Na xuntanza celebrada esta mañá confirmaron os datos aportados por Ciudadanos, segundo os cales os recibos só cubren o 36% do custo do servizo, malia que a lexislación comunitaria obriga á sostibilidade financieira e a repercutir o gasto realizado en novas instalacións
Olga Louzao considera que o Goberno local “roza a prevarización” pagando 3,5 millóns de euros ao ano de xeito irregular nos contratos de mantemento das estacións potabilizadora e depuradora, caducados desde o ano 2011
Lugo, 8 de febreiro de 2017. Os técnicos municipais cualificaron esta mañá de “crítica” a situación económica do servizo de abastecemento de auga no Concello de Lugo que provoca un déficit para as arcas municipais de case 4 millóns de euros ao ano. Na Comisión celebrada esta mañá para abordar as ordenanzas fiscais do vindeiro ano, os técnicos responsables confirmaron os datos aportados por Ciudadanos segundo os cales o recadado cos recibos só cubre o 36% do custo real do servizo. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, reprochou ao Goberno que “malia a gravidade da situación, o Goberno municipal siga sen tomar medidas”.
O subministro de auga potable a domicilio é un servizo absolutamente deficitario para o Concello de Lugo, que gasta 6,1 millóns de euros anuais en prestar este servizo básico tanto aos domicilios como ás distintas empresas radicadas no municipio mentras que só ingresa 3,9 millóns en concepto de recadación por recibos. O déficit do servizo ronda polo tanto o 36%. Outro tanto pasa co servizo de saneamento e depuración de augas residuais, que ten un custo de 3,6 millóns de euros ao ano mentras que os ingresos só supoñen 2,1 millóns. Do total dos gastos de ámbolos dous servizos (9,7 millóns de euros ao ano), unha parte moi importante (3,5 millóns) correspóndese co pago a Gestagua polo mantemento das plantas depuradora e potabilizadora.
Ciudadanos explica que “a lexislación comunitaria establece especificamente que o servizo de augas debe ser sostible económicamente e que é necesario trasladar ao recibo o custo da execución de novas infraestruturas, polo que o Concello de Lugo está a incumprir a normativa europea”. “Corremos o risco de que Bruxelas nos reclame os fondos europeos que aportou para construír a nova estación depuradora e a nova potabilizadora”, alerta Olga Louzao.
Unha xestión que “roza a prevaricación”
O grupo municipal de Ciudadanos considera “desastrosa e rozando o delictivo” a xestión que o Goberno municipal socialista está a facer do servizo de augas, que está operando con dous contratos caducados desde o ano 2011, os de mantemento das estacións potabilizadora e depuradora, sen que o executivo de Lara Méndez fixese nada nin tomase ningunha decisión ao respecto desde que tomou posesión hai máis de ano e medio.
“Vai alá case a metade do mandato sen que este Goberno dese ningún paso para regularizar esta situación de clara e flagrante ilegalidade, o que case se pode considerar prevaricación”, afirma a voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, xa que o executivo socialista non sacou neste tempo a concurso de novo este servizo.
O Concello de Lugo págalle cada mes a Gestagua 152.500 euros polo mantemento da planta depuradora de augas residuais (EDAR) e 131.000 euros polo mantemento da estación de tratamento de auga potable (ETAP). Supón o pago anual de 3,5 millóns de euros anuais con reparos de legalidade por parte do interventor municipal por non existir contrato en vigor e non axustarse, polo tanto, á Ley de Contratos da Administración Pública.
Catro anos sen actualizar as taxas
Olga Louzao lémbralle á alcaldesa, Lara Méndez, que o abastecemento de auga potable aos domicilios é un dos servizos básicos que por lei está obrigado a prestar un Concello, polo que considera “indefendible” que se atope na situación de “desidia e abandono no que se atopa”. Outro tanto acontece co servizo de recollida de lixo, outro dos servizos básicos que está obrigado a prestar o Concello e que tamén é un dos máis custosos para as arcas municipais. En concreto, explica Olga Louzao, a recollida e tratamento de residuos custa ao Concello 10 millóns de euros ao ano, dos que 7 millóns se pagan a Urbaser pola recollida e 3 millóns a Sogama polo tratamento do lixo, mentres que o ingresado polos recibos (6,9 millóns de euros) cubre só dous terzos dese custo.
Malia esta situación, o Concello leva catro anos sen actualizar as tarifas (os dous últimos anos de Orozco como alcalde e os dous que leva Lara Méndez) unha decisión que Ciudadanos considera “irresponsable porque o déficit segue incrementándose e corrixilo faise cada vez máis difícil”, afirma Olga Louzao, que propuxo ao Goberno “realizar unha actualización consensuada entre os 6 grupos que forman a Corporación municipal para que o custo político da suba non recaia só nun único grupo”. Ciudadanos considera que “é mellor unha actualización paulatina e moderada que unha suba moi notable de golpe” e pon sobre a mesa o feito de que “máis do 60% do custo do servizo está a ser costeado neste momento vía orzamento municipal, o que supón que non se aplica o criterio de que quen máis auga consume pague máis, que si se ten en conta no recibo e que incentiva o aforro de auga”. “Cando unha persoa que ten unha piscina a enche de auga, só está a pagar no recibo o 36% do custo, o outro 64% estámosllo pagando entre todos, algo que non é xusto”, argumenta a voceira de Ciudadanos. Os técnicos municipais tamén explicaron esta mañá que os habitantes dos 18 núcleos de poboación rural do entorno de Lugo que contan con servizo de abastecemento de auga municipal non pagan o servizo, o mesmo que acontece en toda a zona rural co servizo de recollida de lixo.
O vindeiro mes a xuntanza será monográfica para abordar a reforma do IBI
Olga Louzao tamén criticou o feito de que a concelleira de Economía, Ana Prieto, non levara esta mañá á xuntanza das ordenanzas fiscais “ningunha proposta” e se limitara analizar as presentadas pola oposición, que son sobre as que se traballará de cara ao proxecto de ordenanzas do vindeiro ano. A xuntanza prevista para o mes que ven será monográfica sobre o IBI. Ciudadanos presentou unha proposta para que as vivendas baleiras paguen o dobre que a vivenda habitual das familias, que verían reducido o que pagan na actualidade.
Ciudadanos tamén critica ao Goberno municipal “por non ter iniciado nin sequera a revisión do rueiro fiscal, algo que se arrastra desde hai anos e que xa foi aprobado no Pleno en diversas ocasións”. A actualización da categoría fiscal das rúas en función de factores como a zona da cidade na que se atopen e os servizos cos que contan é fundamental para que a tributación tanto das distintas vivendas como dos negocios sexa “xusta”, afirma o grupo municipal de Ciudadanos.