O Goberno autonómico está actuando “con maquinaria pesada” no tramo que vai desde Bascuas ao Carqueixo
Jesús Expósito considera que “se a un particular se lle esixen unha serie de permisos e autorizacións para facer obras na súa propiedade as Administracións públicas deben ser as primeiras en dar exemplo”
Lugo, 6 de febreiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos denunciou esta mañá que as obras que está a acometer a Xunta de Galicia no Camiño Primitivo dentro do termo municipal de Lugo carecen “da preceptiva licenza municipal” e estanse realizando, polo tanto, “sen permiso do Concello”.
En concreto, o Goberno autonómico está neste momento realizando obras no tramo comprendido entre Bascuas e o Carqueixo, “actuando con maquinaria pesada sobre a ruta xacobea e botando grava compactada sobre o firme en distintas zonas do seu trazado”, segundo denuncia o grupo municipal de Ciudadanos.
O concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito revelou que a Policía Local cursou unha denuncia neste sentido que deberá agora resolver o Goberno municipal ditando unha resolución que podería paralizar a obra ou mesmo impoñerlle unha sanción ao Goberno autonómico. Expósito considera esta situación “un despropósito” e di que “as Administracións públicas deben dar exemplo e se a un particular se lle esixen unha serie de autorizacións para facer obras na súa propiedade, é inconcebible que a Xunta de Galicia non pida os permisos e actúe sen eles”.
Ciudadanos puxo esta actuación como exemplo da “evidente descoordinación existente entre as distintas Administracións públicas, que moitas veces compiten entre elas e se poñen atrancos en vez de axudarse”, co “evidente descrédito que iso supón para os administrados”.
As empresas de telecomunicacións tamén actúan sen licencia
Jesús Expósito tamén revelou que a maioría dos tendidos aéreos e cableados de telecomunicacións que se están realizando na cidade carecen dos permisos necesarios. “Recíbense moitas queixas dos veciños porque as empresas que realizan os tendidos grápanlles o cableado nas fachadas das súas vivendas sen autorización, incluso en zona PEPRI, onde están prohibidos os tendidos aéreos, e cortan as beirarrúas sen ningún tipo de permiso”, explicou o concelleiro de Ciudadanos, que se queixou de que o Goberno local permita a estas empresas actuar na cidade “con total liberdade e impunidade”.
As denuncias realizadas quedan se efecto
Ciudadanos explicou que “moitas das denuncias que efectúa a Policía Local quedan sen efecto porque en moitos casos non son executadas por parte do Goberno municipal, encargado de tramitalas e resolvelas e que fai deixación das súas funcións”, considera Jesús Expósito, aumentando deste xeito “o descrédito da Policía Local entre os cidadáns de Lugo, que pensan que a labor da Policía Local non serve para nada”.
O concelleiro de Ciudadanos pon como exemplo o feito de que a Patrulla Verde pedira en repetidas ocasións, tal como establece a normativa municipal, o peche das fincas do polígono Sur K de San Fiz que están sen construír e que se atopan nun estado de abandono evidente, onde a maleza mesmo invade as beirarrúas deteriorándoas e dificultando o paso dos peóns por elas. Un destes solares atópase pegado á gardería municipal existente na zona. “Malia estas denuncias e solicitudes, o Goberno municipal non actuou”, denuncia Ciudadanos.