María Rey pide que o Concello inste a Fomento a esixir a Audasa a devolución íntegra da peaxe aos afectados e poña a disposición destes unha canle paran depositar as súas queixas e facilitalas a Fiscalía se así o require

Pontevedra, mércores 30 de maio de 2018.  A concelleira de Cidadáns Cs Pontevedra María Rey presentou unha moción para que o Concello de Pontevedra apoie as dilixencias abertas pola Fiscalía contra a concesionaria da AP-9, Audasa, por mor dos atascos na ponte de Rande.
Na citada proposta, a edila pide que o Concello mostre de forma unánime a súa desconformidade coa xestión da concesionaria e o Ministerio de Fomento nas obras da ponte pola “falta de iniciativa á hora de tratar de solucionar os problemas” e esixa responsabilidades.

Rey solicita que o Concello inste a Fomento a esixir a Audasa a devolución íntegra da peaxe aos afectados e que abra tamén unha canle para facilitar aos pontevedreses e pontevedresas afectados a formulación das súas queixas e que estas poidan ser facilitadas a Fiscalía, se así o require. A maiores, pide que o Concello inste a Fomento a que esixa a Audasa o levantamento das barreiras “ante o menor indicio de atasco”, como xa se solicitou noutros concellos e que se adopten as medidas necesarias para garantir un nivel de tráfico fluído, como tamén se reclamou noutros concellos afectados. Para concluír, a proposta de acordo municipal insta a esixir a Fomento a apertura dun expediente sancionador contra Audasa polos graves problemas orixinados.

“A sociedade pontevedresa -apunta a concelleira- non ten por que sufrir os enganos que se trae Audasa co Goberno do pontevedrés Mariano Rajoy”.