Ciudadanos considérao “unha chapuza máis de última hora na xestión dos fondos do Plan Urban” por parte do Goberno de Lara Méndez
Olga Louzao critica á concelleira de Cultura por “inventarse un novo contrato que roza a ilegalidade mentras mantén caducado desde hai máis de dous anos o servizo de antención dos museos dependentes do Concello”
Lugo, 16 de febreiro de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos revelou hoxe que a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, trata de buscar “in extremis” unha empresa que se encargue de abrir ao público o edificio do Vello Cárcere para poder cumprir coa esixencia da Unión Europea de que o novo centro cultural financiado con fondos do Plan Urban estea funcionando antes do día 31 deste mes. Ante a premura dos prazos, o departamento de Cultura ven de cursar unha invitación a diversas empresas do sector para que presenten as súas ofertas. Na propia invitación a área de Cultura recoñece que “é urxente realizar a contratación de persoal para poñer a funcionar esta nova dotación cultural con parte dos usos que están previstos na memoria do proxecto. A data límite para a súa entrada en funcionamento é o 31 de marzo de 2017 sen posibilidade de dilación, polo que se contempla unha situación de extrema urxencia e necesidade, ao perigar a recepción do financiamento procedente dos fondos europeos por incumprimento de prazos e de compromisos adquiridos polo Concello de Lugo como receptor do Plan Urban”, recoñece textualmente o prego de condicións técnicas para a contratación do persoal necesario para a apertura do novo centro cultural.
O documento deixa claro tamén a “indefinición existente en relación aos usos que se lle van dar ao edificio do Vello Cárcere”, segundo indica Ciudadanos. “Pola heteroxeneidade dos seus fins e a abstracción conceptual destes, advírtese unha patente complexidade para establecer as necesidades de persoal dun xeito definitivo e resulta previsible que o transcorrer do tempo e do propio uso vaian dictando novas e, posiblemente máis reais e concretas, esixencias”, indica textualmente o documento elaborado polo departamento de Cultura. “É dicir, que Carmen Basadre non sabe a día de hoxe que vai facer co edificio”, resume a voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao.
Inauguración o xoves 30 de marzo pola tarde e tres persoas para atender o edificio
O prego elaborado polo departamento de Cultura considera “imprescindibles” para abrir o Vello Cárcere, que será inaugurado segundo figura no documento o xoves 30 de marzo pola tarde, a tres persoas: unha para recepción e atención telefónica, un guía con titulación universitaria en Humanidades e experiencia previa como guía de exposicións e un técnico audiovisual con título de formación profesional de grado superior. Deberán manter en funcionamento o edificio e aberto ao público a partir do día seguinte á inauguración durante os 7 días da semana: de 11 a 14 e de 17:30 a 20:30 horas de luns a xoves, de 11 a 14 e de 17:30 a 22:30 horas os venres e os sábados, e de 11 a 14 e de 17:30 a 20:30 horas os domingos.
O Goberno municipal recurriu á fórmula do contrato menor sen publicidade, mediante a invitación a participar no proceso a cando menos tres empresas e o prazo para que enviasen as súas ofertas rematou onte, 15 de marzo. O prazo do contrato vai do 27 de marzo ao 31 de agosto e o prezo de licitación é de 21.780 euros (18.000 euros máis IVE), “é dicir, o máximo legal permitido para poder optar por esta vía de contratación do contrato menor sen publicidade”, aclara Olga Louzao. A voceira de Ciudadanos tamén se pregunta que vai pasar despois do 31 de agosto. “Vaise pechar o edificio ou é que se pensa botar man da fórmula do pago de facturas con contrato caducado, xa habitual deste Goberno”, cuestiona Olga Louzao.
“O propio Goberno fomenta a precariedade laboral nos sus contratos”
Olga Louzao critica tamén as condicións nas que se ofertan estes tres postos de traballo xa que o prego indica que se establece “como único criterio de valoración a oferta económica que resulte máis vantaxosa para o Concello”, polo que acusa ao propio Goberno municipal de “fomentar a precariedade laboral con este tipo de contratos á baixa, nas que o único criterio que prima é a oferta económica, que sempre vai en detrimento do salario do propio traballador”. Segundo os prezos máximos que fixa o Concello no prego, os traballadores cobrarán por debaixo de 8 euros a hora, tratándose nalgún caso de persoas con titulación universitaria que van recibir salarios baixos e condicións de traballo precarias ao ter que abrir todos os días da semana.
A voceira de Ciudadanos pregúntalle á alcaldesa, “á que se lle enche a boca de falar de calidade do emprego, de clausulas sociais e defensa dos traballadores, se este é o seu modelo de emprego estable e de calidade: contratos de 5 meses en condicións precarias e salarios baixos” e pregúntalle a Lara Méndez “se revisou o que Carmen Basadre oferta para abrir o Vello Cárcere”.
Olga Louzao considera este contrato “unha chapuza máis de última hora do Plan Urban” e considéraa “acorde a como se levou a cabo todo o proceso de rehabilitación do Vello Cárcere e coherente como modo habitual de traballar de Carmen Basadre”. A voceira de Ciudadanos dille á titular de Cultura que “as présas de última hora non son nunca boas” e lémbralle que “o persoal necesario para a atención do Vello Cárcere debería estar incluído no novo contrato dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos”. “É unha falta de previsión absoluta, porque sabían que o Vello Cárcere tiña que estar aberto antes do 31 deste mes”, lembra Olga Louzao.
Carmen Basadre, “campioa” dos contratos caducados
Olga Louzao critica a “pasividade” do Goberno municipal en relación aos contratos caducados, e considera que “lonxe de ter mellorado a situación desde que Lara Méndez é alcaldesa, foi a pior”. Ciudadanos pídelle á alcaldesa que “poña remedio” a esta “ilegalidade na contratación pública que se converteu xa en habitual” e denuncia que “aínda que se trata dun mal que afecta a todas as áreas do Goberno os campións dos contratos caducados son Manuel Núñez e Carmen Basadre, xa que das súas áreas dependen a meirande parte dos contratos que non están en vigor”.
No departamento que xestiona Carmen Basadre está caducado o contrato para a atención da Casa da Música e a Casa da Xuventude, por un importe de 57.366 euros ao ano, as actividades de Prevención de drogodependencias dirixidas á xente moza, por importe de 8.136 euros e o servizo de asesoramento xuvenil, por 7.086 euros anuais. O mesmo acontece en relación ao contrato para a xestión dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos, en concreto desde o 23 de novembro de 2014. Ciudadanos pregúntalle ao Goberno municipal “cando prevé sacar a concurso o novo prego e en que situación ou fase de tramitación se atopa actualmente, tendo en conta que o contrato leva caducado case dous anos e medio e ten un custo anual de 205.974 euros que se están a pagar de xeito irregular como lembra cada mes o interventor á hora de aboar a correspondente factura”, indica Olga Louzao.
Ante a situación de “desgoberno e continuas irregularidades” que se producen na área que xestiona Carmen Basadre, Olga Louzao esixiulle unha vez máis á alcaldesa, Lara Méndez, “que poña orde na República independente de Cultura” porque a súa titular “vai por libre e non responde a criterio lóxico algún na súa xestión”. Ciudadanos di que “desde que está en Cultura, Carmen Basadre é máis coñecida xa polos seus desatinos que polo seus acertos” e pon como exemplos a polémica adxudicación das casetas do polbo no San Froilán, a instalación sen ningún tipo de contrato da Pista de Xeo, ou os sobrecustos dos concertos do Auditorio.
Información ao detalle de como se gastaron os 10 millóns do Plan Urban
Ciudadanos critica tamén a “deficiente supervisión da maioría dos contratos do Plan Urban”, o que provocou “retrasos inxustificados, obras que quedaron a medias e sobrecustos”. Por iso, o grupo que lidera Olga Louzao pediu esta semana a comparecencia da concelleira de Economía, Ana Prieto, na Comisión de Contas do vindeiro venres para que explique en que situación se atopan as distintas actuacións do Plan Urban a 15 días de que remate o prazo límite fixado por Bruxelas para a súa finalización. Ciudadanos quere que o Goberno municipal presente na vindeira Comisión de Contas “un informe detallado das actuacións levadas a cabo dentro do Plan Urban cun balance completo dos proxectos acometidos, orzamentos destinados a cada proxecto, gastos realizados e resultados obtidos, así como obras aínda sen executar e previsións para a súa finalización”.
A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que “vistas as irregularidades detectadas no Plan Urban, como a páxina web do Mercado, que xa non funciona, ou as obras sen rematar no Vello Cárcere e na Praza de Abastos, o grupo municipal de Ciudadanos pedirá na próxima Comisión de Contas un balance detallado dos proxectos acometidos dentro do Plan Urban”. Louzao considera “imprescindible” que a máxima responsable do Plan Urban, a concelleira de Economía Ana Prieto, dea conta “de en que se gastaron os cartos e o proveito que se lle sacaron aos 10 millóns de euros investidos nos últimos 7 anos dentro do Plan Urban”. “É necesario saber o destino de cada euro de fondos públicos, a onde foron a parar e o rendemento que como cidade lle sacamos”, insiste.
Ciudadanos quere saber tamén se existe risco de que a Unión Europea poida reclamar a devolución das subvencións que foron destinadas a proxectos como a páxina web do Mercado, á vista de que xa non está operativa a páxina, ou ás actuacións que non se levaron a cabo en edificios incluídos dentro do Plan Urban, como o Vello Cárcere ou a Praza de Abastos. “O 80% do orzamento do Urban eran fondos europeos e se hai que devolvelos por unha mala execución das actuacións acometidas suporía ter que devolver moitos cartos”, argumenta Olga Louzao. O grupo de Ciudadanos pregúntalle tamén ao Goberno municipal se o vindeiro 31 de marzo, data límite para a finalización das actuacións incluídas no Urban, proxectos como o do Vello Cárcere ou o Centro de Novas Tecnoloxías pegado á Casa Consistorial van estar rematadas.