A portavoz municipal, Olga Louzao, urxe ao Goberno local a abrir o deseño das contas á cidadanía a través da participación directa e critica a falta de previsión do Goberno local por non incluír este mecanismo nos orzamentos de 2020

Lugo, 24 de xullo de 2020.  A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a deseñar un sistema de orzamentos participativos que sexa transparente e eficaz para permitir á cidadanía formar parte do deseño das contas municipais. «É necesario traballar en materia de participación de forma real e efectiva. É lamentable que o Goberno local utilice o concepto de “orzamentos participativos” de xeito meramente propagandístico ao longo dos últimos anos baleirando esta ferramenta do seu obxectivo real», asegurou a concelleira da formación laranxa.

Louzao criticou ademais a ausencia dos orzamentos participativos para este exercicio. Algo que considera unha falta de previsión grave e imperdoable por parte do bipartito. «Na comisión previa á aprobación das contas para este ano preguntamos desde o noso grupo polos orzamentos participativos e dixéronnos que o equipo de goberno estaba traballando en introducir modificacións no sistema. Deixamos un prazo razoable para que se realicen esas modificacións, pero apenas quedan 4 meses hábiles para implementar esta ferramenta e é obvio que non dá tempo material a contar cuns orzamentos participativos para este exercicio» proseguiu.

«A conclusión é que perdemos un ano e non temos concrecións sobre que se fará para o próximo exercicio. O Goberno local parece ignorar o valor da achega cidadá no seu proxecto de cidade, que por outra banda non parece estar claramente definido polas discrepancias entre as dúas forzas de goberno», sinalou. Esiximos que o Goberno presente xa a súa proposta de orzamentos participativos para saber en que consiste e que poida poñerse en marcha canto antes. Non entendemos a actitude do BNG neste sentido respecto da posición que mantiña cando era oposición. Lugo e a súa veciñanza non se pode permitir  perder outro exercicio», concluíu Louzao.