Olga Louzao reuniuse esta mañá co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ao que lle entregou toda a documentación e lle pediu que lla faga chegar ao Conselleiro de Educación para que a estude

A voceira de Ciudadanos afirma que «a alcaldesa de Lugo está vetando que o casco histórico poida ter unha gardería e un colexio público en condicións» e esíxelles tanto á Xunta como ao Concello «que colaboren para que este proxecto poida ser unha realidade»  

Lugo, 5 de xullo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos pediu formalmente esta mañá á Xunta de Galicia que estude a súa proposta de facer un colexio público no Cuartel de San Fernando. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, mantivo unha xuntanza co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ao que fixo entrega de toda a documentación relativa ao proxecto elaborado por Ciudadanos para que lla faga chegar ao Conselleiro de Educación para que sexa valorada por parte dos técnicos deste departamento.

Olga Louzao agradeceu a «receptividade» de Balseiro e dixo que «isto que fixo o grupo de Ciudadanos hoxe quen o tiña que facer era a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez», á que acusou de «impedir coa súa negativa sen argumentos que o proxecto saia adiante e bloquear que o casco histórico de Lugo poida contar cunha gardería e un colexio públicos en condicións».

A voceira de Ciudadanos esixiu tanto á Xunta de Galicia como ao Concello que «deixen de lado disputas partidistas e colaboren para que cidade poida contar con estas dotacións dentro do casco histórico, imprescindibles para que o centro de Lugo volva gañar vida e poboación», tendo en conta, afirmou Olga Louzao, «que tanto a escola infantil como a construción do colexio son competencia da Xunta de Galicia e os edificios onde Ciudadanos propón ubicar o colexio e o museo da Romanización, o Cuartel de San Fernando e o Fogar de Santa María, propiedade do Concello de Lugo».

A Xunta non pode actuar mentras o Concello non lle ceda os edificios

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Administración autonómica non pode actuar mentras o Concello non lle ceda os edificios porque «quen ten que tomar a iniciativa é o propietario do inmoble, que é o Concello de Lugo». Para Olga Louzao, sen embargo, «a Xunta de Galicia non debe escurrir o bulto tendo en conta que é quen ten as competencias en educación e que o actual colexio Quiroga Ballesteros non cumpre coas condicións mínimas para ser un colexio nin coa normativa en vigor en materia de accesibilidade».

Por iso, Olga Louzao pídelle a Lara Méndez que «mova ficha e deixe de vetar a construción do colexio cedéndolle o edificio á Xunta de Galicia» e á Xunta de Galicia «que deixe de escurrir o bulto nun asunto que é competencia exclusiva súa» porque «os cidadáns e cidadás de Lugo non teñen culpa de ter unha alcaldesa que non escoita e dun Goberno autonómico que se escuda niso para non investir en Lugo».