·    O concelleiro de Cs valorou esta mañá a sentenza da Fábrica da luz e critica que o Goberno local non prevexa nos seus orzamentos un gasto inevitable que se sumará a outras futuras indemnizacións millonarias como a derivada do caso Garanón

  

Lugo, 16 de decembro de 2020-. O concelleiro de Cs Juan Vidal-Pardo, valorou esta mañá a sentenza do TSXG que condena ao Concello de Lugo a pagar 2,5 millóns de euros por perder a Fábrica da luz. «Esta sentenza confirma o que desde Ciudadanos levamos denunciando desde fai anos. Xa cualificamos en varias ocasións a Fábrica da Luz como un negocio ruinoso para o Concello de Lugo. Un proxecto municipal que naceu marcado polo desastre e que evidencia que este executivo non esta cualificado para administrar a cidade xa que, ademais da súa falta de dilixencia, empéñase en arrastrar as hipotecas herdadas co único obxectivo de tapar a nefasta xestión levada a cabo durante anos polo PSOE», sinalou.

Trátase da crónica dunha morte anunciada que comezou coa autorización para o inicio das obras en maio de 2015, á que seguiron os requerimentos da empresa concesionaria e da Confederación á esta administración, que si por algo se caracterizou en todo este proceso foi polo súa dilación nas respostas, e a súa inoperancia que se materializou na solicitude da empresa para rescindir o contrato en 2017, e que hoxe termina co anuncio desta sentenza demoledora para o futuro das arcas municipais.

 

«O Goberno local debe recoñecer dunha vez por todas a súa responsabilidade neste asunto e deixar de buscar solucións políticas nos tribunais de xustiza. É obvio que por moito percorrido xudicial que se lle queira dar o Concello finalmente verase obrigado a indemnizar cunha suma millonaria. Si a isto sumámoslle outras indemnizacións que posiblemente terán que ser abonadas como a do Garañón, o futuro das arcas municipais de Lugo está totalmente hipotecado e o afundimento económico é unha certeza. Na nosa opinión é unha falta de responsabilidade imperdoable que este Goberno actúe coma se non sucedese nada e opte por non incluír nos seus orzamentos un gasto que se sabía que sería inevitable. A falta de dilixencia de Méndez e o seu executivo condicionará o futuro económico da nosa cidade durante décadas. O diñeiro que se dedicará a compensar os seus erros de xestión sairá dos petos de todos os veciños que ademais verán como a capacidade de desenvolvemento verase drasticamente afectada», concluíu.