A portavoz municipal, Olga Louzao, anuncia que o grupo municipal de Cs apoiará as medidas sociais ideadas polo Goberno local no pleno do próximo xoves, pero considera que o executivo debe realizar «un esforzo aínda maior» para poder axudar aos lucenses de forma efectiva. Aposta por ampliar as axudas ao aluguer, aliviar a carga fiscal e proporcionar accesos a Internet para estudantes

Lugo,  13 de abril de 2020.  A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, instou esta tarde ao Goberno local a realizar «un esforzo aínda maior» para poder axudar de forma efectiva ao conxunto da sociedade lucense ante o reto económico e social que supón a pandemia de Covid-19. «Consideramos que é o momento de estar ao lado dos autónomos, dos traballadores así como dos sector máis desfavorecidos. Ao longo dos próximos meses enfrontarémonos como cidade a momentos moi complicados desde o punto de vista económico e o Concello ten que articular mecanismos para amortiguar o golpe a nivel social», asegurou a portavoz da formación laranxa. «Por iso anunciamos que apoiaremos as medidas propostas polo Goberno local e comunicadas hoxe na Xunta de portavoces, pero consideramos que non deben ser a únicas iniciativas que se deben tomar», proseguiu.

Louzao considera que o Goberno local debe fortalecer e ampliar as axudas ao aluguer. «Desde Cs Lugo consideramos básico aumentar os fondos previstos para achegas ao aluguer de forma que se garanta a axuda a todas as familias que se atopen nunha situación límite ao longo dos próximos meses. Nestes momentos o Concello non conta cunha previsión presupuestaria acorde ao momento de crise que vivimos e pediremos que se consigne máis diñeiro», sinalou. «Ademais suscitamos ao Goberno local que considere a posibilidade de introducir dentro destas axudas unha liña específica para achegas ao aluguer de locais comerciais e de lecer como medida de apoio ao comercio local de Lugo. O Concello non pode quedarse á marxe da crise que se aveciña, pola contra podemos estar asistindo ao golpe definitivo para o noso pequeno comercio», sinalou.

Ademais Louzao recordou ao Goberno local a necesidade de poñer en marcha un Plan fiscal que alivie a carga impositiva como medida para aportar liquidez á pequena e mediana empresa.«En marzo propuxemos un plan fiscal cuns obxectivos claros pero caeu en saco roto. Pedimos á alcaldesa que reconsidere a nosa proposta», dixo Louzao.

De forma complementaria a estas medidas sociais e económicas a portavoz da formación laranxa considera primordial garantir o acceso a Internet de todos os estudantes lucenses. É fundamental que todos os estudantes  conten cun acceso a Internet para poder salvar os seus estudos. Sabemos que a Consellería está repartindo puntos de acceso a Internet a través de chaves USB provistas con tecnoloxía 4G a través dos centros de estudo, pero son insuficientes. Pedimos ao Goberno local que faga un esforzo e complete este labor facilitando este material aos alumnos e alumnas de primaria, secundaria, FP e a universidade que o necesiten. Debemos pensar tamén no futuro dos nosos mozos. Garantir o acceso a Rede nestes momentos e velar pola igualdade de oportunidades dos nosos estudantes», concluíu.