- Ademais de crear os cheque locais, Juan Vidal considera fundamental apoiar o traballo do tecido asociativo dedicado á acción social con subvencións extraordinarias para minimizar o impacto social da crise consecuencia do Covid-19
Lugo, 18 de xuño de 2020. O concelleiro de Cs Lugo, Juan Vidal, anunciou esta mañá que o seu grupo propoñerá á corporación no próximo pleno do día 25 crear un sistema de cheques para fomentar o consumo local. Así mesmo, Vidal considera necesario apoiar o traballo do tecido asociativo dedicado á acción social con subvencións extraordinarias para minimizar o efecto da crise consecuencia do Covid-19. «Desde este grupo municipal apostamos por crear cheques de consumo local. A cuantía económica que a través de determinadas áreas do Concello, como os Servizos Sociais, inxéctase na sociedade debe repercutir de forma directa e na maior porcentaxe posible na economía lucense. Para iso propoñemos que, de forma gradual, o Goberno local introduza a figura do cheque de consumo local como forma de pago en determinadas liñas de axuda, para que así se garanta un ciclo económico local integral», sinalou o edil da formación laranxa.
O tecido asociativo
No que se refire á dimensión social, Vidal sinalou que Lugo non pode esquecerse do traballo que leva a cabo o tecido asociativo do noso municipio. «Especialmente aquelas asociacións e ONGs que traballan de forma directa cos sectores máis vulnerables da nosa comunidade. No entanto, ditas asociacións non están exentas de dificultades derivadas da actual situación de crise. Por iso consideramos importante aumentar de forma extraordinaria e urxente as subvencións para as entidades dedicadas á acción social. O seu traballo encomiable representa un muro de contención contra a exclusión social e a pobreza» concluíu.