A portavoz municipal, Olga Louzao, criticou con dureza o escurantismo mostrado polo executivo de Méndez neste asunto no que non se están cumprindo os prazos anunciados e a estratexia legal fixada suxire unha dilatación intencionada do proceso con claros intereses políticos

 Lugo, 8 de setembro de 2020. A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, criticou esta mañá o escurantismo mostrado polo Goberno local en relación á batalla legal que o Concello mantén sobre o ámbito urbanístico CS-5 no que se atopa a estrutura do complexo do Garañón. Louzao censurou a falta de información sobre este asunto e acusou a Méndez de levar a cabo unha estratexia legal que suxire unha dilatación intencionada do proceso con claros intereses políticos. «A alcaldesa está intentado escorrer o vulto e non asume o compromiso adquirido en período electoral de derribar o Garañón. Os pasos dados polo seu goberno suxiren que está intentando por todos os medios enquistar este problema», », sinalou a concelleira da formación laranxa.

Louzao esixiu á alcaldesa que estableza unha vía de comunicación directa cos partidos da oposición para informar dos pasos dados polo executivo en relación a este asunto logo de que os eu Goberno rexeitara cada unha das propostas de Cs neste sentido. «Falta transparencia. Non entendemos con que obxectivo contratouse fai unhas semanas unha asistencia xurídica externa á que se lle pagou case 18.000 euros só por levar este proceso cando o Concello xa conta cun servizo xurídico propio. A nefasta xestión socialista do Garañón segue sumando diñeiro á factura que tarde ou cedo deberemos pagar todos os lucenses», argumentou.

 Acatar a sentenza e reverter o dano causado

Louzao urxe a cumprir a legalidade e reparar o dano causado a cidade. «É obvio que a estratexia de Méndez baséase en dilatar o proceso para que durante o seu mandato non se teña que pagar a factura do Garañón e así evitar un desgastar electoral, algo que xoga en contra do interese xeral xa que cada mes que pasa a factura do Garañón non fai outra cousa máis que engordar. A solución é simple. Existe un consenso entre a cidadanía en relación a este asunto e o necesario é acatar a sentenza e realizar a derriba canto antes para poñer ao servizo dos veciños esta zona e reparar o impacto visual que este adefesio xera sobre a panorámica da nosa cidade e non mergullar á institución nunha batalla legal que se sabe perdida de antemán», concluíu a edila.