Jesús Expósito ve “inxustificado” que policías e bombeiros, que representan o 25% da plantilla municipal, se repartan o 70% dos 1,5 millóns de euros de incremento do complemento específico previsto para o cunxunto de traballadores do Concello e considera que este reparto é “absolutamente discrecional” e non responde a “criterios obxectivos de valoración” 

 

Ciudadanos afirma que “a RPT presentada onte non resolve ningún dos problemas de funcionamento que ten o Concello de Lugo na actualidade porque non varía a actual estrutura organizativa municipal nin reforza os servizos que teñen un déficit claro de persoal”

 

Lugo, 15 de febreiro de 2017. Os dous concelleiros de Ciudadanos, Olga Louzao e Jesús Expósito, rexeitan “por completo” a nova Relación de Postos de Traballo elaborada polo Goberno municipal, que consideran “discrecional e arbitraria”, e afirman que “non resolve ningún dos problemas de funcionamento que ten o Concello de Lugo na actualidade porque non varía a actual estrutura organizativa municipal nin reforza os servizos que teñen un déficit claro de persoal”,

Ciudadanos afirma que “o Goberno municipal perdeu a oportunidade de modernizar a administración local a través da RPT, que se limita simplemente a un reparto caciquil da bolsa salarial que se usaba para o pago da produtividade”. Neste sentido, o grupo de Olga Louzao e Jesús Expósito critica que a alcaldesa, Lara Méndez, “premie” á Policía Local cunha suba de 450 euros ao mes, algo que consideran “inxustificado en comparación cos incrementos do resto de traballadores municipais”.

Jesús Expósito explica que cada un dos 90 axentes da Policía que fan turnos verán incrementado o seu complemento específico nun 68%, pasando de 8.339,76 euros ao ano a 13.997,16 euros, aos que hai que sumar un incremento de 635,18 euros no seu complemento de destino, que pasa do nivel 17 ao 19. En total, un axente, que agora cobra 24.978,38 euros, pasará a cobrar coa nova RPT 31.267,18 euros anuais, É dicir, o salario dun policía local, que está encadrado como funcionario do grupo C da administración, será a partir de agora de 2.233 euros ao mes, “máis do que cobra un técnico do grupo B”, compara Jesús Expósito.

A esta cantidade habería que engadir os trienios e o pago de horas extras e reforzos, concepto polo cal durante o último San Froilán o Goberno local pagou máis de 60.000 euros, algo que para Ciudadanos “non ten xustificación porque é parte do traballo da Policía Local, non é nada excepcional nin extraordinario, e máis tendo en conta que a Policía Local fai un 30% menos de xornada laboral que o resto de traballadores do Concello, xa que traballan 25,5 horas á semana fronte ás 37,5 do resto de traballadores municipais”, indica.

O incremento retributivo da Policía Local varía en función da categoría: 450 euros ao mes no caso dos 90 axentes que fan turnos, 424,57 no caso dos inspectores xefe, 377,72 para os inspectores que están a turnos e 311,91 para os policías que fan tarefas administrativas en horario de mañá. En total, a suba no conxunto da Policía Local é de 734.568,66 euros, o que representa o 51% dos 1,419.471 euros que supón de incremento a nova RPT no conxunto dos 752 traballadores da plantilla municipal.

 

342 euros máis para os bombeiros

 

O segundo dos colectivos máis beneficiados por esta RPT son os bombeiros. O medio cento de bombeiros-condutores percibirán unha suba de 342 euros ao mes, os 5 cabos 324,85 e o sarxento 109 euros. A suba total para este corpo será de 263.700 euros anuais, o 18,5% do total. Jesús Expósito considera “inxustificado que a suba dos bombeiros e a policía, que representan unha cuarta parte da plantilla municipal (54 bombeiros e 125 membros da Policía Local), supoña o 70% do total de incremento que recolle a RPT, polo que considera que o reparto na suba do complemento específico é “discrecional e arbitrario e non responde a criterios de valoración obxectivos”, segundo Ciudadanos. “Con esta RPT a alcaldesa castiga á maioría de traballadores do Concello para beneficiar a unha minoría”, afirma Expósito, que di que “Lara Méndez quere contentar a unha parte da Policía Local”.

 

17 traballadores verán reducido o seu salario

 

De feito, non todos os membros do corpo da Policía verán incrementado o seu salario. Os 5 auxiliares de Policía que se encargan de tramitar as multas na Unidade de Sancións verán reducido o seu soldo en 16 euros ao mes ao baixarlles o seu complemento específico. En total só 17 traballadores municipais percibirán menos con esta RPT. Ademais dos 5 membros da Unidade de Sancións, baixa o complemento específico dos 4 operarios da vella Estación de Tratamento de Auga Potable, o coordinador de Deportes, o xefe do Parque Móbil, a técnica de prevención de riscos laborais, a traballadora social da Casa da Muller, o encargado de nóminas, un notificador, un programador informático e o encargado da brigada de augas.

“Este caso chama especialmente a atención porque pasou de ser o traballador que maior subida percibía na proposta presentada polo Goberno a semana pasada, 15.000 euros anuais, a baixarlle na RPT presentada onte aos sindicatos 950 euros”, indica Expósito, que explica que o Goberno moderou a suba prevista para o conxunto dos operarios da brigada de augas pasando dun incremento inicial de 5.500 euros anuais por traballador a 1.750 na proposta que onte foi á Mesa Xeral de Negociación. A RPT xustificaba a suba inicial no feito de que “o Servizo de Augas atópase mermado no número de traballadores (ten 9 actualmente), o cal fai imposible cubrir as 24 horas do día todos os días da semana, polo que para cubrir as 24 horas do día faise necesario que algún dos traballadores permaneza localizado e de guardia, para que en caso de emerxencia poida trasladarse ao lugar oportuno para adoptar as primeiras medidas de seguridade no lugar, como cortes de auga”.

 

Gañar o favor da UXT de cara ao próximo congreso do PSOE

 

En canto ao nivel de apoio logrado pola proposta do Goberno, Ciudadanos afirma que “o descontento entre os traballadores municipais é xeralizado por mor de que o reparto non é equitativo e danse agravios comparativs, máis aínda con respecto aos colectivos máis beneficiados, como policías e bombeiros”. Tamén rexeita Ciudadanos que a RPT obtivese un apoio do 80% dos delegados sindicais, tal como dixo o Goberno, xa que o Goberno non permitíu ao sindicato maioritario, Ágora, participar nas negociacións. A respecto do apoio da UXT, Jesús Expósito afirma que “Lara Méndez necesita apoios dentro do seu propio partido para consolidarse como lideresa do PSOE en Lugo e parece que os quere lograr con esta RPT beneficiando aos traballadores vinculados á UXT e ao Partido Socialista”, di o concelleiro de Ciudadanos en relación aos próximos procesos congresuais que vai afrontar o PSOE.

 

Finalmente, o grupo municipal de Ciudadanos explica que a nova Relación de Postos de Traballo que o Goberno municipal pretende aprobar “carece a día de hoxe dos preceptivos informes técnicos da xefa de Persoal, o Interventor e a Asesoría Xurídica” e considera que “é unha irresponsabilidade que o Goberno local a levara á Mesa Xeral de Negociación sen ter eses informes, que poderían obrigar a modificar determinados aspectos por non axustarse á legalidade”.