Olga Louzao critica que a un mes da festa romana as actividades previstas non estean concretadas nin se difundan
A páxina web do Arde Lucus está sen actualizar desde hai tres meses e a do San Froilán desde o ano pasado, malia que o Goberno municipal firmou a mediados de marzo un contrato por importe de 11.132 euros para o seu mantemento e para a difusión a través das redes sociais
A páxina web da Praza de Abastos, que custou 34.000 euros, segue tamén sen estar operativa tres meses despois de que Ciudadanos denunciara que non funcionaba e de que o Goberno municipal anunciara que xa estaba solucionando o problema
Lugo, 2 de xuño de 2017. O Grupo Municipal de Ciudadanos esixe ao Goberno municipal que convoque a Comisión de Festas para que a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, informe do programa do Arde Lucus 2017. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, explica que “cando falta menos dun mes para a celebración desta festa, declarada de Interés Turístico Nacional, nada se sabe das actividades previstas”. “Unha vez máis este Goberno municipal e máis aínda se depende da área de Cultura, fai todo a última hora e de xeito improvisado”, criticou esta mañá a voceira de Ciudadanos.
Olga Louzao denuncia tamén que “unha vez máis e como acontece con todas as actividades organizadas pola área de Cultura a difusión está a ser absolutamente deficiente”. Ciudadanos explica que a páxina web oficial da festa (www.ardelucus.com), propiedade do Concello de Lugo está sen actualizar desde o día 10 de marzo, e iso malia que o Goberno municipal contratou o pasado 13 de marzo a unha empresa, Inteligencia Visual, para realizar as labores de mantemento e difusión a través das redes sociais. O contrato inclúe tamén o mantemento da páxina web oficial do San Froilán (www.sanfroilan.info), que permanece sen actualizar desde que acabou a pasada edición das patronais. “Estamos a pagar 11.000 euros por un servizo que non se está a prestar”, denuncia Olga Louzao.
A voceira de Ciudadanos afirma que “estamos ás portas dunha das fins de semana máis importartes para a cidade, non só desde o punto de vista cultural, senón tamén económico, na que a cidade recibe milleiros de visitantes e non é normal que non se saiba xa a estas alturas o programa, porque se non se sabe o programa mal se pode anunciar”, argumenta Olga Louzao, que considera “máis necesaria ca nunha unha boa labor de difisión este ano porque o Arde Lucus cambiouse de data con respecto á habitual”.
A páxina web da Praza de Abastos segue sen funcionar tres meses despois de que Ciudadanos o denunciara
Tres meses despois de que Ciudadanos denunciara que non está funcionando a páxina web da Praza de Abastos, financiada con cargo ao Plan Urban e na que se gastaron 34.000 euros, e dous meses despois de rematado o prazo fixado pola Unión Europea para que os distintos investimentos financiados con cargo aos fondos FEDER estexan en servizo, o portal web do Mercado segue sen estar operativo.
O grupo municipal de Ciudadanos denunciou o pasado día 13 que a páxina web da Praza de Abastos e do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros non estaba dispoñible tan só ano e medio despois de ser posta en marcha. O portal web (www.mercadodelugo.es) dá unha mensaxe de erro e non carga malia que o Goberno municipal anunciou ese mesmo día 13 de marzo que se trataba dun simple problema no servidor no que está aloxada a páxina e que estaba xa en vías de solución. “Tres meses despois segue sen estar operativa e se o Goberno municipal non é capaz de resolver este problema, que dixo entón que era tan sinxelo, como vai resolver asuntos de moita maior envergadura e dos que depende o rumbo da cidade de Lugo”, argumenta a voceira de Ciudadanos, Olga Louzao.
Ciudadanos explica que esta situación é aínda máis grave porque no contrato asinado coa empresa Plexus o 18 de xuño de 2013 establecíase un prazo de garantía para a páxina de 5 anos, nos que a empresa tiña a obriga de facerlle o mantemento necesario para que estivese operativa. Por iso, Olga Louzao pide responsabilidades polo acontecido á concelleira de Economía, Ana Prieto, por ter pagado a factura de 34.000 euros que custou a páxina e non facer o seguemento necesario en relación ao mantemento do servizo. De feito, a factura á empresa Plexus por este portal web foi unha das primeiras que pagou o novo Goberno de Lara Méndez nada máis tomar posesión. O decreto de pago, por importe de 34.122 euros, foi asinado por Ana Prieto o 21 de setembro de 2015 con cargo aos fondos do Plan Urban, polo que o 80% desa cantidade (25.944 euros) correspóndense con fondos FEDER da UE.
Olga Louzao critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos que asina o Concello de Lugo” e explica que no momento do pago da factura abonada a Plexus pola web da Praza de Abastos, a directora do Urban, Blanca Cañal, asinou un informe no que indica textualmente que “a empresa executou a actividade conforme aos requisitos sinalados nos pregos, realizándose desde a Oficina Urban unha labor de seguemento e control”. O expediente de pago consta ademais doutro informe do servizo de Informática, asinado por Eduardo Risco, no que se sinala que “os problemas detectados nas primeiras comprobacións realizadas á implantación da web mercadodelugo.es, relativos ao rendemento e ao bloqueo do acceso ao dito portal, xa foron corrixidos pola empresa Plexus e na actualidade non se atopan problemas no dito portal ou nos servizos de implantación que impidan a normal tramitación da correspondente factura”. A voceira de Ciudadanos di que “parece que a páxina só funcionou puntualmente para poder cobrar a factura, pero non para dar servizo aos praceiros, que foi para o que foi creada e pagada”.
21 praceiros sen servizo
Ciudadanos explica que este portal web da Praza de Abastos foi concebido para facilitar a venda online aos praceiros e aumentar os servizos complementarios e a visibilidade da Praza como xeito de dinamizala, imitando iniciativas semellantes postas en marcha noutras cidades con notable éxito, como acontece no caso da Praza de Abastos de Santiago de Compostela. Dos 70 comerciantes que ocupan os postos da Praza e o Mercado, un total de 21 sumáronse a esta iniciativa da venda online. A empresa responsable da páxina entregou a cada un deles un nome de usuario e unha contrasinal para poder acceder á páxina, cargar os produtos e xestionar a súa venda pero a web leva meses sen funcionar, xa que estivo só operativa un ano, desde agosto de 2015 a xullo de 2016, que foi cando deixou de estar dispoñible. Dado que a páxina do Concello non funciona, un grupo de comerciantes está estudando neste momento a posibilidade de encargar de motu propio a posta en marcha dunha nova páxina para a venda online dos seus produtos.
Este é un dos servizos que ofrece por exemplo a Praza de Abastos de Santiago, referencia de bo funcionamento e dinamización deste tipo de instalacións municipais. Sen embargo, denuncia Olga Louzao, no caso da iniciativa posta en marcha polo Concello de Lugo dentro do Plan Urban “todo quedou en obras a medias, en fume e despilfarro de cartos públicos, xa que ano e medio despois de que se pagaran 34.000 euros por esta páxina web, xa non funciona e non ten, polo tanto, ningunha utilidade práctica nin para os usuarios nin para os propios praceiros”. O contrato foi adxudicado en 2013 á empresa Tecnologías Plexus SL e incluía o deseño, creación e posta en marcha dun portal web con información detallada da Praza e o Mercado (historia, localización, servizos, etc) e de cada un dos seus postos, coa posibilidade para os praceiros de poder vender as mercadorías por Internet, facilitando deste xeito o servizo de venda electrónica mediante unha tenda online para que os titulares dos postos puidesen empregar esta nova canle para a comercialización dos seus produtos e mercadorías, cun catálogo máximo de 100 produtos dispoñibles por establecemento e coa posibilidade engadida tamén de poder emitir facturas. O prego de clausulas do contrato prevía tamén 100 horas de formación para o manexo da plataforma.
Cando se van acometer as obras pendentes e con que cartos
O grupo de Ciudadanos critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos do Plan Urban”, o que provocou “retrasos inxustificados, obras que quedaron a medias e sobrecustos”. Da reforma prevista na Praza de Abastos quedou sen acometer a remodelación da planta baixa, que se atopa nunha situación “deplorable”, denuncia Ciudadanos, e tampouco se melloraron os servizos, que se atopan tamén en moi mal estado. Olga Louzao quere que o Goberno municipal diga cando se van acometar estas obras pendentes e con que cartos se van pagar, tendo en conta que o Goberno municipal renunciou a presentar ao Pleno unha proposta de Orzamentos municipais para este ano, polo que o Concello de Lugo non dispón de consignación orzamentaria para acometer obras novas.