Ciudadanos “quere ser neste asunto a voz do diálogo e o consenso”. “A de hoxe é a imaxe máis triste da política, a nós danos igual quen sexa o presidente, o que queremos é resultados”, afirma a voceira de Ciudadanos. De feito, xa anuncia que o seu grupo “non se vai a posicionar nin a favor de que a presida o PP nin a favor de que a presida o PSOE, o que lles exisimos tanto a uns coma aos outros é que se poñan dacordo entre eles como forzas máis votadas que son”.
“Ciudadanos vaise manter á marxe destas loitas de poder absolutamente estúpidas e improdutivas”, anuncia Olga Louzao, que lamenta que o resto das forzas políticas “tiraran por terra o traballo de consenso realizado por Ciudadanos nos últimos días”. Olga Louzao considera que “o espíritu de acordo promovido por Ciudadanos é o que debe presidir a solución ao Garañón”. “Desde Ciudadanos pensamos que foi un paso moi importante a unidade da oposición para esixir a constitución da Comisión, pero agora hai que sumar tamén ao Goberno porque a cidadanía de Lugo non entendería que quedara á marxe da toma de decisións”.
“Nós non queremos vetos senón consensos”
Ciudadanos critica “por igual” tanto a actitude mantida esta mañá pola alcaldesa como a mantida polo Partido Popular, xa que ningún deles quixo renunciar a presidir a Comisión, cuxa constitución quedou aprazada á espera dun informe xurídico sobre o Regulamento Orgánico do Pleno, que regula tamén o funcionamento das distintas Comisións.
“É certo que a alcaldesa reaccionou neste asunto forzada pola oposición e que convocou a Comisión porque non lle quedaba máis remedio, como se fose un mero trámite, pero pensamos que agora no seo desa Comisión tanto o Goberno como a oposición deben poder traballar man a man e en ingualdade de condicións para tomar de maneira consensuada as mellores decisións para a cidade”, defende. “Nós o que queremos é que sexa unha Comisión útil, decepciónanos a actitude tanto da alcaldesa como do PP e ímonos manter á marxe destas trifulcas porque non queremos vetos senón consensos”, conclúe Olga Louzao, porque, opina, “os cidadáns non queren división, senón acordo e consenso, e isto non o entenderon esta mañá nin o PP nin o PSOE”, di. Para Ciudadanos, “debe ser unha comisión que teña carácter decisorio e que guíe as decisións a tomar e os seguintes pasos a dar no relativo ao Garañón”.
Rachar co pasado e comezar de cero
Olga Louzao pídelle a Lara Méndez que rache co pasado e se apoie na oposición, con maioría na actual Corporación, para comezar de cero. “Se de verdade quere rachar co pasado en todo o relativo ao Garañón, ten unha oportunidade de facelo mirando polo interese xeral e non polo dos seus antecesores”, argumenta. Neste sentido, Ciudadanos considera que logo de tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación ao Garañón nas que queda anulada a licenza, o proxecto de Urbanización e o PERI, “hai que comezar de cero e debe ser o Concello o que lidere o desenvolvemento urbanístico da zona en beneficio da cidade, e non deixar esa ordenación en mans do promotor, como aconteceu até o de agora”.
Olga Louzao di que despois da última sentenza do TSXG en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, que “sementa dúbidas fundadas de ilegalidade sobre o convenio do Garañón”, a alcaldesa, Lara Méndez, “xa non ten desculpa para non revisar este documento así como toda a tramitación feita no seu día por Orozco e Besteiro”. Ciudadanos é partidario de de encargar un “informe externo independente en relación a se o convenio asinado no seu día é legal ou ilegal e se pode ser anulado”.
A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que “a sentenza do TSXG anula o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da Unidade de Actuación CS-5 das Costas do Parque aprobado en 2005 polo Goberno do PSOE e cuestiona o convenio asinado por Orozco e Besteiro co promotor do Garañón porque a redución da edificabilidade na parcela faise a costa unicamente dos intereses urbanísticos do Concello, que por lei ten dereito ao 10% do aproveitamento urbanístico pero mantén na súa máxima plenitude a edificabilidade ao promotor”.
Ciudadanos quere que o primeiro acordo da Comisión do Garañón sexa “que o Concello encargue un estudo pormenorizado sobre as posibilidades legais de anular o convenio asinado por Orozco e Besteiro e evitar deste xeito indemnizacións millonarias que terían que pagar todos os lugueses e luguesas”. A voceira de Ciudadanos, que foi a promotora das xuntanzas de toda a oposición polo Garañón pide “a unión de todos os grupos da Corporación neste tema por riba dos intereses partidistas de cada un de nós para defender os intereses dos lugueses”, polo que quere que ese informe técnico sexa encargado co acordo unámime de todos os grupos no seo da Comisión e pídelle á alcaldesa que se sume.