·  A portavoz municipal, Olga Louzao, informou que con data do 7 de setembro o seu grupo solicitou por rexistro o listado dos contratos menores adxudicados no último ano e case dous meses despois o executivo non lle facilitou a información

Lugo, 26 de outubro de 2020. A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, denunciou esta mañá a falta de transparencia exercida de forma continuada polo Goberno local. Louzao acusou ao executivo dirixido por Lara Méndez de negarlle o acceso ao listado de contratados menores adxudicados polo bipartito ao longo do último ano e impedir, deste xeito, exercer o seu labor de supervisión como concelleira na oposición. «Tralo incumprimento reiterado e intencionado da Lei de Transparencia ao longo dos últimos anos, decidimos solicitar formalmente o pasado 7 de setembro por rexistro telemática o listado dos contratos menores adxudicados ao longo dos últimos doce meses. Case dous meses logo desta solicitude o Goberno local segue sen facilitarnos a información cando dispoñen dun período máximo de cinco días para facelo. Están impedindo deliberadamente que exerzamos a nosa o labor de fiscalización e control e, o que é máis grave, nega o dereito da cidadanía a coñecer que se fai co diñeiro público», sinalou a edila da formación laranxa.

«O acceso aos contratos menores, ao igual que moitos outros aspectos da xestión pública, debe ser de acceso libre por imperativo legal e tería que estar colgado no portal web municipal desde 2015 para que os veciños e veciñas soubesen en que se gasta os cartos públicos. En setembro de 2019 presentamos unha proposición para que se cumprise a Lei de Transparencia e o grupo de Goberno votou en contra aludindo que a súa implantación era inminente. Un ano despois seguimos sen saber nada. Ë evidente a falta de vontade política. Pola nosa banda acabáronse os actos de fe. Tomaremos as medidas necesarias e poñeremos a situación en coñecemento das autoridades pertinentes para obrigar ao Goberno a cumprir a lei», concluíu Louzao.

Uso partidista dos fondos público 

Louzao sinalou que a insistencia do executivo en impedir que os partidos da oposición e a cidadanía en xeral accedan a esta información débese, en gran medida, ao uso «torticero» que se está facendo dos fondos públicos a través de está fórmula. «Os contratos menores teñen unha normativa que permite requisitos máis laxos para levar a cabo o proceso de adxudicación. Impedindo o acceso á información ocultan a contía total adxudicada e as empresas contratadas para tapar as súa xestión ineficaz», concluíu.