IMG_20170119_125734_opt

Jesús Expósito explica que a maleza provoca insalubridade na parte traseira das vivendas da rúa Aquilino Iglesia Alvariño e pídelle ao Goberno de Lara Méndez “que saia do seu estado de hibernación e actúe”

 

“Como vai esixir o Concello aos propietarios de predios sen edificar que os manteñan limpos se o propio Concello non limpa os que son seus”, critica o concelleiro de Ciudadanos

 

Lugo, 3 de febreiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos denuncia o mal estado no que se atopan varios predios propiedade do Concello na zona da Abella e esíxelle ao Goberno de Lara Méndez “que saia do seu estado de hibernación permanente no que se atopa desde que accedeu á alcaldía hai case dous anos e actúe para solucionar os problemas dos cidadáns e cidadás de Lugo”. En concreto, o concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito indica que o Concello é propietario de varios solares na rúa Fábrica de Abella, onde se ubica o novo centro comercial, na parte traseira dos bloques de vivendas situados na rúa Aquilino Iglesia Alvariño. “Estes predios en moi malas condicións, con falta de limpeza e desbroce, o que provoca mesmo insalubridade nas vivendas”, denuncia.

Expósito chama a atención sobre o feito de que “nesa mesma rúa, a carón dos do Concello, hai outros solares privados que presentan o mesmo estado de abandono” e o concelleiro de Ciudadanos pregúntase “como vai o Concello esixirlles aos seus propietarios que os limpen se o propio Concello non limpa os seus”. “O primeiro que ten que facer o Concello é dar exemplo”, argumenta Jesús Expósito.

 

Situación que se repite noutros puntos da cidade

 

O concelleiro de Ciudadanos explica que o que acontece nesta zona “non é un caso illado, senón que se repite noutros puntos da cidade”. “É frecuente que cando o noso grupo municipal recibe a queixa dos veciños dunha zona determinada polo mal estado dalgún predio sen edificar na súa rúa ou no seu barrio e imos preguntar pola titularidade dese solar en moitas ocasións atopámonos con que o dono é o propio Concello”, relata Jesús Expósito.

Nalgún caso algúns destes predios son consecuencia da cesión obrigatoria do 10% do aproveitamento urbanístico que os propietarios teñen que facer ao Concello ao desenvolver unha unidade de actuación, polo que, en ocasións, trátase de franxas estreitas ou de pequena extensión, o que dificulta que poidan ser utilizadas para construir dotacións para os distintos barrios.