Olga Louzao acusa ao PP de Ramón Carballo de converterse en “cómplice e aliado do peor Goberno da historia de Lugo”

A voceira de Ciudadanos afirma que “o Partido Popular abdica da súa responsabilidade como principal grupo da oposición” e anuncia que “Ciudadanos non vai mirar para outro lado ante o desastre ao que este Goberno está levando á cidade”  

Lugo, 30 de xuño de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, felicitou hoxe ironicamente á alcaldesa, Lara Méndez, por ter “incorporado ao Partido Popular ao seu Goberno”, logo da votación de onte no Pleno, no que os populares aprobaron a modificación orzamentaria do Goberno municipal. Olga Louzao deu a noraboa á alcaldesa “por ter cambiado como principais aliados aos tres concelleiros de Lugonovo polos 9 do Partido Popular” e lograr deste xeito “un Goberno estable xunto ao Partido Popular até o final do mandato”.

Olga Louzao mostrou asemade a súa “estrañeza” polo “xiro de 180 grados” dado onte no Pleno polo “novo Partido Popular de Lugo dirixido por Ramón Carballo, que se converte en cómplice e aliado do peor Goberno da historia de Lugo”. “O Partido Popular pasou de criticar nestes dous anos case a diario a este Goberno pola súa ineficacia e inoperancia a apoialo”, indicou a voceira de Ciudadanos, que acusou ao PP de “abdicar das súas responsabilidades como principal grupo da oposición”. Por contra, Olga Louzao xa anunciou que “Ciudadanos vaise manter firme na defensa dos intereses dos lugueses e luguesas” denunciando o “caos e o desastre ao que este Goberno está levando á cidade”. “Nós non imos mirar para outro lado, como fan outros, ante a situación na que se atopa o Concello”, anunciou a voceira de Ciudadanos.

Neste sentido, a voceira de Ciudadanos anunciou que o seu grupo está disposto a apoiar, xunto a outros grupos da Corporación, unha iniciativa para reprobar a “nefasta labor que está levando a cabo a alcaldesa”. “Estamos a metade de mantado e é o momento de saber con que apoios conta este Goberno, se os grupos que fixeron alcaldesa a Lara Méndez, como Lugonovo ou o BNG, á vista dos dous anos transcorridos, séguenlle a manter o seu apoio e se o PP, que é a principal forza da oposición, decide converterse en aliado de Lara Méndez en vez de en alternativa”, indicou Olga Louzao, que reitera que “no caso de que a reprobación saise adiante e se demostre que este Goberno non ten apoios suficientes para os dous anos que quedan de mandato os demais grupos políticos, ademais de reprobar a súa actuación, deberiamos ter a capacidade de poñernos dacordo nunha alternativa”, indicou, na mesma liña que xa defendeu en decembro pasado, durante o Debate do estado do municipio, no que invitou ao resto de grupos da Corporación a negociar unha moción de censura “capaz de poñer á fronte do Concello un Goberno eficaz que resolva os problemas da cidade”.

Un plan de investimentos insuficiente

A voceira de Ciudadanos no Concello cualificou de “claramente insuficiente” o Plan de investimentos do Goberno aprobado onte no Pleno, ao que Ciudadanos se opuxo e que saíu adiante grazas ao Partido Popular. “Na listaxe de obras non hai fondos para accesibilidade, e iso malia que se aprobou hai 6 meses no Pleno unha iniciativa de Ciudadanos a petición de asociacións como Auxilia para duplicar os fondos para eliminación de barreiras dentro dun plan plurianual até final de mandato”, detallou Olga Louzao, que explicou que “non hai tampouco fondos para solucionar os graves problemas de saneamento e salubridade que hai no entorno do Carme, en zonas como a parte de atrás do colexio San Xosé, e que fai que as augas fecais cheguen ao propio Camiño Primitivo, e iso que tamén fora aceptada unha petición de Ciudadanos para darlle solución a ese problema este ano.

Non inclúen tampouco os Orzamentos aprobados, a xuízo de Ciudadanos, “un aumento de fondos suficiente para mellorar o mantemento nos colexios públicos desta cidade”. “É curioso que o colexio que máis cartos vai recibir sexa precisamente no que é director o concelleiro de Educación”, revelou Olga Louzao, que acusou a Manuel Núñez de aplicar o dito “o que reparte queda coa mellor parte”. Tamén considera insuficiente Ciudadanos os 28.000 euros reservados para rematar as obras na Praza de Abastos e que “non chegan para acondicionar minimamente o soto e os servizos, que son as partes que quedaron sen mellorar dentro do Plan Urban”.

Actuacións contrarias aos intereses dos lucenses

Olga Louzao acusou ademais á alcaldesa e ao Partido Popular de “prexudicar á cidade con actuacións que son contrarias aos intereses dos lucenses”. Como exemplos, a voceira de Ciudadanos puxo a inclusión nas obras previstas para este ano de medio millón de euros para acometer un novo enlace da rúa Santiago coa N-VI na Volta da Viña. “É unha actuación coa que en absoluto estamos de acordo porque é unha obra que ten que facer o Ministerio de Fomento e non o Concello de Lugo, polo que en Ciudadanos non queremos que os lugueses teñan que pagar algo que ten que pagar o Ministerio de Fomento”, afirmou Olga Louzao, que acusou á alcaldesa e ao PP de “aforrarlle cartos a Fomento a costa dos veciños e veciñas de Lugo”.

Tampouco está de acordo Ciudadanos co feito de que o Concello lle vaia “perdoar” á Xunta de Galicia 3,6 millóns de euros no IBI para que con eses cartos acabe o auditorio. “O xusto é que o equipamento do auditorio se pague a partes iguais entre o Concello, a Deputación e a Xunta, que era o acordo inicial que había e non que pague todo o Concello de Lugo, como pretenden a alcaldesa e o Partido Popular de Lugo, que defenden os intereses de Feijóo e da Xunta en vez dos dos lugueses e luguesas”, criticou Olga Louzao, que acusou á alcaldesa de “negarse ao primeiro a pagar un terzo e aceptar agora pagar o 100%”.