Jesús Expósito explica que 75 nenos e nenas de infantil teñen que cruzar todos os días varias veces este vial para ir ao comedor, ao pavillón ou ás distintas actividades que teñen lugar nas instalacións do colexio que están do outro lado da rúa, co conseguinte perigo
Ciudadanos propón tamén ceder ao colexio unha parcela sen uso de titularidade municipal de 469 metros cadrados para que sirva de patio ás 3 aulas de infantil do colexio, que carecen de zona de xogos para os máis pequenos
Lugo, 24 de marzo de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos levará ao Pleno municipal do xoves da vindeira semana unha iniciativa cunha serie de melloras no Colexio Illa Verde, en concreto a peonalización dun tramo da rúa Roi Xordo, que divide en dúas partes as instalacións do centro educativo, para incrementar deste xeito a seguridade do alumnos e alumnas e a cesión dun solar municipal sen uso que hai pegado ao colexio para que sirva de patio ás aulas de infantil, que carecen de zona de esparcemento. Estas medidas contan co apoio da ANPA e da dirección do centro.
O concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito, que é membro do Consello Escolar do colexio Illa Verde en representación do Concello de Lugo, explica que “as tres aulas de infantil do colexio, no que estudan 75 nenos e nenas, están nun edificio anexo, separadas do resto das instalacións do centro educativo pola rúa Roi Xordo, que se ven obrigados a cruzar varias veces ao día para ir ao comedor, ao pavillón deportivo ou ás aulas de actividades, que se atopan nas instalacións que están do outro lado da rúa, o que supón un perigo evidente para estes pequenos e pequenas”.
Por iso, Ciudadanos propón peonalizar o tramo de rúa que discorre diante do colexio para aumentar deste xeito a seguridade dos nenos e nenas. “Dese xeito ademais conseguiriamos que non estivesen pasando os coches ás horas de entrada e saída do colexio, nas que en moitos casos os alumnos e alumnas se ven obrigados a camiñar pola calzada por entre os coches porque as beirarrúas son soi estreitas e están obstruídas moitas veces con vehículos estacionados nelas”, denuncia Expósito, que explica que “a peonalización deste tramo de rúa, duns 100 metros, non supón ningún problema porque ten saída e entrada pola rúa Erín por un lado e pola rúa do Trebo e Cornubia polo outro para dar entrada tanto aos residentes como ás prazas de estacionamento en superficie que hai na zona”.
Ciudadanos considera esta medida “absolutamente viable e sen custo algún” e afirma que “soluciona moito mellor o problema do tráfico e da seguridade viaria dos cativos e cativas no entorno do centro educativo que a proposta polo Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, e a alcaldesa, Lara Méndez, nunha recente xuntanza coas ANPAs, na que lles pediu que organizasen turnos de voluntarios para regular o tráfico e vixiar as entradas e saídas dos colexios. “A nosa proposta é máis factible, doada e barata”, compara Jesús Expósito.
Ampliar o patio de infantil do colexio
O grupo municipal de Ciudadanos tamén proporá na súa moción ao pleno que o Concello ceda unha parcela sen uso de 469 metros cadrados da súa titularidade ao colexio para ampliar o patio de infantil do centro, que é de moi reducidas dimensións. “Os 75 nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de infantil practicamente non teñen onde xogar”, indica Jesús Expósito, que explica que esta parcela de titularidade municipal atópase pegada ás aulas de infantil do colexio, polo que tan só habería que cedela ao centro educativo e cambiar o peche perimetral do colexio para incluíla dentro do seu recinto. Esta parcela sobrante atópase cualificada como zona verde no Plan Xeral e Ciudadanos propón, unha vez cedida ao colexio, dotala dunha área de xogos infantís, da que carecen os alumnos e alumnas de infantil do centro.
Plan plurianual para o mantemento dos colexios públicos dotado con máis fondos
Ciudadanos pide tamén na súa iniciativa que se estuden “solucións similares” tanto en materia de tráfico como de dotacións noutros colexios da cidade e propón tamén entre as súas demandas para negociar coa alcaldesa os Orzamentos municipais deste ano que se inclúa un Plan Plurianual de Mantemento de Colexios Públicos da Cidade, dotado con 200.000 euros anuais, o dobre da cantidade orzamentada en 2016 e que Ciudadanos considera insuficiente, co obxectivo de “corrixir as deficiencias existentes na maioría de colexios da cidade”. Ciudadanos quere que esta cantidade de 200.000 euros se manteña tamén nos Orzamentos municipais dos vindeiros anos até o final do mandato.
“É temerario trasladar aos pais e nais a responsabilidade de garantir a seguridade na entrada e saída dos colexios”
Finalmente, o grupo municipal de Ciudadanos considera “temeraria” a proposta do Goberno municipal de que sexan pais e nais voluntarios os que se encarguen de regular o tráfico e vixiar a seguridade viaria no entorno dos centros educativos da cidade á hora da entrada e saída dos colexios. O concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito considera que “para iso está a Policía Local” e pídelle ao Goberno municipal e ao concelleiro de Educación, Manuel Núñez “que asuma as súas obrigas e non trate de trasladar a responsabilidade ás ANPAs, como fixo cos comedores escolares”.
A alcaldesa Lara Méndez e o concelleiro de Educación reuníronse recentemente coas ANPAs dos colexios da cidade, ás que lles propuxeron asinar un convenio de colaboración segundo o cal serían as ANPAs as encargadas da vixilancia das entradas e saídas dos colexios, mentres o Concello se comprometeu a impartir un cursiño para aqueles pais e nais voluntarios e a facilitarlles chalecos, chifres e sinais. “En caso de que haxa un accidente ou un atropelo, quen se vai facer responsable”, pregunta Expósito, que tamén cuestiona “a atribución legal que terán os voluntarios para facer tarefas reservadas a policías municipais como é o control do tráfico” e a “autoridade” que van ter para facerse respectar polos condutores e viandantes. Jesús Expósito explica que “hai ANPAs, como é o caso da do colexio Illa Verde, que xa mostraron á alcaldesa e ao concelleiro de Educación nesa reunión o seu rexeitamento a esta proposta do Goberno local”.