Jesús Expósito reclama unha remodelación do transporte público da cidade, que sufriu un descenso do 20% no seu nivel de utilización desde 1999 mentras que o custo para as arcas municipais neste período multiplicouse por catro 

Ciudadanos defenderá mañá no Pleno que se creen itinerarios alternativos aos condutores para poder reducir a un só carril a circulación na Ronda da Muralla para poder ampliar as beirarrúas e crear un carril bici

 

Lugo, 29 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos defenderá mañá no Pleno un novo modelo de mobilidade urbana para o centro da cidade e a Ronda da Muralla, na que propón, entre outras medidas, a peonalización completa do casco histórico, onde só poderían entrar os residentes, os vehículos de carga e descarga a horas moi determinadas, o servizo de taxis e os condutores que se dirixan a algún dos dous aparcadoiros públicos que hai dentro do recinto amurallado, o de Santo Domingo e o da Praza do Ferrol.

No caso da Ronda da Muralla, Ciudadanos propón deseñar un plan de tráfico que dea alternativas aos condutores para que poidan evitar a Ronda da Muralla e así poder reducir a un só carril de circulación, gañando espazo para ampliar as beirarrúas e crear un carril bici, e poñendo en marcha un microbús eléctrico como intercambiador para as liñas de transporte público.

O concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito, considera sen embargo que “este tipo de medidas non se poden tomar de maneira improvisada, tal como se fixo coa redución a 30 da velocidade permitida na Ronda da Muralla”, polo que demanda que ser realicen os estudos técnicos e de viabilidade necesarios para poñer en marcha esta proposta. “Se de verdade se quere acabar peonalizando a Ronda da Muralla cambiar os sinais non chega. Hai que tomar outras medidas. A primeira, deseñar un plan de tráfico que ofreza alternativas aos condutores para que non teñan que pasar obrigatoriamente pola Ronda da Muralla. Despois reducir a un só carril de circulación o tráfico na Ronda, para poder gañar espazo efectivo para os peóns ancheando as beirarrúas, moi estreitas nalgunhas zonas, e para poder crear un verdadeiro carril bici para os ciclistas”, argumenta.

Buses eléctricos arredor da Ronda e microbuses á carta ás parroquias

Tamén é necesario, opina Ciudadanos, modificar as 17 liñas actuais do transporte público, para que non teñan que pasar os buses urbanos de case todas elas pola Ronda como acontece na actualidade, establecendo, por Ciudadanos “un microbus eléctrico na Ronda a modo de intercambiador das distintas liñas”. A proposta de Ciudadanos sería establecer arredor da Ronda un bus eléctrico que faría as funcións de intercambiador para o resto de liñas, que desta maneira non se verían obrigadas a circular pola Ronda e reducirían a distancia que percorren, gañando deste xeito en puntualidade, argumenta Jesús Expósito, que lembra que o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo no ano 2009 á Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona xa apostaba por esta solución e afirma que “a remodelación do bus urbano que ten que poñerse en marcha nos vindeiros meses segundo se recolle no contrato da actual concesión é a oportunidade para adoptar este novo modelo”.

O concelleiro de Ciudadanos lembra que a nova adxudicación do transporte público de Lugo, que leva Mombús, entrou en vigor o 23 de xuño do 2016 e o contrato asinado obriga á empresa concesionaria a presentar no primeiro ano de servizo unha remodelación das liñas de transporte. “Desa remodelación do bus urbano nada sabemos a día de hoxe cando está a piques de cumprirse ese prazo fixado no contrato”, denuncia Expósito.

Ciudadanos defende que o novo deseño do transporte público en Lugo ten que atender a varios factores, como son a conexión co Novo Hospital, a posta en marcha dun servizo de transporte ás parroquias do concello mediante un sistema de microbuses á carta que conecten as distintas parrocias seguindo un sistema radial de 8 liñas partindo da cidade, tal como propuña tamén o Plan de Mobilidade do ano 2009, e a restructuración das liñas actuais no sentido xa establecido tamén nese plan elevorado pola Axencia de Ecoloxia Urbana de Barcelona e que nunca chegou a aplicarse e que propoñía liñas máis curtas con intercambio na Ronda da Muralla.

Situación actual: reducción dun 20% no nivel de uso e aumento dun 400% do custo do servizo

Ciudadanos aporta datos do servizo que son “clarificadores sobre a situación actual do bus urbano en Lugo”. Jesús Expósito explica que no 2011 ampliouse unha das liñas con motivo da entrada en servizo do Novo Hospital pero que o actual modelo de transporte público da cidade data de 1999, que foi cando se implantou a última remodelación do transporte público na cidade Desde entón, explica Ciudadanos, o uso do bus urbano de Lugo caeu un 20% e o déficit do servizo, e dicir, o que luguesas e lugueses teñen que pagar para mantelo en funcionamento, multiplicouse por 4 desde entón.

“Se no ano 1999 cada veciño de Lugo facía de media 25 viaxes ao ano no transporte público, hoxe a media de utilización do bus urbano e de só 20 viaxeiros por habitante e ano. Nese mesmo periodo, nestes últimos 18 anos, o custe para as arcas municipais pasou de 654.000 euros no ano 1999 a 2,2 millóns de euros no ano 2015, mentras que o que se recada por billetes non chega a 1 millón de euros, xa que logo, o déficit do  servizo é do 70%”, resume Jesús Expósito.

Peonalización completa do casco histórico

Ciudadanos maniféstase como firme defensore da peonalización, tanto no casco histórico como noutras zonas da cidade, onde esta medida “favorecería o comercio local, a vida dos barrios e a humanización da cidade”, argumenta Jesús Expósito, que insiste en que “é evidente que nos últimos anos houbo un retroceso claro na peonalización do casco histórico, onde cada vez hai máis coches a calquera hora do día e isto débese á permisividade evidentemente do Goberno municipal e á falla dun control de acceso efectivo”.

No Pleno do pasado 27 de outubro, no que se aprobou por unanimidade unha iniciativa para crear un plan de tráfico específico para o casco histórico, o concelleiro de Infraestruturas, Manuel Núñez, anunciou que se ía cambiar o actual sistema de bolardos retráctiles por sistemas máis modernos de control de matrículas mediante cámaras. “Cinco meses despois nada sabemos dese novo sistema, que aínda non está implantado”, quéixase Expósito.

“Desde Ciudadanos pedímoslle ao Goberno municipal que avance na peonalización de nas novas rúas do casco histórico, como é por exemplo o entorno de Quiroga Ballesteros, e así o pediremos na negociación dos Orzamentos para este ano, se é que esa negociación se chega a producir. Porque se de verdade queremos potenciar a Praza de abastos e o Mercado como zona comercial, hostaleira e de ocio, esa é unha medida imprescindible”, xustifica.

Segundo a proposta de Ciudadanos, ao casco histórico debería estar permitida a entrada só dos residentes, os taxis, os vehículos de carga e descarga en horas moi reguladas e controladas, e daqueles cidadáns que queiran vir ao centro co seu vehículo particular pero só para entrar e saír dos dous aparcadoiros públicos que hai dentro de Murallas, o de Santo Domingo (entrando e saíndo pola rúa do Teatro) e o da Praza de Ferrol (entrando e saíndo por San Fernando).

As “medidas improvidadas” da alcaldesa na Ronda da Muralla

Pero este tipo de medidas non se poden tomar de maneira improvisada, afirma Ciudadanos, tal como critica que se fixo coa redución a 30 da velocidade permitida na Ronda da Muralla “que nin é realmente unha zona 30, porque os peóns non teñen prioridade sobre os coches, nin é realmente un carril bici. É un novo modelo de circulación made in Lugo inventado pola alcaldesa e que quedou nun simple cambio de sinais, pero non nunha modificación de hábitos dos condutores, porque para iso hai que ofrecerlles antes alternativas”, afirma Jesús Expósito, para quen “a Rolda da Muralla segue a ser a gran rotonda de Lugo, e unha das maiores de Europa polo seu tamaño, tanto que quizais debería estar no libro de Guinness dos records por ter máis de dous quilómetros de lonxitude e unha muralla romana de máis 2.000 anos de historia como escultura central”.

Ciudadanos pide ao Gobeno muncipal que dea máis pasos que vaian encamiñados a avanzar cara a peonalización da Ronda da Muralla e considera “insuficientes” as medidas adoptadas polo Goberno socialista, que se quedaron, á vista das tres semanas que levan implantadas, en “meramente propagandísticas pero pouco efectivas”. “Non chega con cambiar os sinais de 50 da Ronda por sinais de 30, porque cambiar simplemente o límite de velocidade sen tomar outro tipo de medidas complementarias o único que fixo é aumentar o caos circulatorio na Ronda a determinadas horas pero non cambiar hábitos”, afirma Jesús Expósito, que considera necesario “adoptar medidas que reduzan o uso do coche no centro e dar alternativas aos condutores que teñen que usar o seu vehículo privado para que tomen outros itinerarios nos seus desprazamentos que eviten o paso pola Ronda da Muralla”.

 

Ciudadanos é partidario de actuar “con valentía” sobre a Ronda da Muralla co obxectivo de que deixe de ser “a rontonda máis grande de Europa” e se convirta “nun verdadeiro espazo para os peóns, as bicicletas e o transporte público, como se merece o entorno dun monumento Patrimonio da Humanidade”. Para iso proponlle á alcaldesa Lara Méndez “que non quede na foto dos sinais 30 e siga dando pasos”. En primeiro lugar, afirma Ciudadanos, hai que crear itinerarios que permitan aos condutores non pasar pola Ronda, algo “pouco factible a día de hoxe” para, a continuación, reducir os dous carrís actuais de circulación a un só carril. “De facto foi o que aconteceu durante as semanas de tractorada na que os tractores estiveron aparcados na Ronda da Muralla ocupando un dos carris e deixando só un libre para circular”, argumenta Jesús Expósito.

 

Deste xeito, liberando un carril de circulación, sería posible ampliar as beirarrúas, actualmente moi estreitas, para gañar espazo para os peóns e habilitar un carril bici específico para ciclistas, xa que Ciudadanos considera “moi perigosa” a proposta do Goberno municipal de que bicicletas e coches convivan nun dos actuais carrís de circulación. “Os propios informes técnicos do servizo de Enxeñería municipal advirten de que esta medida está no límite do viable ao superar a Ronda da Muralla ratios de máis de 5.000 vehículos por día”, explica o concelleiro de Ciudadanos.