O Goberno municipal anunciou o 13 de marzo que se trataba dun simple problema do servidor no que estaba aloxada e que xa se estaba a solucionar
Olga Louzao explica que a páxina web, prevista para a venda online dos produtos da Praza, tiña unha garantía de 5 anos e que o contrato coa empresa Plexus, polo que se pagaron 34.000 euros, está aínda en vigor, polo que pide responsabilidades á concelleira de Economía, Ana Prieto, por ter pagado a factura e non facer o seguemento necesario para comprobar que cumpre o contrato
Ciudadanos solicitou onte na Comisión de Contas un “informe detallado do destino dos 10 millóns de euros investidos no Plan Urban nos últimos 7 anos” e o Goberno confirmou que non conta neste momento cun orzamento detallado de todo o que se gastou cando está a piques de rematar o prazo fixado pola UE para que as distintas actuacións financiadas con cargo aos fondos FEDER estexan funcionando
Lugo, 28 de marzo de 2017. Dúas semanas despois de que Ciudadanos denunciara que non está funcionando a páxina web da Praza de Abastos, financiada con cargo ao Plan Urban e na que se gastaron 34.000 euros, e a tres días de que remate o prazo fixado pola Unión Europea para que os distintos investimentos financiados con cargo aos fondos FEDER estexan en servizo, o portal web do Mercado segue sen estar operativo.
O grupo municipal de Ciudadanos denunciou o pasado día 13 que a páxina web da Praza de Abastos e do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros non estaba dispoñible tan só ano e medio despois de ser posta en marcha. O portal web (www.mercadodelugo.es) dá unha mensaxe de erro e non carga malia que o Goberno municipal anunciou ese mesmo día 13 de marzo que se trataba dun simple problema no servidor no que está aloxada a páxina e que estaba xa en vías de solución. “Dúas semanas despois segue sen estar operativa e se o Goberno municipal non é capaz de resolver este problema, que dixo entón que era tan sinxelo, como vai resolver asuntos de moita maior envergadura e dos que depende o rumbo da cidade de Lugo”, argumenta a voceira de Ciudadanos, Olga Louzao.
Ciudadanos explica que esta situación é aínda máis grave porque no contrato asinado coa empresa Plexus o 18 de xuño de 2013 establecíase un prazo de garantía para a páxina de 5 anos, nos que a empresa tiña a obriga de facerlle o mantemento necesario para que estivese operativa. Por iso, Olga Louzao pide responsabilidades polo acontecido á concelleira de Economía, Ana Prieto, por ter pagado a factura de 34.000 euros que custou a páxina e non facer o seguemento necesario en relación ao mantemento do servizo. De feito, a factura á empresa Plexus por este portal web foi unha das primeiras que pagou o novo Goberno de Lara Méndez nada máis tomar posesión. O decreto de pago, por importe de 34.122 euros, foi asinado por Ana Prieto o 21 de setembro de 2015 con cargo aos fondos do Plan Urban, polo que o 80% desa cantidade (25.944 euros) correspóndense con fondos FEDER da UE. Ciudadanos pregunta “que vai dicir Bruxelas cando vexa que dous anos despois de entregarlle ao Concello de Lugo case 26.000 euros para poñer en marcha este servizo xa non funciona” e quere saber se existe risco de ter que devolver a subvención recibida e se o venres, día 31, cando remata o prazo fixado pola UE para o Urban, a páxina segue sen funcionar.
Olga Louzao critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos do Plan Urban” e explica que no momento do pago da factura abonada a Plexus pola web da Praza de Abastos, a directora do Urban, Blanca Cañal, asinou un informe no que indica textualmente que “a empresa executou a actividade conforme aos requisitos sinalados nos pregos, realizándose desde a Oficina Urban unha labor de seguemento e control”. O expediente de pago consta ademais doutro informe do servizo de Informática, asinado por Eduardo Risco, no que se sinala que “os problemas detectados nas primeiras comprobacións realizadas á implantación da web mercadodelugo.es, relativos ao rendemento e ao bloqueo do acceso ao dito portal, xa foron corrixidos pola empresa Plexus e na actualidade non se atopan problemas no dito portal ou nos servizos de implantación que impidan a normal tramitación da correspondente factura”. A voceira de Ciudadanos di que “parece que a páxina só funcionou puntualmente para poder cobrar a factura, pero non para dar servizo aos praceiros, que foi para o que foi creada e pagada”.
21 praceiros sen servizo
Ciudadanos explica que este portal web da Praza de Abastos foi concebido para facilitar a venda online aos praceiros e aumentar os servizos complementarios e a visibilidade da Praza como xeito de dinamizala, imitando iniciativas semellantes postas en marcha noutras cidades con notable éxito, como acontece no caso da Praza de Abastos de Santiago de Compostela. Dos 70 comerciantes que ocupan os postos da Praza e o Mercado, un total de 21 sumáronse a esta iniciativa da venda online. A empresa responsable da páxina entregou a cada un deles un nome de usuario e unha contrasinal para poder acceder á páxina, cargar os produtos e xestionar a súa venda pero a web leva meses sen funcionar, xa que estivo só operativa un ano, desde agosto de 2015 a xullo de 2016, que foi cando deixou de estar dispoñible. Dado que a páxina do Concello non funciona, un grupo de comerciantes está estudando neste momento a posibilidade de encargar de motu propio a posta en marcha dunha nova páxina para a venda online dos seus produtos.
Este é un dos servizos que ofrece por exemplo a Praza de Abastos de Santiago, referencia de bo funcionamento e dinamización deste tipo de instalacións municipais. Sen embargo, denuncia Olga Louzao, no caso da iniciativa posta en marcha polo Concello de Lugo dentro do Plan Urban “todo quedou en obras a medias, en fume e despilfarro de cartos públicos, xa que ano e medio despois de que se pagaran 34.000 euros por esta páxina web, xa non funciona e non ten, polo tanto, ningunha utilidade práctica nin para os usuarios nin para os propios praceiros”. O contrato foi adxudicado en 2013 á empresa Tecnologías Plexus SL e incluía o deseño, creación e posta en marcha dun portal web con información detallada da Praza e o Mercado (historia, localización, servizos, etc) e de cada un dos seus postos, coa posibilidade para os praceiros de poder vender as mercadorías por Internet, facilitando deste xeito o servizo de venda electrónica mediante unha tenda online para que os titulares dos postos puidesen empregar esta nova canle para a comercialización dos seus produtos e mercadorías, cun catálogo máximo de 100 produtos dispoñibles por establecemento e coa posibilidade engadida tamén de poder emitir facturas. O prego de clausulas do contrato prevía tamén 100 horas de formación para o manexo da plataforma.
Trátase da mesma empresa que mantén cun contrato caducado a páxina web municipal
A adxudicataria deste contrato da web da Praza de Abastos é a mesma empresa que leva o mantemento da páxina web municipal (www.lugo.gal). Este contrato está caducado desde hai case dous anos, en concreto desde o 5 de abril de 2015 e a empresa cobra 2.278 euros ao mes con reparos de legalidade do Interventor por realizar estas tarefas de actualización e mantemento do portal. O Goberno municipal sacou no pasado mes de decembro a concurso de novo este servizo, pero a día de hoxe segue sen adxudicarse, polo que segue prestándoo Plexus cun contrato caducado.
O grupo municipal de Ciudadanos denuncia ademais neste caso que o Goberno socialista vai incrementar nun 50% o custo do mantemento e actualización de contidos dentro da páxina web municipal, que vai pasar dos 26.045 euros que custa na actualidade a 41.300 euros no novo contrato sen que se xustifiquen as melloras que se van producir con este importante incremento. Olga Louzao explica que o prego de condicións aprobado polo Goberno de Lara Méndez para sacar a concurso a actualización de contidos da web municipal inclúe un importe de 3.441 euros mensuais e o prazo do contrato é dun ano coa posibilidade de prorrogalo un ano máis.
No prego técnico recóllese a actualización de contidos do portal www.lugo.gal, incluídas as páxinas web específicas que colgan del, como son a do Cei-Nodus, a do EspazoLab, a do Servizo de Prevención de Drogas e a do Europedirect. Sen embargo, tal como denuncia Ciudadanos, segue sen incluirse no novo contrato o mantemento das páxinas web do San Froilán e do Arde Lucus, que malia ser dous dos acontecementos máis importantes da cidade, non colgan do portal municipal. Olga Louzao considera “un despropósito” este xeito de actuar e pregúntalle a Carmen Basadre, responsable de Cultura, se non se fala coa concelleira responsable de Novas Tecnoloxías, Rosana Rielo. A actualización das páxinas web do San Froilán e o Arde Lucus foron contratadas “por libre” o ano pasado por Carmen Basadre e supuxeron un custo a maiores de 8.469 euros no caso da festa romana e 7.502 euros no caso das patronais. Nos dous casos foron adxudicadas á mesma persoa baixo o CIF de dúas empresas distintas mediante un contrato menor sen publicidade.
O Goberno municipal adxudicou de novo a contratación de maneira independente á páxina web municipal das webs do Arde Lucus e o San Froilán deste ano, repetindo o modo de actuar da pasada edición e mesmo incrementando o importe total en 5.000 euros con respecto ao gastado o ano pasado nestes traballos. O contrato foi adxudicado á empres Inteligencia Visual. Ciudadanos critica que todos estes contidos, tanto as webs do San Froilán e do Arde Lucus, como a web da Praza de Abastos non se incúan de maneira conxunta no contrato do mantemento do portal web municipal, “de maneira que unha mesma empresa se encargue de toda a xestión de contidos dixitais do Concello e non haxa que andar pagando a distintas empresas por actuacións inconexas”.
Olga Louzao afirmou ademais que “a páxina web do Concello debe servir para que os cidadáns poidan realizar trámites sen saír da súa casa e non só para colgar as fotos dos saraos aos que vai a alcaldesa”. Neste sentido, botou man dun informe presentado recentemente pola Asociación de Internautas sobre a utilidade das páxinas web dos distintos concellos do Estado que indica que Lugo está á cola na tramitación dixital, entre as 11 cidades do Estado que menos trámites a través da súa web permite facer, en concreto menos de 30, tres veces menos que a media do resto de cidades.
Ciudadanos solicita un informe detallado do destino dos 10 millóns de euros investidos no Plan Urban nos últimos 7 anos
O grupo municipal de Ciudadanos reclamou onte na Comisión de Contas á concelleira de Economía, Ana Prieto, “un informe detallado das actuacións levadas a cabo dentro do Plan Urban cun balance completo dos proxectos acometidos, orzamentos destinados a cada proxecto, gastos realizados e resultados obtidos, así como obras aínda sen executar e previsións para a súa finalización”. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que “vistas as irregularidades detectadas no Plan Urban, como a páxina web do Mercado, que xa non funciona, ou as obras sen rematar no Vello Cárcere e na Praza de Abastos, o grupo municipal de Ciudadanos quere que o Goberno municipal presente un balance detallado dos proxectos acometidos dentro do Plan Urban”. Louzao considera “imprescindible” que a máxima responsable do Plan Urban, a concelleira de Economía Ana Prieto, dea conta “de en que se gastaron os cartos e o proveito que se lle sacaron aos 10 millóns de euros investidos nos últimos 7 anos dentro do Plan Urban”. “É necesario saber o destino de cada euro de fondos públicos, a onde foron a parar e o rendemento que como cidade lle sacamos”, insiste. Sen embargo, Ana Prieto indicou onte na Comisión de Contas e a menos dunha semana de que remate o prazo final do Urban, que o Goberno municipal non dispón deste informe detallado. Olga Louzao considera necesario que o Goberno municipal informe de todos estes aspectos “para coñecemento da cidadanía en xeral e para a necesaria fiscalización das actuacións por parte dos distintos grupos políticos que forman a Corporación municipal”.
Retrasos, obras a medias e sobrecustos
O grupo de Ciudadanos critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos do Plan Urban”, o que provocou “retrasos inxustificados, obras que quedaron a medias e sobrecustos”. “Á vista de que está a piques de rematar o prazo para que as distintas actuacións acometidas dentro do Plan Urban estean en funcionamento, faise necesario facer un repaso de como se gastaron os fondos recibidos e do grado de consecución dos obxectivos plantexados inicialmente. Este balance final e detallado de actuacións debería incluír os distintos proxectos acometidos así como as partidas económicas finais destinadas a cada un deles, con desglose dos principais gastos realizados e os seus conceptos.
Ciudadanos quere saber tamén se existe risco de que a Unión Europea poida reclamar a devolución das subvencións que foron destinadas a proxectos como a páxina web do Mercado, á vista de que xa non está operativa a páxina, ou ás actuacións que non se levaron a cabo en edificios incluídos dentro do Plan Urban, como o Vello Cárcere ou a Praza de Abastos. “O 80% do orzamento do Urban eran fondos europeos e se hai que devolvelos por unha mala execución das actuacións acometidas suporía ter que devolver moitos cartos”, argumenta Olga Louzao.
Cando se van acometer as obras pendentes e con que cartos
Do mesmo xeito, faise necesario coñecer, a xuízo de Ciudadanos, en que estado se atopa cada unha destas actuacións pendentes e cales son as previsións para rematar as obras en edificios como a Praza ou o Vello Cárcere. Da reforma prevista na Praza de Abastos quedou sen acometer a remodelación da planta baixa e tampouco se melloraron os servizos, que se atopan en moi mal estado. No caso da outra das obras fundamentais do Plan Urban, o Vello Cárcere o edificio vaise abrir tamén sen estar rematado, pois faltan por facer os baños da planta baixa e quedan sen rehabilitar os torreóns, aos que se lles puxeron unhas portas provisionais para pechalos, ao igual que o espazo onde deberían ir os servizos e o montacargas que debía dar servizo ao escenario do salón de actos. No edificio do Vello Cárcere está tamén pendente de sacar a licitación pública a concesión da cafetería da planta superior.
A Praza e o Vello Cárcere suman o 60% do total investido no Urban, en concreto 3,8 millóns de euros no caso do novo centro cultural e 1,8 millóns de euros o Mercado e a Praza de Quiroga Ballesteros e eran os dous “proxectos estrela” do Plan, un proxecto iniciado no ano 2010 con diversas actuacións de reforma urbana no entorno do casco histórico e dotado cun orzamento toal de 10 millóns de euros, dos que o 80% (8 millóns de euros) procedían de fondos Feder Europeos e os restantes 2 millóns foron aportados polo Concello e a Deputación Provincial. Bruxelas fixa como data límite para a xustificación dos fondos recibidos, e polo tanto deben estar en funcionamento as distintas actuacións para esa data, o día 31 deste mes, pero tanto no Vello Cárcere como na Praza de Abastos quedarán, para entón, sen rematar, á espera de que o Concello orzamente as obras pendentes con fondos propios, que no caso da Praza de Abastos estímase que o importe das actuacións pendentes superará o medio millón de euros.