Tras unha inspección realizada o pasado 20 de abril a Consellería de Política Social decidiu deixar de financiar o albergue municipal e iniciou un expediente de peche das instalacións
Ciudadanos critica que o Goberno municipal non resolvera desde a súa apertura no ano 2010 a situación de ilegalidade na que se atopa o Fogar do Transeúnte, que non conta con autorización para o inicio de actividade desde hai 7 anos
Lugo, 28 de xuño de 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, revelou esta mañá que a Xunta de Galicia ven de retirar a subvención para o mantemento do Fogar do Transeúnte e iniciou un expediente de peche das instalacións por incumprir a normativa vixente en materia de seguridade e accesibilidade. Segundo explicou Olga Louzao, o pasado día 20 de abril a xefa do Servizo de Inspección da Xunta de Galicia visitou as instalacións do albergue municipal e comprobou que este carece, desde a súa apertua no ano 2010, de autorización de inicio de actividade para o seu funcionamento, polo que a Consellería de Política Social comunicou ao Concello de Lugo “que se vai proceder a deixar de financiar as instalacións municipais así como o inicio de posible expediente de peche”.
A raíz deste expediente de inspección, a xefa dos Servizos Sociais do Concello emitiu unha providencia dirixida á área de Urbanismo alertando na “necesidade de redacción e cumprimentación do solicitado posto que de non realizarse conlevará non cumprir coa normativa vixente, a perda da financiación que se está a recibir do Plan Concertado e o posible peche das instalacións que están a prestar un servizo básico na área de servizos sociais”. A xefa dos Servizos Sociais indica ademais que “a documentación requerida deberá presentarse ante a Comunidade autónoma no prazo de 15 días desde a emisión deste informe (21 de abril) e o seu incumprimento conlevará o peche das instalacións municipais”.
Olga Louzao denunciou o feito de que “un centro municipal estea aberto desde hai 7 anos sen autorización”, tal como recoñece a propia xefa dos Servizos Sociais, que indica no seu informe que o motivo é que “desde este servizo dende o ano 2010 lévase a impulsar o inicio de dito centro, sendo o motivo de non obter a correspondente autorización a falta de documentación técnica referente ao cumprimento da normativa específica referente a seguridade e accesibilidade”, polo que, ante a ameaza de peche das instalacións por parte da Xunta, o Goberno municipal decidiu esta mesma semana encargarlle a Evislusa “que elabore a documentación técnica que permita obter autorización de inicio de actividade do albergue municipal Fogar do Transeúnte”.
1.800 persoas atendidas en 2016
Olga Louzao alertou ademais das consecuencias que tería o peche do albergue, “que é un servizo básico para loitar contra a exclusión social e que axuda ás persoas máis necesitadas e vulnerables da sociedade”. Neste sentido, detallou que o ano pasado un total de 1.817 persoas sen teito (entre elas 1.613 homes, 202 mulleres e 2 menores) fixeron uso das instalacións do Fogar do Transeúnte para pasar cando menos unha noite, ademais de entregar a diario comida a ducias de persoas e mesmo familias. “Trátase dun servizo esencial para non deixar tiradas ás persoas máis vulnerables e que máis están a sufrir os efectos da crise económica que non se pode poñer en risco pola inoperancia dun Goberno que en 7 anos non foi capaz de conseguir a autoricación para o centro onde son atendidas”, afirmou Olga Louzao.
A voceira de Ciudadanos no Concello criticou “o pasotismo do Goberno, que mantén aberto sen autorización o Fogar do Transeúnte desde hai 7 anos e deixou pasar mesmo o prazo de 15 días dado pola Xunta en abril para resolver a situación” e o feito de “que o Concello non se aplique a si mesmo o mesmo nivel de esixencia que aplica ao resto dos veciños e veciñas de Lugo, aos que se esixe contar con todas as autorizacións e permisos en regra para a apertura de calquera tipo de nogocio ou instalación”.