Olga Louzao explica que Carmen Basadre non foi quen nin de convocalas porque non tivo a previsión de reservar nos Orzamentos os 23.100 euros necesarios
Ciudadanos acusa á concelleira de Cultura de “pagar cos cartos dos lugueses sobrecustos a intermediarios de fóra de Lugo para os concertos do Auditorio e, sen embargo, marxinar ás asociacións da nosa cidade que fan cultura en Lugo todo o ano”
Lugo, 24 de febreiro de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos revelou hoxe que as asociacións culturais da cidade non van recibir axuda algunha do Concello en concorrencia competitiva polas actividades que fixeron no ano 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, explicou que “debido á nefasta xestión da concelleira de Cultura, Carmen Basadre, as asociacións non van poder recibir a axuda do Concello que lles correspondería pola súa labor o ano pasado porque debido ao retraso que se acumula, os cartos que había orzamentados para 2016 o Goberno destinounos a pagar as axudas de concorrencia competitiva do 2015 e quedou sen cartos para sacar a convocatoria do ano 2016”.
Olga Louzao explica que o importe que deixarán de percibir as asociacións culturais da cidade é de 23.100 euros e di que “é a mesma cantidade pagada en sobrecustos nos catro concertos que Carmen Basadre contratou para o auditorio“, polo que Ciudadanos critica “que desde área de Cultura non haxa cartos para financiar a labor das asociacións de Lugo que durante todo o ano fan cultura na nosa cidade pero sobren os cartos para contratar concertos e beneficiar a intermediarios de fóra de Lugo”. “Hai cartos para intermediarios de fóra de Lugo pero non para as asociacións culturais da nosa cidade”, denuncia Olga Louzao.
Ciudadanos explica que Carmen Basadre “recoñeceu esta semana no Consello de Cultura que non se van sacar as axudas de concorrencia competitiva do ano 2016 pero tentou lavarse as mans da súa responsabilidade alegando que se debía a ‘razóns técnicas’, cando en realidade o que pasou é que fixo tan mal as cousas que cando quería sacar a convocatoria, co ano xa practicamente rematado, xa esgotara o crédito dispoñible na súa área e non o puido facer”, critica Olga Louzao. Desta maneira, só puideron recibir axuda as que figuraban nos Orzamentos con subvencións nominativas, como Fonmiñá para o Festival de Cine ou Escobijazz para o Festival de Jazz, pero non a totalidade das asociacións da cidade.
Carmen Basadre descoñece o custo da viaxe de 7 persoas do Goberno a Fitur
A voceira de Ciudadanos tamén preguntou na Comisión de Cultura desta semana a Carmen Basadre polo custo da presenza deste ano en Fitur. A responsable de Turismo do Concello indicou que foron 7 as persoas que viaxararon a Madrid en xaneiro para asistir á feira de turismo pero que se descoñece o que custou porque “os gastos están aínda sendo cuantificados”. Olga Louzao considera que “Carmen Basadre tenta tapar o custo real da viaxe” e calcula que “o Concello de Lugo gastou máis no desprazamento desas 7 persoas a Madrid que na promoción turística da nosa cidade realizada na propia feira”.
Ciudadanos considera “un despropósito” que a provincia de Lugo acudise a Fitur “atomizada e con sete lemas diferentes”, xa que Xunta, Deputación, Hostaleiros, consorcios como o da Mariña e a Ribeira Sacra e concellos coma o de Lugo, Viveiro ou Ribadeo foron con cadanseu lema e con cadansúa estratexia promocional e critica que Carmen Basadre “non mantivese ningún contacto previo co resto de Administracións e entidades relacionadas co turismo na provincia de Lugo de cara a unha promoción conxunta e a coordinar as distintas accións para evitar duplicidades e malgastar esforzos e recursos económicos” .
Que Lara Méndez poña orde na “República independente de Cultura”
Ante a situación de “desgoberno e continuas irregularidades” que se producen na área que xestiona Carmen Basadre, Olga Louzao esíxelle á alcaldesa, Lara Méndez, “que poña orde na República independente de Cultura” porque a súa titular “vai por libre e non responde a criterio lóxico algún na súa xestión”.
Ciudadanos di que “desde que está en Cultura, Carmen Basadre é máis coñecida xa polos seus desatinos que polo seus acertos” e pon como exemplos a polémica adxudicación das casetas do polbo no San Froilán, a instalación sen ningún tipo de contrato da Pista de Xeo, ou os sobrecustos dos concertos do Auditorio.