Santiago de Compostela, 24 Maio 2017. A Agrupación de Cidadáns (Cs) de Santiago presentou unha reclamación ante a Comisión de Transparencia pola falta de resposta do Concello de Santiago de Compostela á súa solicitude de información, presentada no mes de decembro e reiterada novamente a principios de abril. O obxecto desta solicitude  é poder avaliar as medidas tomadas por este concello para garantir a seguridade para o consumo humano dos cultivos nas hortas urbanas municipais.

A agricultura urbana é un movemento socioeconómico en auxe en todo o mundo que fomenta un modelo de produción agrario e desenvolvemento urbanístico sustentable co medio ambiente. Esta actividade presenta múltiples beneficios ambientais, económicos e socioculturais. Non obstante os chans urbanos poden atoparse contaminados por diversas fontes e usos históricos, existindo un risco potencial para a saúde humana asociado ao consumo dos produtos cultivados nelas.

No Concello de Santiago están dispoñibles máis de 200 hortas municipais e o Concello ten a intención expresada polo concelleiro de Medio Ambiente de estender este modelo cara o sur da cidade para habilitar novas hortas na contorna de Salgueiriños, Lamas de Abad e Santa Marta-Volta do Castro, así como na zona de As Hortas. É por iso polo que a Agrupación de Cidadáns (Cs) de Santiago de Compostela solicita información sobre as medidas de garantía da seguridade dos terreos postos a disposición como hortas urbanas.

“Pedimos xa en dúas ocasións nos últimos meses información ao Concello sobre as análises realizadas aos chans de propiedade municipal nos que se estableceron hortas urbanas e sobre as medidas adoptadas por este concello para avaliar a existencia ou inexistencia de risco para a saúde humana por consumo  dos produtos cultivados nestes. Lamentablemente, e como vén sendo costume, este Concello ignóranos e non respondeu á nosa solicitude”, comenta María Vilas, Coordinadora de (Cs) en Santiago.


“Estamos a favor de que se potencien os hortos urbanos, pero queremos que se faga con todos os controis e garantías necesarios para que esta actividade non acabe sendo prexudicial para os veciños que consuman os produtos que se cultivan nelas. Preocúpanos que a falta de resposta do Concello débase a que non está a cumprir coa súa obrigación de velar pola saúde pública, especialmente nas actividades que potencian e promocionan, como é neste caso a concesión de terreos municipais para uso como hortas urbanas”, conclúe María Vilas.