Olga Louzao critica que Lara Méndez non teña reunido aínda o Consello Municipal de Turismo, aprobado hai un ano a proposta de Ciudadanos, e que debía ter celebrado a súa primeira reunión a mediados do pasado mes de abril, segundo o regulamento publicado no BOP o pasado 21 de decembro
A voceira de Ciudadanos no Concello afirma que “Lugo ten moita potencialidade para medrar no ámbito do turismo para que sexa unha fonte de ingresos e de creación de emprego fundamental, igual que xa o é noutras cidades” e acusa ao Goberno municipal de “basear a súa política turística na simple inercia e carecer de estratexia para lograr que o número de visitantes aumente e para facer que pasen máis tempo na nosa cidade”
Lugo, 7 de xullo de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, acusou esta mañá á alcaldesa, Lara Méndez, de “abandonar á súa sorte ao sector turístico da cidade” e non facer nada para que Lugo se consolide como un destino de referencia dentro de Galicia. Olga Louzao lembrou que hai máis dun ano, en concreto o 31 de marzo de 2016, foi aprobada en Pleno a iniciativa de Ciudadanos a creación do Consello Municipal de Turismo como órgano consultivo onde estaría representado o sector co obxectivo de fixar as estratexias municipais no ámbito turístico, pero que o Goberno municipal non convocou aínda ningunha reunión do Consello Municipal de Turismo.
De feito, detalla Olga Louzao, “a alcaldesa incumpre as súas propias promesas e mesmo o propio regulamento do Consello Municipal de Turismo elaborado polo Goberno municipal, que foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o pasado 21 de decembro e no que se fixaba unha periodicidade semestral para as reunións deste órgano, quedando establecidas nos meses de abril e de outubro como datas de referencia”. “Pasou abril, maio e xuño e o Consello Municipal de Turismo está aínda sen constituír”, denuncia a voceira de Ciudadanos.
Segundo o seu regulamento de funcionamento, o Consello Municipal de Turismo é un órgano presidido pola propia alcaldesa e no que teñen representación, entre outros, a Universidade de Santiago, as empresas de hostalaría, restauración e aloxamento , guías turísticos e empresas de servizos complementarios e asociacións vinculadas ao patrimonio e ao Camiño de Santiago. Entre as súas funcións están as de analizar estudos ou estatísticas e asesorar en cuestións vinculadas ao turismo co obxectivo de deseñar liñas de actuación que permitan fortalecer a posición de Lugo como destino turístico.
Atraer a Lugo turistas que escollen Galicia polas Rías Baixas ou por Santiago de Compostela
Olga Louzao acusou ao Goberno municipal de “carecer de estratexia e basear a súa política turística na simple inercia, unha actitude que guía tamén o resto de áreas do Concello desde que esta alcaldesa está á fronte da alcaldía”. Ciudadanos bota en falla, por exemplo, iniciativas para atraer cara a Lugo os máis de 5 millóns de turistas que a Axencia de Turismo de Galicia calcula que visitarán Galicia este ano. “Estamos en plena tempada alta turística e descoñecemos a estas alturas do mes de xullo cal é a estratexia do Goberno municipal para lograr atraer visitantes á nosa cidade e para facer que aqueles turistas que este verán chegarán a Galicia atraídos por destinos como Santiago de Compostela ou as Rías Baixas visiten tamén Lugo ademais deses outros lugares”, argumentou Olga Louzao.
Ciudadanos considera que “o turismo ten que ser unha fonte de ingresos e de creación de emprego fundamental en Lugo, igual que o é xa noutras cidades” e defende que “Lugo ten materia prima turistica suficiente para iso, con tres elementos distinguidos a nivel mundial (a Muralla, o río Miño e o Camiño Primitivo) e unha gastronomía recoñecida en todo o Estado”, así que “o que falta é empaquetar e comercializar esa materia prima en forma de productos e paquetes turísticos, pero para iso hai que ter unha folla de ruta coherente, da que carece este Concello”, afirma Olga Louzao.
Como exemplo desa “despreocupación municipal cara o turismo” a voceira de Ciudadanos lembra que “este Goberno mantén caducado o contrato dos museos municipais e ten o MIHL morto de risa e criando paxaros, sen apenas visitantes e supoñendo ademais un importante gasto para as arcas municipais”.