Olga Louzao explica que o Concello pagou máis de 15.000 euros por traer ao artista arxentino e só recuperou 1.500 euros pola venda de entradas

 

Ciudadanos afirma que “a xestión de Carmen Basadre nas áreas de Cultura e Turismo destaca pola nula planificación e por crear continuos problemas”

 

Lugo, 10 de febreiro de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, criticou a xestión que Carmen Basadre realiza á fronte das áreas de Cultura e Turismo, que se caracteriza, dixo, “pola nula planificación e por crear continuos problemas e confictos”.

 

Ciudadanos pon como “un exemplo máis” o concerto de Ariel Rot celebrado onte no Auditorio Municipal. Segundo explicou Olga Louzao, traer ao artista arxentino custoulle ao Concello de Lugo 15.125 euros. O concerto foi anunciado o martes, só dous días antes de ter lugar a actuación, sen tempo para que se dese a coñecer e sen promoción nin difusión suficiente, polo que foi “un absoluto fracaso”. “Só había un cento de persoas no público”, detalla a voceira de Ciudadanos, que indica que a recadación pola venda de entradas foi duns 1.500 euros, “unha décima parte do que custou o concerto”. “Parécenos un absoluto malgasto de cartos públicos traer a Ariel Rot a Lugo e que só vaian 100 persoas a velo porque ninguén se enterou de que viña”, argumenta Olga Louzao.

 

O de Ariel Rot forma parte do programa de concertos do Concello para esta primavera, que se completa coa actuación de Milladoiro o 23 de febreiro, Coque Malla o 10 de marzo e Marlango o 15 de abril. O custo destas actuacións é de 18.150, 19.360 e 8.470 euros respectivamente. “Son actuacións dun custo importante e deberían ser promocionadas con antelación para que ademais de xente de Lugo, poidan vir persoas doutros lugares aos que lles gusten estes grupos, tal como se fai noutras cidades”, afirma Ciudadanos.

 

O “rapapolvos” do Eixo Atlántico á política turística do Concello

 

Ciudadanos dixo que “o desastre” do concerto de Ariel Rot de onte “comeza xa a ser o habitual de todo o que depende de Carmen Basadre” e lembrou “outros fiascos” da súa xestión nas áreas de Cultura e Turismo no que vai de mandato, como a polémica adxudicación das casetas do polbo do último San Froilán, a edición sen contrato da revista e a cartelería da festa ou a xestión turística que fai o Concello.

 

Neste sentido, Olga Louzao considera que o “rapapolvos que onte lle deu o Eixo Atlántico ao Concello no seu informe sobre turismo ven a constatar a mala xestión do actual Goberno neste eido, no que Lugo podería medrar moito”. Ciudadanos considera “un despropósito” o acontecido na última feira de Fitur, á que a provincia de Lugo acudiu “atomizada e con sete lemas diferentes”, xa que Xunta, Deputación, Hostaleiros, consorcios como o da Mariña e a Ribeira Sacra e concellos coma o de Lugo, Viveiro ou Ribadeo foron con cadanseu lema e con cadansúa estratexia promocional.

 

Ciudadanos pregúntalle a Lara Méndez e a Carmen Basadre “se consideran atinada esta estratexia turística e se mantivo a alcaldesa ou a concelleira de Turismo algún contacto previo co resto de Administracións e entidades relacionadas co turismo na provincia de Lugo de cara a unha promoción conxunta e a coordinar as distintas accións para evitar duplicidades e malgastar esforzos e recursos económicos e humanos” .

 

Consello Municipal de Turismo e contrato caducado dos museos municipais

 

Ademais de por Fitur, a voceira de Ciudadanos mostra a súa preocupación pola situación na que se atopa Consello Municipal de Turismo, creado hai case un ano, e que “nin sequera celebrou a súa primeira reunión”. O mesmo acontece en relación ao contrato para a xestión dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos, en concreto desde o 23 de novembro de 2014. Ciudadanos pregúntalle ao Goberno municipal “cando prevé sacar a concurso o novo prego e en que situación ou fase de tramitación se atopa actualmente, tendo en conta que o contrato leva caducado máis de dous anos e ten un custo anual de 200.000 euros que se están a pagar de xeito irregular como lembra cada mes o interventor á hora de aboar a correspondente factura”, indica Olga Louzao.